Acabo de ler dous libros que me encantaron. Dous libros de
dúas persoas que quero e admiro: Fina
Casalderrey e Fran Alonso. Dous
libros diferentes, un infantil e o outro sen idade definida: un dos chamados
libros fonteirizos.
Dous libros que
demostran a altura da nosa LIX, ese
“subxénero”, termo que algunhas persoas seguen a utilizar despectivamente (si,
cun certo desprezo!) para referírense á literatura que se escribe dirixida aos
nenos e nenas e á mocidade.
Historia
da bicicleta dun home lagarto (Sopa
de libros) e Silencio (Fóra de xogo),
que así se chaman estas interesantes historias editadas por Xerais,
indican que o nivel da nosa narrativa infanto-xuvenil, non decae e que apunta
sempre a novos temas, novas formas e que coida o seu discurso literario tanto no
aspecto lingüístico coma no formal.
Fina Casalderrey narra cun agarimo cara aos lectores coma
poucas persoas o fan. De aí -e da súa mestría- que os seus libros cheguen con
facilidade aos receptores. Sensibilidade, gusto pola beleza, rexistro directo e
misterio son algunhas das características das súas historias.
Fina chega
directamente ao corazón de quen a le.
E en Historia
da bicicleta dun home lagarto repítense estes rasgos característicos da
súa obra.
Mundo, un neno
espelido, vital, dinámico ten os ollos ben abertos á realidade que o rodea. O
que non acerta a comprender é a misteriosa desaparición do seu pai. Decátase de
que ao seu redor o medo tingue os rostros dos veciños, a súa nai viste de negro
e hai algo no ambiente que pesa demasiado. El non desanima e ten os ollos
abertos ao que sucede. Fica abraiado cando ve uns homes que colocan madeiros
ben altos, mastros xigantes de telefonía. Fascínano e pensa que son homes
lagarto ao velos gabeando por eles.
Fina Casalderrey
vai desenvolvendo neste relato o ambiente nun tempo (os anos trinta), nunha
época dura da historia deste país. A situación social, como quen non quere a
cousa, queda retratada con elegancia e sinxeleza. A min emocionoume o clima que
consegue. Hai pasaxes acedas moi ben contadas. Fala da guerra civil sen estridencias.
Está aí, envólveo todo, pero describe a situación cunha naturalidade que
engaiola.
Un libro recomendable sen ningunha dúbida que conta cunhas
ilustracións vivas e expresivas de Laura
Súa Campo.
Silencio,
de Fran Alonso, vén sendo a expresión escura, chea de desacougo da sociedade
que nos está tocando vivir.
Unha narración que parte das vivencias dun
xornalista galego, incómodo ao poder e castigado por este marcha a Madrid na busca dun traballo. Unha
atmosfera lúgubre, que xa comeza co aluguer dun piso vello e enigmático,
envolve todo o relato.
En primeiro lugar,
as reaccións dos vellos compañeiros de estudos supoñen unha decepción para o
protagonista. Logo, as portas están pechadas para el: chegou moi lonxe en
Galicia coas súas denuncias. Dende o principio, cos ruídos e silencios, coas
voces difíciles de entender procedentes da vivenda do lado, Fran Alonso intenta
(e consegue) introducirnos no misterio, no desacougo do ser humano, espido
diante do descoñecido.
Os personaxes que poboan a historia están cheos de limitacións. Sen ningunha dúbida son as nosas limitacións. Sentímonos transportados a un espazo sorprendente que nos inquieta. Exactamente igual que ao protagonista.
Silencio
é unha novela curta, de suspense. De suspense cotián. Está escrita cun estilo
directo, moi conciso. Isto fai que haxa na narración un ritmo vertixinoso,
intrigante que non concede a máis mínima tregua.
Rematas a lectura bastante desacougado pero feliz de ter lido
boa literatura, aínda que o final poida resultar un chisco precipitado.Nada embaza o pracer da lectura deste libro.
Si, boa
literatura. Deixádeme poñer Literatura en maiúscula. A estas alturas
coidaba eu que o tema da LIX e da súa importancia era algo que non se discutía.
Mágoa que algunhas persoas non gocen da LIX como o fago eu.
Mágoa que sigan a menosprezala, a mirala por riba do
ombreiro.
Mágoa.
Que pouco se avanza neste eido!
Síntoo por elas.
Que lle imos facer!
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO