viernes, 17 de mayo de 2024

LETRAS GALEGAS: "Luísa Villalta, voz e compromiso con música e palabras."

 


Como se di moi ben na contracapa do magnífico Luísa Villalta, melodía de palabras, escrito por María Canosa e editado por Edicións Xerais, na colección Merlín (Letras Galegas), “Luísa Villalta foi unha muller conectada coa vida, e fixo desta un espazo máis amable que encheu de beleza e compromiso.

A Luísa Villalta adícaselle o Día das Letras Galegas 2024 pola súa inestimable achega literaria e cultural: foi unha visionaria, unha modernizadora da poesía e do teatro, pero tamén unha congruente defensora das nosas raíces e da nosa historia.



Ademais, destacou na súa faceta musical como violinista: a música e a literatura conflúen na súa obra e conforman un estilo propio e orixinal. A docencia, entendida como un saber xeral, e a loita por que a xustiza e a igualdade habiten en todos os ámbitos, foron outros dos intereses da autora.



Luísa Villalta foi emoción e compromisa nunha mesma voz, esa que prestou a tantas causas para poderen ser escoitadas”.

Non se pode explicar mellor tanto o espírito literario-musical como social como o fai este texto. Por iso, fago miñas estas magníficas palabras.

 

Deseguido, un poema da nosa autora, contido no seu poemario En concreto, co que Versos e aloumiños homenaxea unha poeta que sempre nos emocionou.

 

 



A ESTACIÓN

 

Onda nós nunca pasan os trens.

Só chegan ou parten.


Por iso tamén somos nós

a nosa última estación

o noso amor definitivo.

 

Así podemos marchar

no único sentido posíbel

ou esperar o avalo dos viaxeiros

para sentirnos expandidos nas miradas extrañas

que chegan arrastrando as bambalinas do mundo.

 

Onde nós non hai nunca outro destino


que ser un anónimo fin

ou un glorioso comezo.

 

Máis alá

máis alá somente o mar

e a incertidume da luz

o extremo

o abismo

o espello detido en nós.





martes, 14 de mayo de 2024

REMUÍÑO DE LIBROS (81) "O corazón dos paxaros", de Xerardo Quintiá


 


O corazón dos paxaros

 

Xerardo Quintiá

 

Ilustrado por Nuria Díaz

 

Edicións Xerais de Galicia. 2023

 

 

A dedicatoria do libro xa indica o camiño por onde transita O corazón dos paxaros, unha fermosa, sinxela e directa historia, escrita por Xerardo Quintiá e ilustrada belidamente por Nuria Díaz: A todas as persoas que aman a natureza e a queren viva e ceibe”.

 

Crisantemo, un velliño que ama os paxaros e vive nunha casa coas paredes tortas e á que non lle puña portas, séntese feliz cando os oe trilar. Debúxaos nun caderno que sempre leva canda el. Vive en Vilachosca, onde hai unha camarilla de cazadores que disparan aos paxaros e o noso protagonista failles fronte, porque non pode aguantar que disparen e que cada vez nas inmensas fragas do lugar vivan menos paxaros.

Diso vai esta preciosa historia: unha alegación contra a caza. Un intelixente planteamento do autor para concienciar destes actos.

O corazón dos paxaros móvese entre o humor e o compromiso coa natureza. Neste álbum ateigado de humanidade atopamos un discurso literario excelente no formal, un motivo para falar da importancia dos animais e como nos relacionamos con eles, ademais de gozar do traballo espléndido de Nuria Díaz, cunhas imaxes moi coloristas, cheas de vida e dunha enorme expresividade.

 

Xerardo Quintiá. Foto Xerais

Unha historia para ler tamén en voz alta, moi poética, cun ritmo axeitado ao desenvolvemento do relato.

Fixéronme graza os xogos de palabras dalgúns nomes (Os Dis-para- dores ou Dionisio Tira Parriba, por exemplo) e estou seguro de que fará as delicias de pequenos e maiores.

Un acerto, sen dúbida, de Xerardo Quintiá e de Nuria Díaz, para remover conciencias, provocar a reflexión e facer boa literatura acompañada por unhas ilustracións cheas de vida. Non é doado e é algo que se agradece.

 

 

                                                                                                       Antonio García Teijeiro


jueves, 9 de mayo de 2024

Antonio García Teijeiro cos irmáns Cunha nunha fermosa velada na librería Versus


 

Antonio García Teijeiro, Alberto Cunha e Andrés Cunha na Librería Versus




Foi un acto fermosísimo o vivido na Librería Versus, unha librería de referencia en Vigo, que Sabela leva con gran paixón e moitísima intelixencia e dedicación.

Feliz, moi feliz de volver aos seus andeis e mesas ateigados de bos libros.

Mesturar música e poesía é algo sublime.

Exaltación da palabra escrita, oral e enchela de música.

A conversa entre Antonio García Teijeiro e Alberto Cunha, con Andrés Cunha á guitarra foi emocionante. 

    

Noa García Garrido le un poema de seu despois de expór a súa experiencia docente

       Había moito agarimo no que alí se dixo e cantou: recitado de poemas, cancións admirables (Cantares, de Serrat, Aí vén o maio, de L.E. Batallán, Se falases de min, de Paco Ibáñez…), exposicións de experiencias poéticas no ensino e moitas cousas máis: Alba Piñeiro e Noa García Garrido contaron algunhas cousas das que fan no solitario día a día nos seus centros.

Alba Piñeiro lendo un poema cun alumno

Son moi grandes os irmáns Cunha. Teñen un corazón que non lles cabe no peito. Loitando pola Asociación Cultural de Casablanca, facendo barrio. Pura humanidade.

Eu sentinme moi feliz polo ambiente que alí se creou e o público quedou enormemente satisfeito e desfrutou do acto.

Alberto Cunha interpretando unha canción con Andrés á guitarra
 

Versos e aloumiños non podía permanecer á marxe. A velada foi gravada en audio e aquí embaixo podédela escoitar e, seguro, gozar.