BERTA DÁVILA (Santiago de Compostela, 1987)
MALDITA POETA…
Maldita poeta que me
está buscando
maldita poeta que busca
palabras para ter unha túa aperta.
Invertín seis cigarros
e nin unha soa bágoa
para escribir a ti todo
este verbo desmaiado.
APAGO…
Apago o último cigarro
contra o ceo
o ceo que non é ceo, só
unha parede húmida polos días e as luces
deste inverno,
apago o último cigarro
contra os muros e quítolle ao teu peito estes versos finais.
Os estanqueiros
deberían ter ás e ningún poeta merece a morte,
Eu xa non son poeta.
PARTEN…
Parten dez barcos de
papel da túa boca
e déixasme morrer
(viaxo no sétimo),
afógasme.
Son delicada,
translúcida e fráxil,
mudo fermosa só porque
podo romperme.
E non afunden
E non me rompo,
non me rompo nunca,
aínda que non me
queiras.
(Do libro Corpo baleiro, editado por Espiral
Maior. 2007)