Paco Ibáñez nun dos seus numerosos cocertos |
Hai fenómenos sociais ou movementos culturais que ocorren nunha
determinada época, cumpren a súa función, quéimanse no seu desenvolvemento e
desaparecen. As súas cinzas espállanse polo aire e algunhas persoas converténse
en anécdotas nun mundo de anécdotas, superficial e falto de contidos.
Hai outra clase de fenómenos, ás veces individuais, outros colectivos, que
funcionan ao longo do tempo sen deixarse engulir por el. Poden ser variados
pero eu vou referirme á poesía cantada. E nestes casos as cancións xogan un
papel fundamental, a palabra faise crítica, o verso, sentimento. A esta segunda
categoría de fenómenos pertence Paco Ibáñez. Loitador de guitarra nas mans,
incapaz de traizoar aqueles os que
dirixe a súa voz, cada vez mellor modulada, entre a brétema da poesía. Paco
Ibáñez, o trobador das emocións, o poeta da liberdade; esa persoa que converte
a poesía escrita en comunicación que nos axuda a comprender e, sobre todo, a
reflexionar. Paco Ibáñez, nunca superficial, dicindo en voz alta que este mundo
noso segue a necesitar dese alimento poético que algúns deciden esquecer.
Sempre deixei ben claro que Paco Ibáñez foi o meu mellor profesor de
literatura. Cando non proliferaban as antoloxías poéticas auténticas, -as que
permitía o réxime franquista non o eran- moitos atopamos en Paco a arte
convertida en canción (ou viceversa) que nos alimentaba o espírito e nos
permitía ollar máis alá da inmediatez baleira. Paco cantaba e, o que é máis
importante, segue a cantar á xustiza, á liberdade, á solidariedade e ¡como non!
á beleza, facendo de cada poema/canción un compañeiro para seguir andando, para
seguir respirando. E alguén coma el, que leva a poesía tan dentro, nestes
momentos que estamos a vivir, fala máis alto, se cadra, e , segundo el
proclama, gústalle ser un atizador de
conciencias. Se repasamos un a un os seus discos seremos conscientes de
estar diante dunha das antoloxías poéticas máis completas da literatura en
castelán. Pero o importante está na época en que o fixo, unha época negra que
negaba a Valente, Lorca, León Felipe, Otero, Celaya, José Agustín, Alberti, Gil
de Biedma..., poetas que el cantaba. E coa súa voz vibrabamos co Romanceiro, co
Arcipreste de Hita, con Jorge Manrique, con Quevedo ou con Góngora. Paco Ibáñez
converteuse na memoria colectiva dun pobo que necesitaba berrar. Ese mesmo pobo
que, hoxe en día, precisa da actitude e da arte de Paco Ibáñez. E moitos, moitos
máis dos que parecen, quedamos enfeitizados pola súa palabra. E agora non nos
sentimos orfos, porque Paco segue aí, chamando as cousas polo seu nome. Aquí
non cabe a nostalxia. Paco é presente e futuro. Paco Ibáñez é intemporal,
sempre terá vixencia porque non responde a modas nin a debilidades. Paco Ibáñez
é a poesía na súa esencia, esa que continúa a ser necesaria, conmovedora. Paco
Ibáñez non deixa de servir á canción, nunca traizoa o seu traballo, roza a
severidade e desprende tenrura cando afirma: “Xa non canto
para que me oian, senón para que me sintan”. E o máis marabilloso deste
home está en que, xa entrado este novo século, abriuse ás outras linguas do
Estado. Si, Paco canta en éuscaro, en catalán e mais en galego. Na nosa lingua,
nos concertos que está a dar continuamente,
canta unha canción do meu Paseniño,
Paseniño, Que ocorre na terra?, ten
musicadas dúas máis e fai unha versión do poema de Celso Emilio Ferreiro, Inverno, realmente marabillosa. Unha
mostra máis de que Paco vive e fai vivir. Unha mostra máis do seu compromiso
cívico, auténtico, coas linguas minorizadas, ás que defende con paixón. Dá o
mesmo onde cante. En Francia, en España, en Latinoamérica, a súa voz leva o
galego con ela. E emociona. Vaia se emociona! Que llelo digan aos galegos que o
rodeaban tras un concerto en Bos Aires e chamáronme conmovidos e eufóricos, ás
tres da mañá! co susto correspondente, para felicitarme e falar comigo. E por
se alguén non o sabe, direi que o ano
pasado Paco gravou un disco exquisito, Paco
Ibáñez canta a los poetas
latinoamericanos, no que recupera as fermosísimas cancións sobre poemas de
Pablo Neruda, ás que engade unha nova, La
muerte de Melisenda. E con elas están poetas como César Vallejo, Alfonsina
Storni, Rubén Darío e Nicolás Guillén.Paco non ten límites. Segue fiel ás súas
ideas. Resulta demoledor nas súas opinións. Por iso, Paco molesta e por iso se
comprende que os medios de comunicación o ignoren. Como se non actuase. Como se
estivese morto artisticamente. Como se trabucan, pero que hipócritas son! Paco
está máis vivo que nunca. Non esquece que Brassens lle fixo descubrir a canción. “
Aprendín que con ela se poden divulgar mensaxes profundas”. En Francia
adórano. Aquí, os progres que o
seguían durante o franquismo ignorárono vilmente na transición e nesta
democracia que dá noxo. Pero Paco Ibáñez non se rende. E non o fai porque leva
a súa dignidade e a súa honradez por bandeira. E a súa arte que non mingua. É
unha honra coñecelo. É unha honra ser o seu amigo. Para min, sentilo, resulta
unha necesidade e mais un privilexio.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO