sábado, 6 de abril de 2013

ESCAPARATE POÉTICO (I) Celso Emilio Ferreiro




Unha nova sección chega a Versos e aloumiños.
O seu nome:  ESCAPARATE POÉTICO.
Nel, terán cabida poetas de calquera lingua, cuxos poemas teñan un valor literario claro.
Cada tres días, un ou dous poemas aparecerán neste espazo. Poñeremos a cuberta do libro de onde se escollen os poemas.
Non pretendemos apropiarnos de nada. Queremos dar a coñecer homes e mulleres que fan boa  poesía e que deben ser valorados polo que escriben.
Non falaremos da súa vida, da súa obra nin dos seus méritos. Toda esa información está nos libros ou en internet, onde se pode consultar todo sobre os autores e autoras. Os poemas aparecerán espidos para ser degustados (ou non) polos lectores e lectoras, atendendo á forza da poesía e aos versos que os poetas propoñen para que este xénero sexa un pouco máis valorado.
Haberá poemas infantís e de adultos sen distinción. A boa poesía non ten adxectivos.
Haberá poemas en galego, en castelán, en portugués, en catalán, en éuscaro, en inglés, en francés ou en calquera outra lingua, na que a poesía poida expresar a súa dignidade como xénero.
Non cremos en linguas de primeira ou de segunda categoría. As linguas son todas da mesma categoría porque son o medio de comunicación dos seres humanos, forman parte e definen a cultura deses pobos que as falan e representan a súa identidade como individuos e como sociedade.

(Se algunha editorial se sente molesta pola utilización destes poemas, que, por favor, nolo faga saber e os eliminaremos deste escaparate que pretende ser amplo e diverso.)


ESCAPARATE POÉTICO é un esforzo máis para achegar a boa poesía ás persoas que a necesiten.



Hoxe comezamos con CELSO EMILIO FERREIRO  (Celanova,1912 – Vigo, 1979)
    


POETAS


¿ Pra que ser poeta

en tempos de miseria?

Para bercerlle o sono aos poderosos,

pro si non, podes facerte antipoeta

para ser hóspede do do home,

para que cada día seña

o primeiro do mundo.

Pásate á miseria, faite un Cristo

para construir o lirismo da fame,

a teoría dos himnos violentos,

o tema do disprecio e da iracundia

-          dies irae, dies despicio –

a metáfora do trunfo ineluctábel.

A poesía é unha fogueira,

queimémonos nela.

Para eso tan soio

son os antipoetas.

¿Mas houbo algunha vez

un tempo sen miseria?

                                    
(Do libro Dun tempo, dunha terra. Antoloxía poética galega. Selección de Gonzalo Navaza. Ed. Tambre)