lunes, 15 de abril de 2013

ESCAPARATE POÉTICO (IV). Eva Veiga




    


EVA VEIGA   (Ombre, Pontedeume, A Coruña, 1961)


NAI

CANDO veña o tempo de derrubar
as estatuas nosas
pola súa man noutrora ergueitas,
cando os nosos actos
e tamén os desleixos
voen como follas desprendidas
no aire indolente e incomprensible,
cando os nosos átomos e mesmo
os xenes que compartimos
se esquezan xa noutras existencias
da vida e forma sucesiva que nos deron,
entón, alén do sol e deste inverno
que me anega,
a luz túa sempre acesa
e desa luz a miña sede
avivarán o amor universal
que adoito refai tan alta casa.


TEZO…

TEZO con horas de alfinete
un tempo de esperanza contra o río que nunca volve,
contra o ouveo solitario dos meus dedos.



NIN AS …

NIN as louras palabras
Do anxo da noite
Acertarían
Na desviación
Que leva ao soño.



                     (Do libro A frecha azul do teixo, editado por Espiral Maior.2010)