lunes, 6 de octubre de 2014

AS FOLLAS MORTAS DO OUTONO

Non hai moito, o director e principal contribuínte deste blog publicou un dos seus dardos poéticos que tiña como tema a poesía sobre o outono. Iso fíxome pensar, non sei por que (supoño que porque case sempre estou a pensar en jazz e en vellas melodías), no famoso tema "Autumn Leaves", un dos moitos casos de standards orixinalmente compostos en Francia e despois adaptados ao inglés. Neste caso, trátase mesmo dunha canción que posiblemente acadase máis éxito na versión inglesa ca na orixinal en francés, sendo, iso si, as dúas excelentes, pero dende o punto de vista literario, a letra primixenia francesa resulta máis interesante ca a adaptación ao inglés.

As dúas letras, convén dicilo, son da autoría de dous homes cuxo traballo é dunha indiscutible calidade poética. O poeta francés Jacques Prévert creou o poema en 1945 para acompañar unha melodía composta por Joseph Kosma, e púxolle o título de "Les feuilles mortes" ("As follas mortas"). Os versos de Prévert, melancólicos e evocadores, fúndense perfectamente coa música de Kosma, e cando o vocalista e actor Yves Montand cantou o tema na película Les portes de la nuit, dirixida por Marcel Carné, converteuno nun clásico case instantaneamente. Velaquí a letra orixinal de Prévert, traducida ao galego:

AS FOLLAS MORTAS (LES FEUILLES MORTES)
Letra de Jacques Prévert (1945)
Jacques Prévert

Oh, gustaríame tanto que lembrases
eses días ledos cando eramos amigos.
Naquel tempo a vida era máis bela,
e o sol brillaba máis ca hoxe.
As follas mortas xúntanse no angazo;
xa ves, eu non me esquecín.
As follas mortas xúntanse no angazo,
as lembranzas e os remorsos tamén.
E o vento do norte lévaas
cara á noite fría do esquecemento.
Xa ves, eu non esquecín
a canción que ti me cantabas.

É unha canción que se parece a nós,
ti queríasme e eu queríate.
Viviamos os dous xuntos,
ti queríasme e eu queríate.
Mais a vida separa os que se queren,
docemente, sen facer ruído.
E o mar borra na area
as pegadas dos amantes separados.

As follas mortas xúntanse no angazo,
as lembranzas e os remorsos tamén.
Mais o meu amor silencioso e fiel
sorrí sempre e dá grazas á vida.
Eu queríate tanto, ti eras tan fermosa,
como queres que te esqueza?
Naquel tempo a vida era máis bela.
e o sol brillaba máis ca hoxe.
Ti eras a miña amiga máis doce
mais eu non acadei máis ca remorsos.
E a canción que ti cantabas
Sempre, sempre hei escoitala.


Johnny Mercer
Cinco anos despois da composición de "Les feuilles mortes", o magnífico letrista e cantante estadounidense Johnny Mercer (autor das letras de innumerables standards coma "One for My Baby", "Skylark" e "Moon River") decidiu adaptar o poema de Prévert ao inglés, mais só traduciu o estribillo da canción, facendo a un lado a introdución, é dicir, a parte que comeza "Oh, je voudrais bien que tu te souviennes". En certo sentido, non era esta unha práctica estraña, pois a meirande parte das introducións dos standards americanos non adoitaban ser cantadas polos vocalistas da época, que preferían ir directamente ao estribillo, a parte da canción que sería máis fácil de lembrar polos oíntes. Aínda que ninguén pode dubidar da calidade poética da meirande parte da produción de Mercer, o certo é que nesta ocasión simplificou o contido do poema orixinal francés, creando unha letra que sitúa acertadamente o tema no outono pero que quizais non teña o poder evocador dos versos de Prévert. A continuación, presentamos a versión de Mercer na súa tradución ao galego:

AS FOLLAS DO OUTONO (AUTUMN LEAVES)
Letra de Johnny Mercer (1950)

As follas ao caeren
pasan diante da miña fiestra,
as follas que caen
vermellas e douradas.

Vexo os teus beizos,
os bicos do verán,
as mans bronceadas
que eu collía nas miñas.

Dende que te fuches
os días tórnanse longos,
e axiña hei escoitar
a vella canción do inverno.

Mais bótote de menos sobre todo,
meu amor,
cando as follas do outono
comezan a caer.

Como podemos ver, a letra de Johnny Mercer resulta máis telegráfica, case coma se tentase escribir unha serie de haikus, e as lembranzas do amor perdido reflíctense nesas follas do outono que caen diante da fiestra da voz poética. Pero a voz poética de Prévert, en parte porque a súa é unha letra máis longa, dispón de máis tempo para lembrar o pasado feliz previo á perda do amor e para interpelar a súa amada, de tal xeito que case todo o poema, dende o inicio, está dirixido melancolicamente a esa amada que xa non ha voltar.

Sería practicamente imposible enumerar todas as versións deste tema que se teñen gravado ao longo dos anos, e en varias linguas diferentes, pero salientaremos tres en especial. A primeira delas é unha interpretación de Yves Montand ao vivo no Olympia de París, que comeza cun recitado antes de principiar a cantar a peza. Sen dúbida, unha pequena marabilla que nos dá unha idea de como ten que soar o orixinal francés de Prévert.



Para facérmonos unha idea do son da adaptación inglesa con letra de Johnny Mercer, incluímos unha interpretación case minimalista de Frank Sinatra, gravada tamén ao vivo, probablemente nos anos sesenta, na que A Voz explora todas as sutís posibilidades dramáticas que a letra e a melodía poñen á súa disposición.



Moitas foron tamén as versións instrumentais que ducias de jazzmen fixeron de "Autumn Leaves", pero sen dúbida, unha das mellores é a de Miles Davis, longa e suxestiva, rexistrada en 1958 e incluída no seu disco Ballads & Blues, e que influíu poderosamente en revisións posteriores da melodía como a de John Coltrane, por exemplo.




                                          ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ