lunes, 27 de noviembre de 2023

FAÍSCAS (15) "URCO, UNHA HISTORIA RECICLADA", UN FERMOSO PROXECTO, de Soledad García Riveiro e Ángela Costas

   


          

Cando miramos aos ollos dun animal abandonado, vemos máis que tristeza. Vemos esperanza, determinación e o desexo de atopar amor e seguridade de novo. Esta é a esencia de "Urco, unha historia reciclada", un libro no que pretendo conducir máis alá das páxinas, para conectar con quen as lee.

 

 

A historia de Urco e a miña están entrelazadas polas segundas oportunidades. “Urco, unha historia reciclada” está baseado no caso real do can dos nosos amigos. A obra participou en dous prestixiosos concursos de álbum ilustrado e non tivo sorte, penso eu, porque o seu destino era outro. Unha proba de que, incluso na derrota, hai esperanza. Igual que Urco, eu tamén tiven que loitar moito na vida, aprendendo a xogar a perder.

 


Ao crear o libro quería ir máis alá e marcar unha diferenza non só coas palabras, senón tamén coas imaxes. Ángela Costas é a ilustradora de Urco, unha artista que puxo o corazón xunto aos materiais reciclados, mesturou agarimo entre as bolsas de desfeito e as redes de verduras e grampou tapóns ás emocións dos envases de leite e friame. Esta elección foi unha declaración de intencións. Queríamos demostrar que, igual que o lixo se pode transformar en algo bonito e significativo, os animais abandonados tamén merecen unha muda semellante nas súas vidas.

 

Porén, a mensaxe subxacente en "Urco, unha historia reciclada" vai máis alá do papel e das ilustracións. É unha chamada á nosa humanidade compartida, unha invitación para que todas e todos reflexionemos sobre as segundas oportunidades que podemos ofrecer, non só aos animais, senón tamén ás persoas do noso contorno e a nós mesmos. Ao adoptar estamos construíndo unha comunidade máis compasiva da que o amor e a empatía son os piares. Por iso, quero dar as grazas a concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, por difundir este proxecto altruista de máxima concienciación social para que Urco chegue a todas as nenas e nenos que cursan segundo de primaria de Vigo, a todas as bibliotecas de Vigo e do Val de Miñor e se difunda na cartelaría dos parques caninos.

 


O Concello publica o libro "Urco, unha historia reciclada" na imprenta máis antiga de Vigo, Gráficas Ezponda, repartindo un total de 6.000 exemplares. A maquetación correu a cargo da deseñadora gráfica Natalia Guisande. "Urco" contén actividades para aprender os coidados dos animais, as razas, as emocións e a importancia do microchip, entre outras. Ademais dispón dun código QR para acceder aos cans e gatos en adopción do refuxio municipal de Vigo.

 

Despídome aquí expresando o meu máximo agradecemento a Antonio García Teijeiro pola xenerosidade de visibilizar e explicar este proxecto. Esta acción destaca a marabillosa persoa que hai detrás do poeta, profesor, escritor, antólogo… E isto crea conciencia, polo que estou profundamente agradecida.

 

Que sigamos lendo, crecendo e soñando.

 

Mil grazas mestre Antonio!

 


martes, 21 de noviembre de 2023

A POESÍA DE ÁLVARO CUNQUEIRO NO PODCAST "EL ENVÉS DE LA PÁGINA" con Antonio García Teijeiro





Dende hai xa varios anos, levo publicando na miña canle de YouTube un podcast (ou videocast, como tamén se lle podería chamar) dedicado aos libros e á literatura titulado, nun requebro cunqueiriano, El Envés de la Página.

     Recentemente convencín ao dono deste blogue de que participase nel comigo, unha vez ao mes, nunha serie de episodios centrados arredor da poesía de diferentes autores e autoras que para el fosen de referencia.

     Nun principio, como adoita ser o caso, el non estaba seguro: "Que o programa é en castelán e eu síntome máis cómodo falando en galego", foi o primeiro dos obstáculos que puxo. Compréndoo, abofé, pero o programa é en castelán porque, no contexto dunha canle que ten suscritores en diversos países castelanfalantes, a idea é facilitar que os contidos cheguen o máis lonxe posible e ao meirande número de oíntes posible.

     Amais, a idea é que unha grande parte dos escritores e escritoras tratados nestes episodios sexan galegos. Con ese argumento irrefutábel finalmente convencino e o resultado é este primeiro episodio, gravado o pasado mes de outubro, no que parolamos en profundidade sobre a poesía de Álvaro Cunqueiro, sen dúbida un dos aspectos menos coñecidos e menos celebrados do gran autor mindoniense.

     Por se vos interesa, deixamos o programa aquí abaixo, agardando que, se tedes a oportunidade de velo, o disfrutedes. E podemos asegurarvos que non é máis ca o primeiro de moitos episodios semellantes que virán no futuro.

                                                       ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ




viernes, 10 de noviembre de 2023

DARDO POÉTICO (XCIII) Ana María Fernández e o seu poema "A guerra"

 



Ana María Fernández é unha poeta de un gran nivel na nosa literatura infanto-xuvenil, ademais dunha narradora excelente (moitas veces partillando obra co Xoán Babarro) , que sabe chegar moi adentro no lectorado.

      

Ana María Fernández

       Pero eu, que a valoro en todos os sentidos, quero salientar esa faceta de poeta cara a un público que non ten idades concretas.

      Así o fixo co seu magnífico Amar e outros verbos, que recibiu en 2001 o Premio Lazarillo e en 2016 publicou na editorial Galaxia Versos da tarde laranxa, na colección Árbore.

       No ano 2021 tira do prelo, na mesma editorial, un poemario excelente que se chama Incesante vagalume, desta volta na colección Costa Oeste. Unha obra chea de reflexións fondas, con poemas de enorme calidade e onde a poeta, nada en Palma de Mallorca (1949), pero que leva toda a vida en Galicia, nos propón un exercicio de poesía intimista, evocadora e chea de sensibilidade.

 


        Que vivimos tempos convulsos non o dubida ninguén. Que os poderosos son máis poderosos que nunca e os febles, máis febles, podemos de estar de acordo. Que as guerras (unhas máis chamativas ca outras, mais sempre vivas) seguen a abrir feridas sen cicatrizar e provocan moita dor nos seres humanos que as padecen, non se pode negar.

        Recoñezo estar moi sensible nestes momentos. Gaza, ese enorme campo de concentración permanente, onde os seus habitantes sofren toda sorte de crueldades a mans do estado de Israel, está sangrando. Bombardeos, cortes de luz, de auga, fuxidas, privacións brutais, civís desprazados de todas as idades, violencia e outras barbaridades inhumanas prodúcense cada día e dende hai máis de 70 anos. Ninguén quixo poñer fin a este masacre (non interesa) e os resutados non poden ser máis tráxicos.

 

(Foto de Público)

      Nestas estaba, cando me deu por reler Incesante vagalume. E no poemario atopei un poema que está máis que vixente, por desgraza, nestes días. Titúlase A guerra e podedes lelo deseguido.

       

 As guerras non teñen un dono.

          Aparecen de súpeto, cando menos as esperas, igual que

          nace unha árbore nova e inicia a súa andaina alí onde,

tempo atrás, alguén esqueceu unha carabuña.

          A guerra é un salmo continuo de estoupidos e os humanos

Somos os únicos autores.

 



jueves, 2 de noviembre de 2023

A LUZ DAS PALABRAS (93) Manoel DaCosta

 




Coñecer a Manoel DaCosta é unha satisfacción. Un luxo. Home comprometido, culto, amante das artes e gran conversador, ademais de amigo dos seus amigos.

Sempre ten algo que achegar e é un traballador incansable que goza coa palabra escrita, lida e oral. Por iso é tan querido.

Dende a súa formación na ciencia, Manoel ve o que o rodea dun xeito aberto, crítico, á vez que positivo, no que non falla o seu compromiso coas persoas e coas causas.

Por iso e por moito máis, A luz das palabras recolle con  o interese un proxecto literario que el concibiu como unha triloxía, cuxo terceiro e derradeiro volume acaba de aparecer nas librarías.

Imos con el á Taberna do Mincha e que nolo conte.



Manoel DaCosta (Foto Asociación Vigo Bosco)

Crónicas dun filósofo tabernario.

Ou de como a forza da amizade metamorfoseou unha publicación dunha rede social nunha triloxía literaria.

 

Como “de ben nacidos é ser agradecidos”, comezo estas páxinas dando as mais afervoadas grazas a todos os lectores que me acompañaron neste longo camiño que vai desde as primeiras publicacións nas redes no 2014 a este “Escoite e verá!” de 2023 que pecha a triloxía das “Crónicas”.

Dou as grazas e non fago nada de máis, porque son dos que pensan que na nosa terra os premios deberan concederse aos lectores e non aos escritores, que ao cabo e ao fin son os que xustifican toda esta industria, ás veces incluso cultural. Coidémolos! Que se temos que crer ás estatísticas son especie en risco de extinción.[1]

E falando deses “raros peixes[2] que son de vez grandes lectores e grandes escritores non hei de esquecer nos meus agradecementos a un dos seus máis eximios representantes: ao meu benquerido amigo Antonio García Teijeiro. Antonio foi dos primeiros en estar sempre aí, insuflándome o necesario entusiasmo para persistir, e non afrouxar, no empeño de levar adiante este proxecto, máis ontolóxico que escolástico, materializado nestas “Crónicas dun filósofo tabernario” que hoxe, coa súa xenerosidade habitual, me pide que comente neste seu caderno de bitácora para navegacións oceánicas.

E debo confesar que agradezo o seu encargo. Que me enche de orgullo e satisfacción, e que non teño dúbidas na forma na que debo facer cumprido desempeño da súa amable petición. Pois, que outra forma podería adoptar a pormenorizada descrición pedida, que a dos propios contos que lle dan forma?

Así que, sen máis circunloquios, alá vai o conto!

Alá polo ben afastado 2013 —o día 31 de xullo, por ser mais precisos—, os meus compañeiros do Departamento de Enxeñería Eléctrica da Universidade de Vigo celebraban o meu paso á situación de xubilado cunha cea, non sabería ben dicir se de homenaxe ou alivio. Empezaba para min unha vida mais libre de obrigas e ataduras, na que podería ser o dono do meu propio tempo. Polo menos na teoría, que logo veu a vida a poñelo todo do revés.

Pero o que si era certo e que un pouco de tempo mais tiña para dedicar a tres das miñas afeccións: a música, na ETRAD e no Fiadeiro, a pintura e o debuxo, e a escrita daquela novela que todos soñamos con dar a ferro un día. E como antes de saír a pescar cómpre aprender a remar, pensei que sería oportuno exercitar a miña esgrima literaria cuns pequenos contos, a modo de comentarios de actualidade ou da memoria dos meus, e que puxen nos beizos dun vello mariñeiro da Bouzas da miña infancia ao que puxen por nome Mirequelledigo, contracción da frase introdutoria coa que comezaba os seus relatos.

Nunha das primeiras publicacións, en novembro de 2014, o Mirequelledigo explicaba, un tanto literariamente, a súa orixe:

Mire que lle digo, don Manoel! Nacín dunha conversa despois dun concerto. Son daquela fillo da música e da amizade. Son home tranquilo e pouco amigo de facer as soltas antes de ter as cabras. As veces, cando me enche a carraxe do moito papo que teñen algúns, deixo de ser calado coma un peto e doulle a roncha a don Manuel, que sempre ten o seu aquel para aturarme. Estes días decidiu que xa era tempo de sazón e que cada moucho ao seu souto. Así que aquí me tedes, que un home é un home e un ghato é un bicho.

Fillo da música e da amizade, dicía. E acertaba porque segundo espira Mnemósine na miña orella, foi na saída do auditorio Reveriano Soutullo de Pontareas dun concerto do II Festival Groba onde, animando a unha boa amiga a reclamar a atención do resto da parroquia con tal expresión cominatoria, “Miren que lles digo!”, a eficacia do reclamo foi tal que fixo poñer ás mentes no estado de efervescencia necesario para arrancarme a promesa de comezar de forma inmediata a escribir as aventuras do personaxe que cociñáramos naquel pote colectivo. Demostrada suficientemente queda, pois, a proposición.

Mnemósine, a memoria, que reclama o seu protagonismo na triloxía. Porque diso vai, precisamente: da nosa memoria mais recente e da mais afastada; da memoria esquecida e da memoria secuestrada; da memoria do importante e da memoria do cotián. Porque, como nos recorda o noso protagonista:

somos o que recordamos, somos a nosa memoria, e cando ela marcha, xa non somos; só estamos.

O noso mariñeiro é consciente de que a súa memoria (e a nosa) tamén ten ás súas trampas, e que as mais das veces:

… enfeita as lembranzas e esborrancha desgrazas e infortunios, …

E que, tamén ten unha tendencia a xuntar varios recordos de datas e lugares diferentes, nun único relato:

Chiscos, migallas, partículas, que a memoria xungue nunha ilusión de continuidade coma no cinematógrafo …

Sabe, que aínda que loitemos por mellorala, con técnicas como as que no conto das «Claves mnemónicas» se describen, a memoria decae coa idade, e aínda as mais das veces esvaece os límites entre o real e o soñado. Por iso fala, conta, debulla, esmiuza, e pon en marcha o mecanismo sagrado da transmisión oral.

Porque, hora é de dicilo, os libros son un compromiso entre a memoria histórica e a literaria. Non é Historia, con letra capital, pero gran parte das cousas que suceden forman parte desa historia, con letra pequena, que estamos, todos nos, empeñados en salvar do esquecemento.

Así que xogando coa memoria vivida e a memoria inventada invento unha taberna, aínda sen nome, na zona vella de Bouzas e semento nela a un vello mariñeiro de rostro labrado polo sal de mil ventos mareiros, que gusta, coma min, da conversa, e que me serve tanto de narrador protagonista como de narrador testemuña para argallar ás miñas historias.

As primeiras destas historias son mais intranscendentes, lembranzas dun Bouzas do pasado, das xentes que respiran ao sosego dos bancos da alameda, memoria dos xogos das nenas e nenos, a mariola, as catro esquinas, o gua e a buxaina, o cravo e a billarda. Mais adiante xorden relatos mais persoais, mais comprometidos, das transaccións da transición, da miseria da pobreza e da pobreza da miseria, e aínda do drama da rotonda de Coia cun «Bernardo Alfageme» de decorado. Pero todas elas comezan coa mesma frase propiciatoria: Mire que lle digo, don Manoel!,

frase que serve para chama-la atención do persoal, acalar a barafunda e o batifondo do local, e indicar á parroquia que deben deixar con tento e delicadeza as cuncas no mostrador de mármore para no perderse nin chío da narración.

E o número das historias vai paseniño medrando na rede social do señor Zuckerberg. Paseniño, paseniño, porque na rede social do señor Zuckerberg a xente non le mais aló de tres liñas seguidas. Ata que un feliz día, tomando un café con AGT, aproveito para comentarlle a miña impresión de que unha rede social non é mellor medio para desenvolver un proxecto literario. O certo é que non sei se son eu o que chego a esta conclusión polos meus propios medios ou, moito máis probablemente, é Antonio quen mo sinala, pero o caso é que el xa pasou por esta mesma experiencia, e baixo o acertado consello e eficaz axuda do seu fillo Antón, desenvolveu un blogue que está a ter unha grande aceptación. Precisamente este blogue que estades a ler. Así que como “Nin moza sen espello nin vello (eu, non Antonio) sen consello”, poño mans á obra en nun “meu dito, meu feito” o xoves, 6 de outubro de 2016 meu blogue https://mirequelledigo.blogspot.com/ está accesible en Internet.


O blogue, tal e como apuntara AGT, resulta ser un espazo mais axeitado para este proxecto que misteriosamente comeza a voar pola súa conta, como se o “Mire que lle digo, don Manoel!” que da inicio a tódalas historias, viñera a ser a fórmula dun encantamento, o meu particular “érase unha vez”, a chave que abrira outro espazo e outro tempo no que se desenvolven as vidas das xentes, quen sabe se reais ou inventadas, que poboan a Galicia vivida e soñada que vai dende Santa Olalla de Verea a Celanova, do Chan do Pousadoiro a Láncara, de Arcade a Bouzas e de Bouzas a Bantry en Irlanda, navegando esa outra Galicia salobre dos bous do Gran Sol.


Mais “fillos criados traballos redobrados”, e ler nunha pantalla dun móbil ou aínda dun ordenador, por grande que esta sexa, nunca foi a miña idea da lectura. O blogue tiña que dar o seguinte paso na evolución e chegar a ser un libro. Un obxecto material de carne de papel e sangue de tinta, cuxas utilidades recolle a adiviñanza infantil mellor que calquera descrición pormenorizada:

Si quieres saber, te enseño.

Te alivio si sufres daño.

Si estás solo te acompaño.

Me callo si tienes sueño.

Como lector compulsivo e coleccionista incansable de libros dende a miña máis tenra infancia non teño outra que declararme culpable de adicción polo cheiro do papel impreso, polo tacto das cubertas duras e a elegancia das tipografías. Amo os libros porque hai tantos libros como persoas e tantas utilidades dos libros como o enxeño humano atrévase a imaxinar. Porque libros hai moitos e de utilidades varias:

Hai libros para  calzar mobles auxiliares que se obstinan en cabecear, libros para lanzar á cabeza dun alumno que se empeña en pasar a clase falando co compañeiro, libros de belos lombos para decorar casas de analfabetos funcionais, libros para queimar, aínda que como advirte Manolo Rivas ardan mal, libros para incluír no Índice de libros prohibidos, e mesmo, libros de consumo, para presumir cos amigos. Tamén están os libros que se rouban, os que se descoidan, os que lles prestas aos amigos e vólvelos a ver anos despois nos seus andeis, os que che regalan no banco por un plan de pensións, os que esqueces que tes e volves comprar para seguir sen lelos, e os libros de reclamacións, que non entendo por que se lle segue chamando desa forma se hai anos que son soamente follas.

Convencidos xa das utilidades dos libros en xeral, queda por intentar explicar como se dá ese seguinte paso na evolución necesario para que un blogue poda chegar a ser un libro, sen chegar a explicacións coma o que o novelista Michael Crichton pon nos beizos de Ian Malcom, o experto en «matemática do caos» de Parque Xurásico, “a vida ábrese camiño”. E a mellor explicación que se me ocorre é que é tal milagre é o froito da complicidade, a confianza, a firme vontade e, por que non dicilo?, do afecto entre un autor e un editor. Neste caso unha editora: Lucila Ventoso, que viña de loitar co meu “Centros de Transformación. Anatomía y fisiología”, un «mammóthreptos» de 1300 páxinas.


Crónicas dun filósofo tabernario (1). Mirequelledigo.



O día 1 de decembro de 2017 coincidindo co acendido das luces de Nadal, na extinta Librería Andel da rúa das Camelias de Vigo, «Mirequelledigo» se presenta en sociedade. Na mesa me acompañan Lucila Ventoso, a editora, e Miguel Angel Alonso Diz, forxador de versos e irmán querido. No acto falamos pouco do libro. Máis ben facemos que fale o libro coa lectura de tres contos escollidos nas voces de tres persoas moi queridas, ilustrados por tres cantigas populares interpretadas en directo. Dixen no seu momento destas seis persoas:

Co voso permiso vou a aproveitar este aplauso para agradecer o arte destes seis amigos da alma que tiveron a enorme xenerosidade de acompañarme nesta foliada das palabras e da música:

Nas palabras:

-          A miña netiña a quen vai dedicado este libro, Lucía Altés, a dos ollos insondables.

-          Isabel Blanco, a voz da poesía, do relato xusto, e a militancia polas causas xustas.

-          Antonio García Teijeiro, alma xemelga á primeira ollada, poeta e escritor inmenso, e aínda mellor persoa

E na música:

-          Na arpa e o violín, a doce e fermosa rapaza de Castrelos de dedos de veludo: Begoña Riobó!

-          Na zanfona, ese estraño instrumento que é coma unha caixa de zapatos cun manubrio, un auténtico home do Renacemento: Anxo Pintos!

-          E na voz e na percusión, o trasgo dos pes alados e dedos de lume; a voz que aloumiña, o grande, o trouleiro: Chisco!

Para mal ou para ben o libro como obxecto material non houbera sido como foi sen a intervención da miña editora, Lucila Ventoso, que foi a principal responsable da escolla das ilustracións, da portada, a tipografía, o papel, o tamaño do libro e, o que é mais importante, da decisión de manter a estrutura aparentemente caótica na sucesión das historias, convencida de que separándoas e poñéndoas en orde, se perdería unha das particularidades que mais lle gustara: a de poderse ler de mais dun xeito: unha única historia; todas de corrido; saltando de historia en historia para construír outro relato distinto; completo ou a retrincos; de adiante para atrás ou de atrás adiante; de seguido ou intermitentemente. Lamentablemente tamén da revisión lingüística ou da ausencia dela, un dos defectos que máis me reprocharon os lectores.

Forman o libro 145 relatos, 30 ilustracións, un prólogo, dous índices, dúas confesións e un parabén. Sesenta e dos deses contos teñen a Tino, o «Averomar» como protagonista. Son polo tanto o tronco do que me gustaría fora sobreira ou aciñeira.

Vos poño rapidamente en antecedentes: Tiniño é un rapaz orfo especialmente dotado para a música que devece por ver o mar. Como naceu en Santa Olalla de Verea, preto de Bande, nas terras de Celanova, para cumprir as súas arelas ten que asociarse cun vello gaiteiro, de nome Marcial, que o levará con el, tocando a gaita de feira en feira de romaría en romaría, ata chegares ao mar. Pero nada na vida é chegar e encher: chegar ao mar co Marcial vaille levar mais tempo do que pensara, aínda que algunha das reviravoltas fóralle de tanto proveito coma a que o levou ao Chao do Pousadoiro, onde coñeceu ao señor Seivane, o construtor de gaitas.

Un día —fasto ou nefasto depende para quen—Marcial morre, e o Tiniño herda gaita e oficio e comeza o seu camiño cara o mar de Vigo. Antes aprende a muiñeira de Chantada da man do insigne violinista pontevedrés Manuel Quiroga na illa do pintor Antonio Medal, a Insuiña. No barco de Cangas coñece a un rapaz que toca o acordeón amenizando o viaxe aos pasaxeiros que o pon en contacto co Mirequelledigo.

E alá van o Tiniño e o Mirequelledigo por un mar de color da lousa, larga e tendida, con vento decotío, chuvia e moito frío, camiño do caladoiro que chaman Gran Sol. A traballar, mollados e aterecidos de frío nos bous de altura, sen forzas nin para estibarse no leito despois de xornadas de traballo de vinte ou trinta horas con descansos de tres o catro horas, golsando ata o primeiro leite que mamaron, e sen pastillas de sombra de piñeiro para remediar o mareo.

Os accidentes son o pan de cada día nesta actividade. Un día o Tiniño case que vai parar ao mar a tocarlle a gaita ás sereas por mor dun despiste nunha manobra de largado do aparello de pesca, se non fora polo seu amigo o Mirequelledigo que sempre anda ao quite. Tiniño rompe unha perna e teñen que desembarcalo en Bantry, e levalo nun taxi ata o Mercy Hospital de Cork, onde coñece unha linda enfermeira: Aileen, a de louros cabelos, coa que casa nunhas vodas de cervexa tépeda ás que asiste boa parte da tripulación. Nun aparte o Tiniño conta a Mirequelledigo as súas dúbidas coa nova vida que lle agarda naquelas terras. E ao seguinte día, cando o bou colle rumbo á Bouzas o Tiniño está ergueito na popa, ollando para o ronsel que o buque deixaba esvaecéndose pola popa coma o seu matrimonio con Aileen!

Crónicas dun filósofo tabernario (2). A taberna do Mincha.




O segundo libro naceu con mal pé. En decembro de 2019 eu xa teño o texto definitivo coas correccións da miña revisora lingüística —desta volta non vou cometer o mesmo erro— e as ilustracións. Pero decembro é mala data e xaneiro trae a resaca das festas. Para finais de xaneiro aínda andamos corrixindo os erros da maqueta pero eu xa vou comprometendo datas na Libraría Cartabón e no Museo de Pontevedra para o mes de febreiro. Pero o 14 de marzo o Goberno de España decreta o estado de alarma para a xestión da situación de crisis sanitaria ocasionada polo COVID-19 e o non infectarse pasa a ser o único importante. O primeiro de abril morren 950 persoas en España nun so día. Ao día seguinte superamos os 10.000 falecidos desde o inicio da pandemia. Pero a situación mellora e o 11 de maio de 2020, finaliza oficialmente o confinamento e dá comezo a primeira fase da normalización coa apertura das terrazas de bares e restaurantes. Cousas!

Pola nosa banda agardamos ata o mes de outubro para retomar o traballo. Xa se sabe que estas cousas da cultura —aínda que sexa de cultura-filosofía tabernaria— teñen menos presa. Menos presa, pero tendo en conta que o horizonte é estar nos andeis, a disposición desa xente de gusto selecto e boas costumes que aínda consideran que un libro é o mellor dos agasallos posibles, antes do Nadal. E a entrega do libro vaise adiando semana tras semana deixándonos sen espazo temporal para a presentación antes desa data. Ata que o día dous de decembro aparece pola porta un transportista cun paquete amarelo. Collo a cámara fotográfica e documento o momento. Xa teño nas miñas mans o obxecto do meu desexo. “Preciosa portada!” —me digo. “Merda! A ilustración da contra capa en B/N! E a foto da lapela equivocada! E a segunda lapela baleira! E falta a dedicatoria; e os agradecementos! E, e, e...” E a cada novo “e” é como se me romperan un dedo! Cómpre facer algo. Ou non?

Desta volta son menos contos —70 no canto de 145 relatos—, pero máis longos que os do libro anterior, co que o libro ten máis páxinas, malia ter un único índice e ningunha confesión nin parabén. Tamén medra o número de ilustracións, pasando das 30 anteriores as 38 deste. E a árbore da comparativa xa non é unha aciñeira de tronco único, senón un amieiro de máis de un.

Seguindo esta semellanza o primeiro tronco o formarían os relatos que xiran arredor da familia que forman Farruco, Fina e a pequena Sefa, que chegaron a Bouzas dende Campobecerros para instalarse no baixo dunha casa medio derruída da rúa dos Alfolíes, onde abriron unha máis tasca que taberna, a taberna do Mincha, esa “derradeira trincheira da cultura popular nas que aínda se pode falar e cantar”, onde o Mirequelledigo e os seus amigos “celebran, inaccesibles ao desalento, o vello ritual da comunicación oral”.

O segundo tronco medraría arredor da familia do propio Paio, o Mirequelledigo. Do seu pai «paseado» nos primeiros días posteriores ao levantamento fascista, e moi especialmente da súa nai Peregrina, e das súas angueiras para sobrevivir, no Bouzas da posguerra, á súa traumática viuvez malia o seu enfrontamento coa igrexa oficial.

“Ben certo é que o animal humano é capaz do mellor e do peor! Claro que non o mesmo animal! Cando a miña nai chegou a casa, baldada e cos pés descompostos de tanto correr arriba e abaixo polas rúas da vila na procura de traballo, estábanlle a agardar os amigos do seu home, aqueles mariñeiros polos que deu a vida, cunha patela do mellor peixe escollido do quiñón de cada uno deles.

E mire que lle digo, don Manoel! Aquel peixe salvounos a vida, que a miña nai colleu un pano, fixo un mulido con el, puxo a patela enriba, e aínda derreada como estaba, saíu á rúa a vendelo polas casas nas que antes lle pecharan a porta, para descubrir con algo de pasmo e máis de satisfacción que diante do peixe de calidade esmorecen as ideoloxías!

Leva a patela do peixe,

miña nai, na súa cabeza.

Ábrenselle as portas dos ricos

que antes lle estiveron pechas.”

 

Ao resto xa non sei se chamarlles troncos ou ramallos. Vexamos! Temos tres contos de pantasmas que ocupan 17 páxinas; os dous contos de pesca, nove; os contos para mociñas, vinte e unha; os contos de Bouzas; os contos da Limia, ... Troncos, troncos!

Nada como o método científico para obter conclusións discutibles! E como horas son de ir rematando, deixo aquí a lista de agradecementos que o maquetador deixou fora da primeira edición, e que, de non cambiar moito as cousas, ameaza con ser a única.

Agradecementos.

Facer listas é moi arriscado; por moito que tires de memoria sempre vas esquecer a alguén. Pero o non facelas non é moito mellor; porque o agradecer a todos é tanto como como non agradecer a ninguén. Polo que, sen máis xustificación, alá vai a lista:

     Ao meu Bouzas, que perdín xunto co meu pai alá polo ano 1959 e recuperei anos despois grazas tamén a estes contos.

     A Helena Martínez Sanjuán polo seu traballo incansable na mellora do texto, tanto baixo o punto de vista ortográfico e sintáctico, como o de devota lectora das andanzas do noso mariñeiro.

     Aos meus queridos Miguel Ángel Alonso Diz, Alejo Amoedo Portela e Antonio García Teijeiro que sempre están ao meu lado cando os necesito.

     A Marisé Fernández que nunha conversa na rúa deume un dos fíos argumentais do libro. Para Xosé “Muelle” Núñez Rocha e os seus pais en cuxo homenaxe situei a acción dese fío en Campobecerros, cuxa terra e circunstancia deume colleita abondosa de relatos.

     E se de colleitas falamos a das terras da Limia tampouco foi pequena! Grazas ao “Tavo” Ledo, ao que lle debo algunhas das máis gallofeiras. Coma non cabía outra vindo dun Ledo!

     Para Xosé “Pipo” Liz, que contribuíu coa súa experiencia nese estraño corpo militar que se chaman a se mesmos civís, e cunha fermosa canción: Meu Vigo mariñeiro que canta cos seus Airiños do mar de Teis.

     Ao “Señor-e Luis-e”, un torneiro asturiano desterrado a Vigo polo franquismo, en cuxo taller aprendín moito da loita de clases, e das unidades de medida imaxinativas como o «pelímetro» e a «collonésima de pelímetro».

     Ao descoñecido vellote, ao que por non saber o seu nome din en chamar Diamantino, ao que lle escoitei a queixa que é a cerna do conto do “radio” que funcionaba mal.

     Aos meus benqueridos Raimundo Silveira e Antonio de la Cruz, cos que tantas cousas comparto ademais de mesa, mantel e contos das “instalacións eléctricas a bordo de buques” que só teñen graza para nos.

     A Laura, a nosa peixeira de confianza, que me contou as anécdotas que serviron de inspiración a un par de contos.

     Aos meus antigos alumnos, e con todo amigos, de Ordes polo afecto e pola paisaxe dos tres contos de aparecidos.

     A Concha e Xaime da libraría Andel por seguir crendo que o noso idioma paga a pena.

     E á miña netiña Lucía, que xa está feita unha rapaciña, para quen escribín varios contos ... por non dicir o libro enteiro.

Volvendo á evolución comercial do libro, ao final conseguimos facer unha presentación coa Asociación Cultural Vila de Bouzas na Alameda, fronte á casa onde vivín de neno; unha no Museo de Pontevedra, na que a ausencia de calquera presencia institucional nos deu pe a facer unha merecida homenaxe ao anterior director do Museo, Carlos Valle; e unha en Vilagarcía cos amigos do Faiado da Memoria. Moitas outras quedaron en nada. Nin tan sequera da Biblioteca Pública de Verín, que obxectivamente debera estar interesada nesta parte da súa memoria histórica, obtivemos a máis mínima colaboración.  


Crónicas dun filósofo tabernario (3). Escoite e verá.



Pois se dixemos que o segundo libro naceu con mal pe que poderíamos dicir do terceiro! Supoño que a esta altura os problemas da editorial eran da tal magnitude que o mellor para eles era que non nacera. Tanto é así que o a finais de setembro, xa desesperado, envío unha mensaxe á editora pedíndolle me aclare se van cumprir a promesa de editar o terceiro libro das "Crónicas", pregándolle que, se este é o caso, me propoñan unha solución axeitada para que o terceiro poida ser igual aos dous precedentes. Despois dun tempo de agarda que me parece eterno, pero que non chega ao mes, recibo a conformidade pedida: poderemos pechar a triloxía. Non haberá tetraloxía pero tampouco son Wagner!

Brillantemente resolvido o problema da revisión lingüística —Helena Sanjuán necesita todo o tempo para preparar a súa oposición e non pode comprometerse a facelas nas datas propostas— coa afortunada incorporación ao proxecto de Begoña Méndez "Pico", queda por puír celosamente cada un dos relatos, e intentar mellorar a súa compresibilidade estudiando posibles redaccións alternativas. E debo dicir que o traballo de Begoña neste sentido foi especialmente satisfactorio, aportando coas súas aportacións unha significativa mellora, que creo que o lector valorará axeitadamente.

Outro aspecto ao que prestei especial atención neste libro é o das ilustracións. Mentres nos dous anteriores a parte gráfica era moito máis «debuxo artístico» que «ilustración», val dicir expresións visuais autónomas do texto, no volume que pechaba ás Crónicas do meu filosofo de cabeceira pretendía intentar verdadeiras ilustracións: expresións visuais creadas en función do texto ao que acompañaban e que lle serviran como complemento.

Ítem máis: se os debuxos artísticos dos dous primeiros libros podían ter cada un deles a súa propia técnica e o seu propio estilo, e a maior parte deles non estaban vinculados a un texto concreto, neste terceiro debían manter unha coherencia técnica e estilística, empregando incluso fotografías debuxadas e redixitalizadas unha e outra vez ata que adquiriran unha estraña mestura de realidade transformada.

Finalmente cada un dos contos —sesenta e tres, neste terceiro libro, menos que nos dous anteriores, para novamente máis páxinas, 316— iría obrigatoriamente encabezado pola súa propia referencia visual e remataría nunha copla popular, como necesario homenaxe a este noso pobo de poetas cuxos versos encabezaron os «Cantares gallegos» de Rosalía de Castro. Na contra capa se explica brevemente o seu contido.

Bouzas, época actual. Unha taberna nunha das canellas da vila: «a do Mincha». Unha baiuca que recende a polbo á feira e viño de Monterrei. Xente debruzada no mostrador e outra pouca sentada nalgunha das mesas do local, brunidas pola eficaz man da Sefa. Nunha destas mesas, don Paio, o «Mirequelledigo» e o seu amanuense don Manoel degustan viño e o petisco do día, adobiado por unha das fermosas historias con moita filosofía vital tabernaria e deducións abertas en forma de copla ás que nos teñen afeitos das dúas entregas anteriores das «Crónicas dun filósofo tabernario».

Se consideramos as andainas do Tiniño o Averomar como a cerna da primeira entrega destas Crónicas e os amores e desamores da Sefa o da segunda, podemos afirmar que son as historias do barrio da Estación de dona Lola, a muller de don Manoel, a parte senlleira desta terceira. Sen esquecer os episodios da batalla de Vigo e as funestas consecuencias da derrota dos que tiñan a forza da razón pero non a razón da forza, os contos de Xinzo de Limia, o verdadeiro significado dalgunhas tradicións, Homero e a «numeroloxía», a invasión da modernidade, os discapacitados morais e a posibilidade de redención. E moito da muller, das mulleres, das mulleres de acotío, das mulleres que traballan arreo mentres os seus homes descansan dos atafegos do día á sombra dunha «figueira de Bengala».

Nada máis. Creo que me estendín demasiado, pero en mans do lector intelixente está a habilidade para saltar a parte do texto que lle pareza menos interesante. Os libros nacen con cada novo lector no intre no que este abre ás súas páxinas, e pasan a ser tamén deles cando os dan cabo. Poucas cousas me poderían facer mais feliz que se cumprira aquilo de: nalgún lugar destes tres libros hai unha frase esperándoche para facerche saber algo mais de ti mesmo.

Forte e agradecida aperta aos que ata aquí chegaron.


Manoel da Costa

Domingo 22/10/2023



[1] Para a tranquilidade dos editores, e sempre segundo os datos desa mesma estatística, non sucede o mesmo co número de escritores, que non deixa de medrar, facendo que neste intre a relación entre uns e outros sexa de cento vinte lectores por cada cen escritores.

[2] Non acae ben ao noso poeta do mar o apelativo culterano de “rara avis”.