miércoles, 13 de agosto de 2014

ESCRIBIR POESÍA PARA OS NENOS. QUE PRACER!




Escribir poesía para os nenos.
Que pracer!
Un sabe que está a facer aquilo
que lle dita a emoción.
Dedicatoria de Tesa González para o autor.
Sabe que, sen esa emoción, os actos
creativos son fríos, non penetran na
esencia das persoas.
E aínda que non sexan conscientes, esas
persoas precisan da arte en calquera
das súas múltiples manisfestacións.


Escribir poesía  para os cativos.
Achegarlles o espírito de Lorca, Alberti,
Juan Ramón, Rosalía, Machado, Celso Emilio,
Pimentel, Curros, Manuel María e tantos  outros.
Que pracer!
Ilustración de Tesa González.
 
Salientar as pequenas cousas, levalos a recunchos
tan comúns coma marabillosos, enchelos
de cor, de auga limpa e cristalina; levalos
polas sendas da natureza, cantarlles en voz alta,

xogar con eles á rolda, convidalos a rir, a sentir,
a imaxinar, a que valoren a maxia das palabras,
a que se fixen nas miudezas, a encherlles os sentidos
de mar, de luz, de vida.
Levalos da man polo suxestivo mundo da música,
pola  musicalidade dos versos, polo ritmo dos poemas.
Que pracer!


Hei recoñecer que gozo
cando escribo poesía infantil.
Que me emociona o labor
de mestres e mestras (máis mestras que
mestres, iso é certo), de bibliotecarias,
de persoas que están convencidas
do valor da poesía na formación
dos cativos e cativas.


Un non escribe para os premios.
O premio máis marabilloso é aquel
que recibes, cando unha mestra che
dá as grazas polo que escribes.
Un premio é a ilusión dun rapaz
ou rapaza por dicirche que sabe e que
lle gustan os teus poemas.
Un premio é esa ollada infantil,
chea de tenrura, mentres recitas.
O premio está en axudar a conseguir
que os adultos lle perdan o medo
á poesía. A que os nenos sigan a
ser felices no mar poético. (Porque
o son, eh? Iso que non o dubide
ninguén).

Por iso, se a crítica celebra os teus poemarios,
faiche ilusión e, cos pés no chan, debe servir
ese recoñecemento para
seguir traballando a prol desa tarefa
ardua e  gratificante á vez.
Agradezo as críticas de Antonio Gómez
Yebra en "SUR"e das revistas PEONZA e CLIJ,
por prestaren atención a “Queda la música”.
Agradézoa, sobre todo, pola poesía
en si mesma.
Amosan esas recensións unha indiscutible
sensibilidade polo xénero poético (Gómez
Yebra é un magnífico poeta e editor).
 
Luis Eduardo Aute con "Queda la música" na Feira do Libro de Madrid.

E está ben que se fale de poesía.
Ten que saír desa invisibilidade,
que na LIX é un feito, para que
chegue a ser máis próxima aos lectores.
Quedo coa afirmación das liñas de Diego
Gutiérrez del Valle en PEONZA, cando di
que estes poemas “reclaman ser lidos
en alta voz para extraer ata
o derradeiro eco das súas vibracións
e que, dese xeito, poidan chegar
ata o oído e o corazón do lector”.
Atinadas palabras, porque eu
veño mantendo, dende hai ben tempo,
a necesidade de que a poesía
debe entrar nas aulas, nas casas,
nas bibliotecas en voz alta.



Decidín engadir, de novo, dúas cancións
do libro, postas en música polo
excepcional poeta, Juan Carlos Martín
Ramos e Lurdes López, a súa muller,
que as canta cunha sensibilidade e unha tenrura
exquisitas.


Que a poesía sexa, dunha vez  xa,
ese instrumento que marque o ritmo
emocional e dea vida
ás sonatas dos nosos soños.