martes, 21 de junio de 2022

FIESTRA ABERTA (9) Poemas de Javier García



Se hai algo polo que me gusta dirixir obradoiros de poesía é pola  sorte que teño de partillar experiencias cos e coas asistentes aos mesmos.

O meu obxectivo é animalos a escribir, darlles uns principios poéticos nos que creo e poñelos en situacións diferentes de creación para que eses puntos de vista os axuden a ampliar os abanos literarios  dos que parten.

Son consciente de que o acto creativo se produce en soidade. Que precisa tempo. Pero tamén creo que certo impulso, certa espontaneidade é boa para adquirir axilidade á hora de comezar un poema.

O traballo posterior xa o farán nas súas casas.



E abofé que se crea un ambiente de entusiasmo e de enorme intensidade poética.

Despois len os seus inicios e as palabras voan por riba de todos e todas nós para facérmonos máis felices. Poesía, moita poesía.

Versos e aloumiños reserva sempre esta fiestra aberta para que poidamos ver e ler mostras que van facendo en silencio para encher as súas inquedanzas literarias. Son moi suxestivas.

Isto encántanos e fainos muy felices neste blog-revista.


Javier García é un dos asistentes ao obradoiros da Escola de Letras da Deputación de Pontevedra/ Editorial Galaxia.


Javier García

Javier García ten unhas inquedanzas poéticas moi grandes. Gústalle investigar e procurar o lado lúdico das palabras.

E fai cousas ben interesantes.

A Javier pregunteille que era para el a poesía. E respondeu desta maneira tan orixinal influenciada polos versos de Luis Eduardo Aute:

 

Que é para min a poesía? Contesto cun xogo poético en homenaxe a Aute. Que atrevemento!

 

Un “verstop” que te para. 

Unha palabra sen son interno.

O obxecto dun “emisoreceptor”.

O sinal cinético do “movelento”.

Unha escultura “interpedrada”.

Unha fotografía que logra viaxes “flash”. 

Un instante vital da eternidade (vitalidades).

Unha melodía “inmortalisonada”

Un deseño con liñas dunha silueta aliñada.

Unha película sen “filmal”.

Unha rima “bocasonante”

Unha mirada con ollos sen ollada,, duns ollos con pegada.

Un bico no bico dunha namorada bicada coa bica dunha boa picada.

Unha “agarimosa” aperta preta. 

 

Que é para min a poesía? - preguntáronme.

 

A poesía son os ollos cos que miras. 

Son os ouvidos cos que escoitas.

A poesía é a pel coa que tocas.

Son os recendos dos teus ulidos.                                                           

A poesía son os sabores das papilas gustativas.

É a fala dos nosos órganos internos.

 

Poesía es ti! (BecqEUr)

 

E tras esta magnífica expresión poética, enviounos uns poemas ben interesantes.

Gocemos, pois, dos seus versos e grazas:







jueves, 16 de junio de 2022

AUDIO DA PRESENTACIÓN DO LIBRO "QUE DEMO DE MONICREQUE!", de Antonio García Teijeiro, EN LIBROURO


Martiño en acción


Fai o número 80 da miña obra literaria. É un libro diferente, singular.

Sen idade definida, Que demo de monicreque! inclúe prosa e poesía. A narrativa ao servizo do poético.

Editado pola editorial Galaxia e cunhas fermosísimas ilustracións de Xosé Cobas, Que demo de monicreque! quere sinalar eses momentos nos que os creadores ou creadoras cren ter perdida a súa creatividade. Cando nos/lles falta a inspiración.


Un momento da presentación


Dous personaxes principais, O Poeta e O monicreque, cun terceiro que é o mar, nas súas rochas, onde se producen os feitos principalmente, son os protagonistas dunha historia eminentemente poética.

Amo os monicreques. Ámoos porque deleitan o público en xeral (Lorca é un bo exemplo diso) dun xeito teatral, cun algo de esaxerados e moi descarados, mordazes, insolentes, graciosos e críticos.

O ilustrador Xosé Cobas explicando unha das ilustracións


O monicreque é o elemento motivador do poeta. Aparece para guialo e axudalo a recobrar a inspiración e que volva a sentirse vivo.  Para iso ponlle retos envoltos nun certo misterio para que as palabras volvan ao seu maxín e a ledicia retorne a el.


Unha historia que é unha metáfora da seca creativa. Da fuxida da inspiración. Do cansazo do creador.

Pero sempre haberá algo ou alguén que volva encher de palabras o discurso poético dos poetas. Será ese, Martiño?

 

Susi le a carta a Martiño



Embaixo destas liñas, está o audio do acto da presentación do libro o día 2 de 

maio na libraría Librouro,en Vigo, na que interviron, ademais de min, o editor e 

escritor Francisco Castro, o ilustrador Xosé Cobas e…Martiño!

Por certo, Susi leu unha carta e un poema escritos para Martiño por Juan Carlos 

Martín Ramos, quen, con Lurdes, deulle vida ao boneco.







jueves, 9 de junio de 2022

FIESTRA ABERTA (8) Poemas de Paz Fernández

 



É unha desas persoas que non se esquecen. Unha muller de personalidade mollada en sensibilidade e directa cun certo toque de lirismo en todo o que toca: expresións, poemas, pensamentos, fotografías e demais.

Un pracer coñecela. Agarimosa, atenta, reflexiva.

Paz Fernández é sensualidade e intelixencia.

Paz Fernández escribe. Con tantas calidades non é de estrañar.E faino ben.

Por iso lle pedín uns poemas para esta Fiestra aberta. E ela envioumos encantada.

Lédeos con agarimo e con atención. Pagan a pena.

Un pracer, Paz.





Paz Fernández e Antonio en Chantada


Hai tempo recibín unha invitación de Antonio García Teijeiro para participar en “Versos e aloumiños”. A miña ilusión e o meu agradecemento son paralelos á miña reticencia pola falta de satisfacción co que escribo. A crítica máis dura co que fago é a miña propia, porque non son de certezas nin de grandes seguridades. Fago poemas desde os dez anos, cando interna nun colexio de monxas lle escribía versos á miña nai. Desde entón todo foi romper ou tirar ao lume, ata que chegou Facebook e deume por publicar aí as miñas emocións. Por iso só se conserva o dos últimos cinco anos. Cada palabra dos meus poemas nace dun momento intenso en que non podo gardar dentro canto sinto e ao escribir boto fóra a tristeza, a carraxe, a saudade ou esa sensación de plenitude ou gozo da beleza que me invaden e non me caben dentro.

 

Antonio agasalloume coa súa confianza e amizade e aí van estes versos para todos os que necesitamos os bicos da poesía e do mar para respirar.

 

 

 

Pintura de Fidel Vidal




Escribir unha carta de amor na xeada, superficie de xiz onde eu esvaro

e debuxo o teu nome.

Patinadora inexperta

que aprendeu na area das praias

a adorar as ondas de escuma branca.

E así tezo con palabras que se borran

esperanzas como veas que se apagan.

É o vento, ou obstrúense as arterias?

Escribir nomes que foron e non son

no atardecer de beleza e xeo,

fica o mar do misterio das palabras.

Foto roubada pola autora a un amigo en fb
A casa é fría, mais é hora

de pechar a porta

de volver á casa.

 

 

 


Paporrubio, paporrubio,

que levas lume no peito

dáme algunha caloriña

para este mes de xaneiro.

Só con verte esta mañá

esquecinme da tristeza

e pensei que eras promesa,

e derreteuse a xeada,

e ata acendín un sorriso

nesta boca que olvidara,

e acerqueime paseniño,

para que non te escaparas!

Somos de olliños pequenos

e segredos nas miradas,

pero cando nos ollamos

eu calaba, ti falabas.

Paporrubio, paporrubio,

ábreme unha portiña

para durmir no teu peito.

Para que non entre o frío,

heina de pechar axiña!

Aí durmirei, amigo,

todas as mañanas frías

mentres as aves do mundo

de amor dicían...

 

 

 

Facerse lentamente terra

e contribuír desde a silenciosa podredume

ao nacemento dunha flor, quizais.

 

 

 

Cómprame un vestido azul,

azul de lirio salvaxe.

Un vestido que ao bailar

encha de abril a mirada,

mentres xogas coa guitarra.

Terá unha saia moi longa,

que cando a poña a xirar

fique a túa boca calada

ou susurre:

baila, baila.

Mais para poder danzar

has de deixar que me vaia,

pois morren as miñas ás

cando pretenden coutalas.

Ese vestido xa é meu,

agasalloumo unha fada!

É dunha tea tan fina

que só as ondas do mar

bícana sen rasgala.

 


Se me deixaran,

estaría pillando saltóns nun prado de centeo

e sería o vixía.

Se me deixaran brincaría coas ondas

ata morrer de risa

e non marcharía correndo facer a comida.

Se me deixaran,

ata tería un amante de verdade

que me suplicara "non me olvides"

nun agasallo de horas eternas.

Se me deixaran non tería medo

dos días e das noites

onde me enterrei

ou me enterraron.

E o mundo sería máis azul

Debuxo do fillo da autora, Adrián Maceda, "que me idealiza e fai de min o que eu quixera ser.
e ata coñecería París

ou os cereixos en flor

de Badaxoz.

Non sentiría un estremecer

cada vez que soño,

nin unha sombra nas paredes

que me axexa.

Este sentir que anoiteceu

e non fuches quen

de loitar por ser

canto querías

e aínda late

soterrado

rindo e pillando saltóns

xogando a voar coas bolboretas

nun inmenso campo de centeo.



Canción de berce para Elía.

 

A linda Elía durmía,

Lelia doura,

en sabas de branco liño.

O vento asubía leve


como ás de paxariño,

susurrando unha palabra:



Elía!

Elía, pel de veludo,

teñen envexa as peonías

da túa boca que ri

polos bicos que che deixa

cada mirada que pousa

no teu rostro de alelí.

Lelia, Lelía, Elía, Lelia doura.

Veñen os días vestidos

de luz para saudarte,

e cando abres os ollos,

de vergoña, as estreliñas

detrás das nubes se esconden.

Feliz vida, linda Elía,

que os amores que recibes

sexan os fíos que tecen

a primavera dos días!

Durme, miña nena,

durme.

Durme xa!

que as bolboretas

mañá han vir a saudarte

por que lles pintes as ás

cando os acordes do vento

lles segreden o teu nome:

Elía, Elía...

Lelia, Lelía, Lelia doura.

 

 

Este poema xurdiu ao ver a beleza da netiña dun amigo. Á nena puxéronlle por nome Elía.


lunes, 6 de junio de 2022

VÍDEO DO RECITADO DE "NO XARDÍN DO POETA" , DE ANTONIO G.TEIJEIRO, NA VÉSPERA DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2022

Francisco Castro, AGT, Elba Pedrosa, Inma L. Silva e Marcos Calveiro



A véspera do Día das Letras Galegas, dedicado ao galeguista Florencio Delgado Gurriarán, foi un día triste para todos os que amamos a literatura, porque coñecemos a dura noticia de que o escritor vigués Domingo Villar acababa de sufrir un infarto cerebral.


 

De aí que o acto L de Lírica. Micro aberto, que se celebrou na libraría do Corte Inglés en Vigo estivo marcado polo abatemento e certo desazo das e dos participantes no mesmo.

Tanto foi así que Francisco Castro, escritor e director da Editorial Galaxia, renunciou a ler un texto de seu para substituílo por un conto de Domingo Villar do seu libro Algúns contos completos, editado por esta editorial.

Francisco Castro le un texto de Domingo Villar

 

Inma López Silva leu outro conto do creador do inspector Leo Caldas, ademais dun seu poemario recén saído do prelo e galardoado co Premio de poesía “Eusebio Lorenzo Baleirón”.

En todos aniñaba a tristeza polo acontecido a un escritor moi lido e moi querido na cidade olívica.

Participaron no acto Pati Blanco, Elba Pedrosa, Xulia María, Marcos Calveiro e Miguel Ángel Alonso Diz, ademais de min e dos anteriormente citados.

Pati Blanco, F.Castro, AGT, Elba Pedrosa, Inma L. Silva e Marcos Calveiro

Para este evento, que en principio debía ser gozoso, eu escollín para este recital uns poemas de No xardín do poeta. O meu diálogo poético co grande escritor andaluz segue a emocioinarme e foi un enorme pracer poder dicilo en voz alta por primeira vez des que saíu o libro.

Editado por Edicións Xerais e ilustrado polo gran Víctor Rivas, este libro sempre será algo que terei ben preto para facer que os poemas voen sen ningunha clase de atrancos polo ceo da poesía.


 

Aquí embaixo está á vosa disposición, prezadas e prezados lectores deste noso blog-revista, o vídeo de dez minutos coa miña lectura poética. Que  sexa do voso agrado.







jueves, 2 de junio de 2022

"VERSOS Y VICEVERSOS" NA FEIRA DO LIBRO DE CÓRDOBA

 

"Versos e viceversos", na Feira do Libro de Córdoba


Versos e viceversos é un poemario moi especial, publicado por Kalandraka.

Naceu da amizade e da concepción esencial que teñen dous poetas sobre o que debe ser a poesía para a rapazada e a mocidade.

Logo, cada un de nós, Juan Carlos Martín Ramos e mais eu, ten as súas características formais.

 Versos e viceversos converteuse nun espazo común para gozar da poesía e…da música.

Porque Juan Carlos e Lurdes López, a súa compañeira, foron quen de poñer en música dez poemas do libro.

De aí saíu un espectáculo poético-musical que nos fai moi felices.

Un espectáculo no que Lurdes pon a súa fermosa voz ao servizo de cada peza musical, Juan toca a guitarra e fai segundas voces e eu limítome a recitar .

 

 


 Este espectáculo repetiuse en diversas cidades (Fuenlabrada, Vigo, Pontevedra, A Coruña…) e a finais de abril tivo lugar no marco da Feira do Libro de Córdoba.

Cada vez que realizamos esta actividade créase unha verdadeira festa de cor, de música, de palabras e de ledicia.

 

Deseguido podedes escoitar o audio deste Versos e viceversos e desfrutar do seu contido.