martes, 28 de febrero de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (14) "Aire", de María Fumaça







TÍTULO:  Aire
AUTORES/AS:  María Fumaça   
ILUSTRACIÓNS:  P.Pastor
EDITORIAL:  Galaxia.  Colección:  Sonárbore



Gústanme moito os trens. Cada día máis. Pero se teño que elixir un soamente, quedo cun tren especial. Un tren festeiro que me fai feliz cada vez que subo nel. Un tren que viaxa polas músicas do mundo para poñer un punto de alegría no espazo da rapazada, que precisa do seu traqueteo.

      Estou a referirme ao tren da familia María Fumaça. Si, este tren non deixou de viaxar, dende hai uns anos, en ningún momento. É un tren de ilusións, de optimismo. Un tren que canta en múltiples e variadas voces.
     
     Acaban de presentar o seu terceiro traballo, Aire. Un traballo que, coma os anteriores, xira no marabilloso universo de Ruí Sío. Un Ruí  que nos fai medrar (e aquí inclúome) día a día e que nos demostra  que a diversidade funcional non é un impedimento para acadar a felicidade. E como a familia di : “El lévanos polo camiño da inclusión demostrando en cada actuación que é o mellor maquinista do mundo e que nos emociona co seu canto coma ninguén”.
     
"María Fumaça" nunha actuación.
      Aire é un traballo, de novo, exemplar. Éo  tanto dende o punto de vista musical coma poético. Consta de 18 cancións (moitas delas son verdadeiros poemas ou formas poéticas que se recitan en voz alta perfectamente) con músicas diversas e dunha calidade excepcional.
     
     Temas cheos de humor , de actitudes positivas diante da vida, de ironía, de tradición popular (“Dona Matílica” ou “Pedro Chosco”), de ricas formas musicais ( por exemplo, magnífico “Rocanrol”). Temas nos que o lúdico aparece perfectamente conxugado entre a letra e a música. Temas que nos presentan os produtos da horta de Balbina, que nos animan a xogar cun barco de xoguete (adaptación dun poema de Manuel María), que podemos ser malotes, coñecer un neno caníbal (Uf, que medo!), cantar en inglés (“Just you and me”), desfrutar cunha marioneta… ademais de dicir unha nana, xogar a imaxinar nas pompas que fai o xabón no baño ou subir ao tren porque somos pasaxeiros do ben.

     

     
     Magnífica e orixinal a canción de Magín Blanco, “Apertando”, chea de humor e enxeño.Unha canción que se desenvolve nun lugar moi habitual e da que nos sentimos moi próximos.
     
     Pero quero facer fincapé nun tema emocionante. Un tema que te sobrecolle pola intensidade musical e vocal que posúe. Por unha interpretación marabillosa de matices. Refírome á “Suite en Ruí Maior”, interpretada por Ruí Sío (voz e cortina), Sérgio Tannus (viola caipira) e Magín Blanco (guitarra).  Esta “suite” consegue absorberte e é capaz de crear unha atmosfera dun intimismo ben profundo que se agradece. Unha auténtica alfaia.
     
     Salientar, unha vez máis, todo o talento que ten a familia María Fumaça. Moitas persoas aportando esforzos cunha alegría que emociona. Nomealos a todos resulta imposible. A morea de instrumentos utilizados é inmensa. Uxía, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Santi Cribeiro, Chus Domínguez, Ana Senlle, Tatán, Serginho Sales, Isaac Palacín, Antonio Castillo… e as voces de Ainhoa González, Manuel Sío (o avó), Erea Palacín, Irea Navós, Raquel Domínguez (gaita incluída), Carlos Blanco e tantas outras.

     

     
     Música e poesía na escola, na casa, nos concertos, na vida. Música para medrar por dentro, para ser felices, para compartir sensacións e facer que prevaleza o dereito á diferenza, para loitar por acadar un mundo sen barreiras, solidario no que a marxinación estea marxinada  ata que desapareza.
     
     Aproveito, unha vez máis, para felicitar a Editorial Galaxia  por crer nestes proxectos tan ricos e por manter no seu catálogo (e medrando) unha colección coma “Sonárbore” tan prestixiosa coma necesaria.
     
     Non esquezo as ilustracións, obxectos marabillosos e vivos, en constante movemento, de P. Pastor, todo un exemplo de expresividade, de cor, tan acaídos para un libro-disco coma Aire. Entran nun dialogo aberto coas cancións e cos lectores/oíntes, ademais de transportalos nas viaxes musicais propostas.
      
     Aire é un traballo imprescindible para seguir soñando en liberdade. Contén, ademais,  un DVD karaoke.
     
     Como podedes comprobar, non lle falta nada. Parabéns.


                                                                                                       
                                                                                                                                     ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

viernes, 24 de febrero de 2017

NO DÍA NO QUE ROSALÍA DE CASTRO CUMPRIRÍA 180 ANOS




                                                                                                                                     
                                                                                                                                           ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO



Tal día coma hoxe, hai 180 anos, naceu Rosalía.
     E dicir Rosalía é dicir poesía, denuncia, reivindicación, amor, dor, esperanza.
     Dicir Rosalía significa sentir a calor das palabras dunha muller en continua loita co que a rodeaba, co sentimento tráxico de ser galego e, tamén, de ser muller. Unha man tendida ás sensibilidades limpas ou escuras que poboan esta nosa sociedade que precisa de moita poesía para clarexar os seus comportamentos.

     Dicir Rosalía é percibir a luz dos versos tecidos pensando no ser humano. Notar a brillantez que posúen. Facer deles apoios imprescindibles para que a nosa vida sexa máis rica.
     
     Rosalía sempre estivo presente na miña obra. Dende que certas tebras foron caendo, acompañei os meus pasos de poetas. Eles e elas sinaláronme horizontes. Que fermoso acompañamento! E Rosalía de Castro (con Lorca, Otero, Hernández, Celso Emilio, Alberti, Pimentel…) faloume decote no oído para que medise os pasos, para que non desertase, para darme folgos e acadar unha existencia minimamente valiosa.
    

     Coma homenaxe fondo a unha muller excepcional sen a que non poderiamos comprender a situación  social do seu tempo. Coma homenaxe sincero a quen axudou a erguer a dignidade poética sempre ben próxima ao pobo, podedes ler un poema de Rosalía de Castro, cunha fermosa ilustración de Fausto para o libro-disco de Narf “Nas tardes escuras” (El Patito Editorial) e tres poemas escritos por min, dedicados á nosa poeta en tres dos meus libros, dous deles esgotados, pero que volverán a ter vida dentro dalgún tempo.


     E a música de Uxía, nese marabilloso libro-disco “Rosalía pequeniña” (Ed. Galaxia), poñerá o broche a esta homenaxe de Versos e aloumiños  á “nai e señora de todos/as nós”.



Rosalía de Castro. Ilustración de Fausto




Antonio García Teijeiro. (De "Na fogueira dos versos")


               Os dous poemas que veñen a continuación están contidos en " Caderno de fume" e en "Paseniño, paseniño" respectivamente.




 Son estes, dous poemarios que nos próximos meses verán a luz en novas editoriais. Rosalía, sempre viva e lembrada nos meu poemas.




  E esta fermosa flor de Xosé Cobas, unha ofrenda á nosa excelsa poeta, principio e fin de camiños poéticos polos que transitamos acotío.
Xosé Cobas. ("Paseniño, paseniño") Posición correcta.


   E a voz de Uxía que pon música aos poemas de Rosalía nun libro-disco fermoso, "Rosalía Pequeniña". Aquí escoitamos a canción, escrita pola cantante e que dá nome a esta obra editada por Ed. Galaxia.




 As ilustracións, tenras, fermosas, vivas son de Marina Seoane.








jueves, 23 de febrero de 2017

GÚSTANOS A LECTURA OU GÚSTANNOS CERTOS LIBROS CONCRETOS? , novo artigo de Manuel Veiga Taboada




Un novo artigo de Manuel Veiga. Un novo motivo para reflexionar. Un novo espazo para definir gustos e apreciacións culturais.
     Os artigos deste magnífico escritor sacoden os lectores e lectoras. Non deixan indiferente a ninguén. Semellan desconcertar a aqueles que non están avisados sobre o peculiar carácter crítico do que Manuel Veiga desenvolve neles.
     Son artigos para pensar. E, tras pensar, darle a razón completamente ou en parte. E tamén para estar en desacordo.
     En Versos e aloumiños estamos ben orgullosos destas colaboracións que, para nós, posúen un valor extraordinario.
     E os lectores e lectoras deste blog-revista, encantados polo enfoque deste home intelixente que escribe textos intelixentes.

     Leámolo unha vez máis e ordenemos os nosos criterios.

                       Foto de Antonio Gutiérrez

           Gústanos a lectura ou gústannos certos libros concretos?

                                                                                                          
                                                                                                           Manuel Veiga Taboada


Hai poucos días, encontreime cunha muller, de certa idade, que me dixo que non lle dedicaba ningún esforzo aos libros, pero que, a cambio, lle gustaba moito a ópera. Quedei sorprendido. Pouco despois, puiden ler, na contraportada de Faro, as declaracións dun psiquiatra que afirmaba que, debido á internet, agora a xente le menos ou non le nada. E, por último, case o mesmo día, a miña filla de dezaseis anos confesoume que a ela e ás súas amigas lles gustaban moito as series e que ver series equivalía hoxe a ler libros.

     
     Non discutín ningunha destas apreciacións, pero sentinme incómodo. Incómodo porque cada vez desconfío máis das xeneralidades. Comprendo que é válido realizar contundentes afirmacións a prol do amor, das viaxes, da lectura, da liberdade, etc., pero creo que estas mesmas palabras nos soan cada vez máis baleiras e, en bastantes casos, dan a impresión de servir de coartada. Ademais, que significan en realidade? Parece difícil encontrar alguén que diga que non lle gusta a música, o cine ou as viaxes. Ler, é certo, custa un pouco máis.

     Todo isto pode acabar parecéndonos superficial. Acaso, cando falamos de amor, non pensamos nun momento concreto, nunha persoa concreta. Entendémonos, sobre todo, a través de circunstancias particulares. Son elas as que de verdade conseguen que sintamos e que nos identifiquemos con algo. Proust dicía que unha obra de arte debe ser individual, aínda que ao principio non captemos a súa beleza.
 
Marcel Proust
     A min gústame a palabra “situacionismo”. Creo que os humanos vivimos situacións, entendemos a vida a través delas. Gústannos algúns libros, algunhas películas, certas cancións. Segundo o momento, o estado de ánimo e a calidade da obra.

     Por suposto, as abstraccións son importantes. A capacidade para elaborar conceptos xerais é unha característica dos seres humanos que os fai superiores a outras especies. Pero estou en contra de utilizar os valores xerais como desculpa ou como explicación que apenas explica nada.


     
     Volvendo ao inicio. Calquera das tres experiencias que mencionei daría pé, sen dúbida, a un debate. É máis, estes debates están moi de actualidade. Pero creo que serven para aclarar pouco, precisamente porque son demasiado xerais. Por exemplo, eu diríalle á miña filla que prefiro certos libros a certas series e tamén viceversa. Hai películas que son mellores que as novelas que as inspiraron. E tamén hai moitos exemplos nos que ocorre o contrario.


     Non me nego a facer comparacións. Aínda que, con frecuencia, resultan inxustas, tamén se pode aprender algo delas. Pere Gimferrer escribiu un libro ilustrativo no que compara o cine e a literatura. Comparando unhas artes con outras, uns medios e outros, descubrimos certos secretos técnicos que despois nos axudarán a desfrutalas. A ópera é unha arte moi completa e, polo tanto, un logro difícil. O psiquiatra, entrevistado en Faro, esquece que na internet o que facemos, fundamentalmente, é ler. Outra cuestión sería determinar en que aspectos a escritura virtual vai modificar o estilo da escritura e da lectura en papel. Tamén a novela substituíu, no seu momento e en certos usos, a poesía. Ou tal vez sería mellor dicir que a prosa restoulle espazo á versificación.


     Son todos eles aspectos interesantes. A realidade case sempre é máis accesíbel en termos concretos. A nosa intelixencia permítenos filosofar, pero é o concreto o que nos fai sentir.  

martes, 21 de febrero de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (13) "Poemas de la Oca Loca", de Gloria Fuertes




TÍTULO:  Poemas de la Oca Loca
AUTORA:  Gloria Fuertes
ILUSTRACIÓNS:  Miguel Ángel Pacheco
Selección poética de Federico Martín e Antonio Rubio
EDITORIAL: Kalandraka

Cando se cumpren 100 anos do nacemento de Gloria Fuertes, un alégrase de que a Editorial Kalandraka edite un dos seus libros máis orixinais , que é, ademais un dos meus favoritos da poeta madrileña, Poemas de la Oca Loca.
     
     A importancia de Gloria Fuertes no eido da poesía infantil parece indiscutible. Grazas a ela, este xénero popularizouse e a nosa poeta converteuse nun símbolo da lírica para os máis pequenos. Gloria Fuertes resultou un personaxe tenro, agradable, simpático que enfeitizaba cos seus versos, os seus xestos, as súas olladas a todos aqueles e aquelas que a vían e a escoitaban.
Gloria Fuertes
          Ela mesma chegou a escribir algo tan fermoso coma isto : Gloria Fuertes nació en Madrid / a los dos días de edad, / pues fue muy laborioso el parto de mi madre / que si se descuida muere por vivirme./ A los tres años ya sabía leer / y a los seis ya sabía mis labores. / Era buena y delgada, / alta y algo enferma. / A los nueve años me pilló un carro. / A los catorce me pilló la guerra…

       Los Poemas de la Oca Loca é un libro ben significativo. Cunha selección poética moi acaída a cargo de Federico Martín e Antonio Rubio, posúe unas mostras da mellor Gloria Fuertes. Versos que discorren cun ritmo moi vivo. Versos sonoros que adozan os oídos. Versos cargados de imaxes que se moven entre a tenrura, o humor, a ironía e que sorprenden continuamente o lector. Como di Antonio Rubio: “Gran parte de su obra se la quiso regalar a los niños. Le brotaban las palabras con entrañable música de organillo.”
     
Ilustración de Miguel Ángel Pacheco
     
     Este libro amósanos poemas de enorme orixinalidade cunha frescura evidente e que, na maior parte deles, se nos convida a debuxar seguindo ese “ Cómo se dibuja…” E así nos atopamos versos singulares que nos aprenden a “debuxar” un pallaso, un gato, unha balea, unha señora, unha paisaxe ou uns patíns entre outras moitas posibilidades. Por exemplo, un elefante: ¡Vamos a empezar! / El elefante / es muy interesante / para dibujar. / Su cuerpo es un corpachón /tamaño de camión;/grandes las patas y orejas, / cuatro pelos en las cejas /y la trompa ¡qué trompazo! / (Un elefante sin trompa / es como una trenza sin lazo). (…)
     
     Exemplos destes e moitos outros atópanse neste poemario cheo de vida. Poemas con diálogos divertidos, con pareados graciosos, cunha viveza moi marcada, expresións cheas de forza e moito moito humor.
     
Ilustración de Miguel Ángel Pacheco
     Salientar, ademais, a forza e a tenrura que provocan as ilustracións sinxelas dun clásico da ilustración como é Miguel Ángel Pacheco. Liña espida e clara, trazo poderoso. Debuxos que naceron na televisión hai ben anos con rotulador como o debuxante nos conta ao final do libro: Logo foron coloreados e tramados. Todo en consonancia coa poesía ousada e espontánea dunha muller excepcional. Para el  foi unha experiencia marabillosa e deixouse arrastrar pola vitalidade e a enerxía que caracterizaron decote a Gloria Fuertes.
     
     Un poemario para desfrutar e para comprender a parte máis interesante da poesía dunha muller  que quería os pequechos e que non deixou de pensar neles endexamais en chave poética.

                                                                                          ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

domingo, 19 de febrero de 2017

ESCAPARATE POÉTICO (XCVI) Marcos Abalde Covelo





                              MARCOS  ABALDE  COVELO  (Lavadores, 1982)




Ouvearmos
a ladaíña do quebranto,
os libros de historia que nos esquecen,
a cinza a medrar baixo as uñas
Marcos Abalde Covelo
as gándaras da aldraxe,
o pálpito a sorber etimoloxías,
o urro que nunca esmorece,
a muda transmisión da catástrofe,
o zunido por única compañía,
o devalar da sombra,
o insólito tremor da linguaxe,
a pregunta calcinada,
o patrón aprendido,
o fragmento do testemuño,
a patria que nos desherda,
o secuestro un e cru,
a negación do sangue,
o espanto a ecoar na engroba,
a derrota como animal entolecido,
a amnesia feroz que nos liquida,
a verdade choca que cuspimos,
a lingua extinta que nos terma,
a impunidade.

Como deter o ouveo
que rebenta as suturas?
Como rescatar o desexo?





Autoaxuda


Baleirábanse.
Roían os labios.
Tiñan o privilexio do pesimismo.
Sen o percibiren,
lambían mansamente
as botas militares.
Obviaron que faltabamos moitas.
Viráronnos as costas.
Dicían que xa superaran esa etapa.
Os libros de autoaxuda
ocultaban a axuda mutua.
Rumiaban a obediencia.
Terrorífica a ruína moral,
os fenómenos morbosos,
a caída por dentro.

Tantas escusas acharon,
tanto ousaron esuecer,
tantas preguntas calaron,
que o río se desbordou
e ninguén intuía as marxes.

Uns poucos sobreviviron.
Para os máis foi demasiado tarde.





Amianto


Cumpría decepar a efeméride futura.
O abismo tamén afloraba aquí.
As malleiras non acababan
nas alfándegas nin nas comisarías.
Normalizábase o estado de excepción,
a fenda na esperanza de vida, a asfixia.
Nunha sociedade necrófila,
a alegría viraba un perigo social.
Xeren, segregan, encerran, deportan.
Eles obrigábannos a entoar
o alalá proletario do lume.





(Do libro Exhumación, editado por Ed. Xerais, 2016. Gañador do IV Premio de Poesía Manuel Lueiro Rei)

miércoles, 15 de febrero de 2017

A LUZ DAS PALABRAS (66) Antón Riveiro Coello



Antón Riveiro Coello é un dos escritores que máis me gustan da actual literatura escrita en galego (e, sen dúbida,de máis alá do Padornelo).
     Admiro a súa prosa cálida e, á vez, sinxela, coidada, pulcra retoricamente. E o seu estilo elegante, comprometido coa literatura por riba de todo.
     Fascíname a súa ambición literaria, a súa mestría para artellar historias, a fondura dos seus personaxes.
     
Antón Riveiro Coello
     Riveiro Coello é quen de facer literario o cotián, o familiar, a procura do pasado, porque consegue mostrar a vida e os seus recunchos dun xeito directo e intelixente. Un séntese cómodo no seu universo creativo, á vez que se decata de que está a falar de persoas que te rodean.
     

A lectura de Laura no deserto, d´As rulas de Bakunin,de Casas Baratas, Os elefantes de Sokúrov, A ferida do vento ou a recén descuberta, A esfinxe de Amaranto, produce unha emoción tan intensa que é quen de transportar o lector ás costuras máis chamativas da conduta humana.

     Ter uns textos seus  A luz das palabras é un verdadeiro acontecemento, ademais dunha honra para o noso blog-revista. Todo xenerosidade, Antón agasallounos dúas narracións curtas, dúas alfaias, para gozar, unha vez máis, da súa calidade literaria. 
                                       E nós estamos profundamente agradecidos.



XULIO GARCÍA RIVAS. "Paisaxe". Acrílico sobre táboa


                                                                                                                           Cortinas


                                                                                                   Antón Riveiro Coello


María pasaba horas enteiras mirando aquel matrimonio que non usaba cortinas. A súa vida era coma un programa aberto de televisión. Tiñan as súas rutinas e María afíxose a elas. Non perdía detalle. Sabía das quendas para cociñaren, das horas de ida e volta ao traballo, dos  momentos axeitados para o amor, dos tempos dos seus sonos... Chegou a coñecer tanto aquela intimidade que, por veces, xa se sentía parte desa familia. Mais un día o home desapareceu e a muller, triste, pasaba menos tempo na casa e era doado vela chorar a fío no cuarto, no salón ou na cociña. Había noites que ela tampouco volvía durmir á casa. María abriu varias sospeitas, desbotando, iso si, unha separación traumática porque vía que se levaban e non tiña a percepción de os ver rifar endexamais. E non se equivocou porque, ao cabo dun par de semanas, o home volveu á casa, co aspecto desmellorado, totalmente calvo. Estaba enfermo e comezou a pasar os máis dos días encamado, coa compaña da muller sempre cabo del, coidando del con agarimo. A súa doenza tiña que ser moi grave porque un día deron en chegar persoas, talvez amigos que, individualmente, quedaban un chisco con el. María entendeu que aquilo era unha despedida. E ela sentiu a necesidade de o facer tamén. Sabía que era unha tolería, aparecer alí, de súpeto, para expresar un pesar que descubriría a súa vixilancia. Pero ela non era unha descoñecida. Tíñano que entender. Despois de todo, ela era coma da familia. E, empurrada por esa idea, baixou as escaleiras e cruzou a rúa. Mais, cando estaba diante da porta, un acceso de xuízo termou dela e obrigouna a recuar. Arrepentida, volveu á súa casa e estivo a se laiar pola súa covardía. Como non tiña con quen compartir a súa mágoa, chamou de noite á radio, a ese programa dos insomnes, e alí contou a súa triste historia. Ese desafogo axudouna a pegar no sono e ficou máis tranquila. O malo foi que ao día seguinte, mentres se espreguizaba e se achegaba á fiestra, puido ver como a veciña, subida nunha escaleira, colocaba as cortinas.


XULIO GARCÍA RIVAS. "Xardín da penumbra". Tinta chinesa sobre papel




                                     O imitador


                                                                                                   Antón Riveiro Coello



A loucura de Marcelino aproveitaba o lecer para o seu pasatempo favorito: imitar. Esculcaba calquera veciño, observaba ben os seus acenos, apenas cruzaba con el algunha que outra frase circunstancial, reparaba na modulación da súa voz, na forma dos beizos e, de alí a un nada, decidíase e cravábao de tal maneira que, se pechabas os ollos, podías ver na súa voz a persoa imitada. Era un momento de inspiración feroz no que a emoción lle deformaba o seu propio rostro para se desdobrar no do outro. Era coma unha transformación camaleónica que transcendía a propia voz que vibraba nos seus beizos. Algo do outro sempre se proxectaba fisicamente nel e, todo, sen facer ningún tipo de espavento. Daba a sensación de que o imitado se convertía nunha especie de ficción.

Atrevíase tamén coas mulleres, pero neses casos había certa impostura na voz, coma se fose un ventrílocuo en plena actuación.  

Ao primeiro, facía graza. Co tempo, todos fuxiamos un pouco del e non nos gardabamos de lle dicir o pesado que era porque adoitaba entremeterse nas conversas para resolver na súa voz oxidada a dos demais.

Co paso dos anos, a xente da vila deixou de se abraiar con esa habelencia e Marcelino sentiuse tan rexeitado que, dun día para outro, desapareceu e marchou vivir cun irmán que tiña en Barcelona. E non volveu até pasaren máis de trinta anos, engurrado e cunha artrite que lle impedía grandes pasos, pero cunha cordura que non tiña no momento de abandonar a vila. Xa poucos o lembrabamos. E foi daquela cando os máis mozos, que non o coñecían, deron en se preguntar quen diaños era o vello que, agora, todas as noites, recibía na súa casa a visita de familias enteiras que querían escoitar a voz esquecida dos seus defuntos.

Con Antón Riveiro Coello o día da presentación da súa novela "A ferida do vento"