sábado, 8 de agosto de 2015

POSTAIS DE MARTIN (9) : EN PADUCAH


Visitar Paducah, no estado de Kentucky, convértese nun acto de concienciación do pasado americano e da súa historia recente.

Paducah é un lugar agradable, cuns atractivos físicos que te envolven. As súas casas semellan apertarte, os tres ríos chíscanche un ollo para que observes a súa fasquía e as rúas, cheas de árbores, tenden a man para que camiñes por elas con agrado.


Paducah

Desta volta, ademais, tivemos a sorte de ver un verdadeiro barco de vapor que nos abraiou pola súa grandeza. Á nosa mente viñeron o Misisipí e os seus poboadores de novela xuvenil.

Todo é luz en Paducah.

Dixen que había tres ríos en Paducah. Tres ríos que conflúen e foron o motor imprescindible para o desenvolvemento do lugar. Paseamos pola súa beira e deixámonos levar pola beleza do traxecto.


Os tres ríos que conflúen en Paducah

Tres ríos con vida que te chaman. Tres ríos que soben e baixan as súas canles para xogar coas embarcacións que os sucan. Entramos, tamén, nunha tenda de antigüidades que ten interesantes libros de vello. Antón e mais Erin sempre andan a pescudar exemplares que lles poidan interesar. Son uns amantes dos libros antigos. A min encántame revolver. Gústame o olor que posúen estes libros. Dei cunhas pipas fermosas, con volumes diversos (contos do mar, Dickens, arte, A cabana do tío Tom...) en edicións atraentes, con folletos de historia, etc.

Estiven a follear un libriño sobre o arquitecto Frank Lloyd Wright. Vin as súas construcións en varios lugares dos EE.UU., comezando pola súa casa e o seu estudio. Admiro profundamente a súa obra. Lloyd Wright afirmou que lle gustaba deseñar estruturas que estivesen en harmonía coa humanidade e a súa contorna. Fermosa declaración de principios.


Folleando o libriño sobre Frank Lloyd Wright

E veume á mente unha curiosidade: a primeira vez que escoitei o seu nome foi, hai xa ben de anos, cando apareceu o elepé de Simon & Garfunkel, Bridge Over Troubled Water. Contiña unha fermosa canción que talvez pasase desapercibida para moitos. Para min, non. O seu título, "So Long, Frank Lloyd Wright" (que podedes escoitar aquí abaixo). Non sabía quen era, xaora. Fun á enciclopedia, busqueino e xa non o esquecín endexamais. En Paducah volveu revivir.




Tras pasear pola vila e ver a súa historia en murais ben fermosos, quero rematar a postal cunhas palabras do escritor e humorista, nado neste lugar, Irvin S. Cobb, escritas nunha placa. Leo que "en Paducah, un atopa unha hospitalidade máis xenuina ca en calquera outra vila de dimensións semellantes en todo o país".

Non sei se será a cousa para tanto, mais podo asegurar que un se atopa moi ben en Paducah.


Murais



ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO