domingo, 2 de agosto de 2015

POSTAIS DE MARTIN (4) : SOA A MÚSICA DE COUNT BASIE





Soa Count Basie, un músico admirable de primeira magnitude.

Emocióname.

Un disco fermoso de jazz cobre a sala.

Sesións en pequenos grupos dirixidos polo mestre de Kansas City. Ambiente ateigado de enerxía e de optimismo. Destaca o órgano de Basie fundíndose coa maxia do gran Oscar Peterson ao piano.

Paul Quinichette deixa oír o seu saxo, dándolle ao tema un ton efectista e compacto.

Escoito a Buddy Rich na batería levando un compás delicadamente sedutor. Outros intérpretes axudan a enriquecer as pezas deste fermoso disco. 

Deixo o libro que teño nas mans e entrégome a unha escoita profunda. Comezo a camiñar polo ritmo de Extended Blues e intento afastarme da realidade que me envolve. Todo é música.

Acaríñanme as notas con dozura e sinto un pracer de explicación imposible.

Ai, a música! Sempre está ateigando este lugar tan entrañable. Esta casa que desprende calor humana cada minuto.

A música que non deixa de crear atmosferas de profunda felicidade.

O poder das melodías, a pulsión dos instrumentos, a autenticidade da creación artística.

Sigo a escoitar a Count Basie e o seu grupo.

Xa me perdín no seu mundo.

Unha auténtica felicidade.



ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO