Os que somos uns apaixonados da poesía, perdémonos pola obra
de tantos e tantas poetas que, ao longo do tempo, foron facendo aportacións moi
variadas ao enorme corpus lírico universal.
E descubrimos que
hai poetas lúcidos, profundos. Que hai poetas fríos, arquitectos metálicos que
constrúen edificios poéticos, formalmente perfectos pero que nos deixan xeados.
Rematan sendo indiferentes porque se lles nota demasiado a impostura.
Descubrimos poetas
da rúa, poetas de ocasión, poetas con discursos puntuais. Poetas fume. Poetas
luz. Poetas sombra. Poetas…
Hai poetas que
pasan pola túa vida dunha maneira fugaz.
Hai poetas que
pousan a súa pegada no corazón e permanecen para sempre nas túas inquedanzas
líricas.
Poetas que forman
parte da túa vida. Poetas que che amosaron camiños para percorreres con eles a
forza e a emoción das palabras, dos versos.
Hai poetas para un
intre determinado. Hai poetas para certas homenaxes. Hai poetas que aguilloan;
poetas que aloumiñan; poetas que poñen os dedos nas chagas; poetas sociais;
poetas cómplices.
Poetas para
remover sentimentos; para chorar; para sustentar cos seus versos as
contradicións da nosa existencia.
Teño nas mans un
volume coa poesía completa editado por Galaxia
Gutenberg/Círculo de Lectores, dun poeta-cor, poeta-luz,
poeta-imaxe, poeta-lúa, poeta-sol.
Federico, si, Federico
García Lorca.
Un poeta, un home
que me marcou claramente á hora de crear a miña poesía; esa poesía pensada fundamentalmente
nos nenos.
Por Lorca sinto un
agarimo especial (outra é Rosalía) e emociónome diante dos seus versos.
Simplemente con botarlles unha ollada xa se move algo no meu interior. Algo que
me acariña, que provoca sensacións de pracer infinito. Lorca converteuse para min nunha paixón.
Os que facemos da
poesía “un xeito de vida”, non temos un único poeta. Ao contrario, estamos coas
nosas portas abertas a todos aqueles e aquelas que, co seu discurso poético,
nos sacoden interiormente.
Pero hai poetas que pasan de moitas maneiras polo noso espazo de interese literario. Eu quedo cos que medran no meu interior. Uns máis outros menos, pero preciso sentir dentro que os seus versos están en continuo proceso de crecemento, Un crecemento que non se detén.
E isto pásame con Federico García Lorca. Unha forza interna
mantén vivas en min as diversas cualidades da súa poesía.
Volvo sempre a el. Unha e outra vez releo os seus poemas.
Están presentes no meu acto creativo. Lévanme da man. Fanme sentir a súa
sensibilidade e danme azos para vivir, para sorrir, para loitar, para escribir,
para pensar, para, en definitiva, acadar que, malia os atrancos cotiáns, poida
sentirme razoablemente libre.
Este home,
Federico García Lorca, dunha personalidade moi acentuada (nunca pasou
desapercibido), cunha ollada penetrante, creador de lume onde as metáforas
brillan, espello do desgarramento, capaz de levantar voos líricos, de prender
luces diáfanas, de pousar os seus ollos sobre o máis humilde da sociedade;
defensor de causas perdidas e xerador de alegrías sen fin.
Este home, digo, é quen de provocar ledicia, tristeza ou de
inventar fontes de esperanza nos meus ollos xa cansos.
Bágoas e sorrisos.
Cantigas de berce ou lanzas punxentes. Frechas de dor, intuición da traxedia,
mans de veludo, aloumiños profundos ou paixóns melancólicas, Sinxeleza
imaxinativa, popular. Malabarismos líricos. Flores e bolboretas nas augas
ocultas da contradición.
Iso e moito máis é
Federico (permitídeme que o chame así nesta altura do escrito).
Amo a Federico. Quéroo á miña beira. Seguirei saboreando os
seus poemas, as súas melancolías, a súa sensualidade, o seu compromiso cos
indefensos, o seu equilibrio/desequilibrio emocional, as súas verdes loucuras,
as súas rodas xeadas, as súas fondas penas.
Amo a Federico e
seguirei abrindo os seus libros, contaxiando a súa alma de poeta, o seu amor
polos nenos, polos xitanos, polos negros. O seu amor pola lúa que comparto.
O seu amor polos vidros desgarrados da existencia.
Co groso libro nas
mans abro ao chou e axiña descubro razóns para emocionarme.
Y
hay un niño que pierden
todos
los poetas.
Y
una caja de música
sobre
la brisa.
E sempre é así.
Levo a Lorca comigo. Lévoo nos meus sentimentos confusos, nas miñas loitas, nos
meus delirios denegridos, nos meus desarraigamentos, nas miñas dúbidas.
Bajo
el agua
siguen
las palabras.
Sobre
el agua
una
luna redonda
se
baña,
dando
envidia a la otra
¡tan
alta!
En
la orilla,
un
niño,
ve
las lunas y dice:
¡Noche;
toca los platillos!
E vólvome neno e
quero que a nai me borde na súa almofada, canso de dicirlle que quero ser
prata, de auga…
E sinto que estou en Nova York con el e, ao compás dos seus
versos, diríxome a Walt Whitman para cantar a pegada fonda que deixou en min.
Utilizo os versos de Federico para dicir:
Ni
un solo momento, viejo hermoso Walt Whitman,
he
dejado de ver tu barba llena de mariposas,
ni
tus hombros de pana gastados por la luna,
ni
tus muslos de Apolo virginal,
ni
tu voz como una columna de ceniza;
anciano
hermoso como la niebla
que
gemías igual que un pájaro
con
el sexo atravesado por una aguja,
enemigo
del sátiro,
enemigo
de la vid,
y
amante de los cuerpos bajo la burda tela (…)
Dou co fermosísimo
Romance sonámbulo, dedicado a Gloria Giner e a Fernando de los Ríos. A emoción fai subir a temperatura a cotas
imaxinables. Unhas bágoas percorren as miñas meixelas mentres recito en alta
voz tan coñecidos versos:
Verde
que te quiero verde.
El
barco sobre la mar
y
el caballo en la montaña.
Con
la sombra en la cintura,
ella
sueña en su baranda
verde
carne, pelo verde,
con
ojos de fría plata.
Verde
que te quiero verde.
Bajo
la luna gitana,
las
cosas la están mirando
y
ella no puede mirarlas (…)
A pegada
marabillosa dun poeta total, dun home deliciosamente egocéntrico.
Os versos que foron
facendo carreiros no meu interior, que son transitados unha e outra vez os meus
desexos máis transparentes.
E como dixo o
poeta: Soñaba que la tierra / fuese de cristal (…) e eu, da man do
poeta, soño ademais cun arco de lunas negras / sobre el mar sin
movimiento.
Soños tolos con
Lorca.
E soñemos con Lorca, escoitando a Amancio Prada cantando o gran poeta granadino:
E para rematar este texto, podedes escoitar a Paco Ibáñez cantando coa súa filla, Alicia, "Mi niña se fue a la mar " de Federico García Lorca.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO