Falei de Alicia Alonso Romero máis dunha vez.
     Quixen a Alicia Alonso Romero moitas veces.
     Máis ben, quíxena sempre.
![]()  | 
| Alicia no estudio de Xulio (A Coruña) | 
     Con Xulio García Rivas escribiu fermosas
páxinas e fermosos lenzos de convivencia, de amor xeneroso, de mutua ilusión
compartida.
     Xulio, Alicia e Xavier estiveron sempre
moi preto de nós. Dende Tui ata á Coruña, pasando por Vigo, fixemos decote
travesías de afecto de difícil definición.
     Os seus escritos, os seus debuxos, as súas
habilidades manuais definiron a Alicia coma unha muller viva, chea de
inquedanzas e motivadora para os que estabamos con ela.
     Xulio non sería o que é hoxe (descúlpame,
irmán) sen o coidado de Alicia, sen a súa visión das cousas, sen o seu apoio, a
súa paciencia. Falo dende o punto de vista do pintor. E Xulio constantemente ao
seu lado nos bos e nos difíciles momentos que tiveron que soportar.
     Alicia adoraba os seus amigos.
     Un deles, o prestixioso narrador e poeta
Xosé Vázquez Pintor. Unha longa amizade uníaos. Era amigo dende idades temperás
de García Rivas. Nunca perderon o contacto e, se o perderon polas cousas da
vida,non tardaron en retomalo. Non se afastaron afectivamente endexamais. 
     Vázquez Pintor naceu en Melide. Xulio, en
Borraxeiros e aquí, precisamente, fraguou unha amizade cando ambos eran mozos.
![]()  | 
| Vázquez Pintor (dereita) e Xulio Gª Rivas (esquerda) | 
Hoxe, ambos admíranse mutuamente. Son dúas persoas de prestixio: un co pincel e outro traballando coas palabras.
     Cando Alicia faleceu, Xosé Vázquez Pintor
enviou a Xulio e Xavier un poema fondo, cheo de afecto e de emoción. Xulio
comentoumo e eu pedinllo para publicar en Versos
e aloumiños.
     Unha xoia de poesía comprometida cos
sentimentos máis íntimos do ser humano.
     Aquí está para que o poidades saborear. 
     Palabra de amor.
                                                                                         (Dous acrílicos sobre lenzo, "O mar de Alicia" II e III de Xulio GªRivas)
ALICIA
filla do sorriso e voz tan limpa coma en alba
medraba para sempre na casa e no obradoiro
de Tide onde volos
tres erades meus amigos
que teño coma ouriolos nas árbores da vida.
Souben que te foras para onde nada se perde
e agora estás aló na garita dos milenios
que ben sabes que persiste no alenmar e río
senlleiro e caudaloso 
onde din Alicia, coma en rosa permanente.
Xosé Vázquez Pintor
Cangas, 8 de
maio 2015
Co noso
cariño sempre
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO






