lunes, 25 de enero de 2021

A BUTACA DO LECTOR (13) "Wolfram", de Alberto Varela Ferreiro.

 



O Lector non está moi afeito a ler cómic. Valora enormemente este xénero e sempre está atento a certos títulos que lle poden interesar. Ultimamente leu varios que lle gustaron moito: Watchmen, de Alan Moore, A chaira, de Antonio Seijas, Memoria de una guitarra, de Román López-Cabrera, un par deles sobre Lorca e Machado e este Wolfram, de Alberto Varela Ferreiro, editado por Edicións Xerais. Esta novela gráfica gañou a súa atención pola calidade dos seus debuxos e dos feitos moi ben contados. O asunto do volframio en Galicia é algo polo que decote tivo moita curiosidade.

     Cando remata a Guerra Civil española a Segunda Guerra mundial está a piques de estoupar en Europa e, xa que logo, no mundo. As novas armas de guerra cambiaron a face do armamento bélico e o volframio, escaso no planeta, vai ser moi necesario na industria armamentística. Con esos presupostos, Varela Ferreiro crea dous personaxes que van manter o protagonismo da súa historia: W C Morgan e Molly Morrison. O primeiro é un axente da intelixencia británica e vai ser quen debe controlar os movementos nazis na zona. Para iso, chegará á sucursal que o The Anglo South American Bank Ltd. ten en Galicia. El contactará coa guerrilla co propósito de obstaculizar, no posible, que o mineral chegue ao exército alemán do III Reich.

    


Molly é unha afouta axente norteamericana e xuntos vivirán unha aventura fascinante. A través de 74 páxinas aparecen ambos en situacións comprometidas nun repaso á historia que cativará o lector. O Lector goza coas imaxes vivas e expresivas ao longo de lugares que lle son coñecidos pero que revive cun inusitado interese.

É unha novela gráfica de aventuras arriscadas, claro, pero tamén ateigada de historia galega e europea. Dividido en varias partes, a forza das imaxes fan deste cómic un exercicio de interese e de constatación dos movementos que o volframio produciu na contenda.

     Este é o terceiro título de banda deseñada do autor tras 1809 A rebelión Neria e Uf de Jacobsland. Alberto Varela Ferreiro, así o considera o Lector, converte estas páxinas nun reto complexo pero de gran importancia para achegarnos á historia da nosa cultura.

Di con moita claridade o autor -e o Lector aplaude a información, algo triste, iso si, que nos hábitos de lectura españois a banda deseñada ocupa, coa poesía, un dos últimos lugares nos gustos do lectorado. Unha mágoa, xaora, pero coida o Lector -ou quere pensar- que os/as que len estes dous xéneros son moi fieis e o número de entusiastas via medrando pouco a pouco e non decrecen endexamais.

     Gústalle ao Lector ese glosario final, por orde de aparición, de lugares, persoas, conflictos bélicos, cidades, nomes de minerais etc., nos que se explica as características de todos eles.

     O Lector sentiuse feliz cando rematou o libro e abriuse para el un novo mundo gráfico-literario dun enorme interese.

     Altamente recomendable.

     Parabéns