lunes, 5 de agosto de 2013

DARDO POÉTICO (VI): ANNE SEXTON EN GALEGO E A MÚSICA DE BENNY CARTER


Estou a escoitar o fermoso CD de Benny Carter co Oscar Peterson Trio. Unha marabilla auténtica do mellor jazz que se pode escoitar.

Como soa o saxo tenor deste gran mestre! E como conflúen os sons do excelso pianista que lidera un trío dunha calidade excepcional! O tema, “I Got It Bad (And That Ain’t Good)”, nunha toma alternativa, conmóveme. É verdadeiramente fermosa esta peza e faime gozar.

Estou no niño da miña andoriña que, neste intre, voa algo inquieta.

Acabo de dar un paseo poético co meu venerado León Felipe, que axiña verá a luz neste blog.

Pecho os ollos e escoito. Síntome no paraíso.

De súpeto, sinto unha forza interior que me leva ao andel dos libros que repousan neste niño marabilloso. Son todos en inglés, claro. Hainos de novela, moitísimos de música, de ensaio… de todo.

Pero os meus ollos detéñense perante un libro cuxo nome é: Anne Sexton. The Complete Poems (Houghton Mifflin Company, Boston). Vexo que é da nai da andoriña e iso alégrame. Encántame a xente que le poesía.

Folleo o poemario. Nos andeis da miña biblioteca teño algún libro de poemas de Anne Sexton. Mais faime ilusión dar coa súa poesía completa en inglés. Atópome con poemas longos que entendo pouco. Pero teño a inquedanza de loitar co significado dalgúns versos.

Benny Carter
Segue a soar Benny Carter e semella que música e poesía crean un ambiente propicio para que eu goce.

Daquela, escribo no meu caderno o poema “The Kiss”, que case collo ao chou. Creo entender algo, pero non abonda. Así que recorro ao pai da miña andoriña, que segue a revoar pola sala. Pídolle que me dea algunhas chaves necesarias para encontrarlle sentido ao poema.

El, coma sempre tan amable, enfróntase ao texto e comeza a dicir en voz alta algunhas frases que teñen relación cos versos. Fálame da reacción de quen se expresa, a voz poética, despois dun bico. Como cambia o seu corpo, como se alteran os seus nervios e como compara o corpo antes do bico cun barco desconxuntado de madeira, sen auga salgada, que precisa da pintura.

Sen ánimo de ser un experto, o meu fillo, que é o pai da miña andoriña, énchese de paciencia cando lle digo que me fale un pouco máis do poema. El intenta achegarme algúns versos da parte final do mesmo:

Os meus nervios están acendidos. Escóitoos como
instrumentos musicais. Onde había silencio
os tambores, as cordas están a tocar dun xeito incurable. Ti fixeches isto.
Puro xenio traballando. Cariño, o compositor camiñou cara ao lume.


E gústanme os dous versos primeiros deste poema amoroso, no que o bico é o causante dos sentimentos desa voz poética.

Os versos din algo así como: A miña boca florece coma unha ferida. É dicir, brota o sangue.

E un queda pensando no sentido do poema. Nos lamentos e sentimentos intensos da voz poética deses versos inquietantes. E chega a pensar que antes o seu corpo era inútil pero o bico encheuno de descargas eléctricas para producir nel unha auténtica resurrección.

Momentos moi especiais vivín entre a complexidade do verso, a interpretación do pai da andoriña e a música de Benny Carter co Oscar Peterson Trio.

Fiquei desacougado e, ao tempo, sentín o dardo da poesía como algo vivo e descarnado no meu interior.

THE KISS

My mouth blooms like a cut.
Anne Sexton

I've been wronged all year, tedious
nights, nothing but rough elbows in them
and delicate boxes of Kleenex calling crybaby
crybaby, you fool!

Before today my body was useless.
Now it's tearing at its square corners.
It's tearing old Mary's garments off, knot by knot
and see—Now it's shot full of these electric bolts.
Zing! A resurrection!

Once it was a boat, quite wooden
and with no business, no salt water under it
and in need of some paint. It was no more
than a group of boards. But you hoisted her, rigged her.
She's been elected.

My nerves are turned on. I hear them like
musical instruments. Where there was silence
the drums, the strings are incurably playing. You did this.
Pure genius at work. Darling, the composer has stepped
into fire.




A miña andoriña