martes, 6 de agosto de 2013

AUTE Y PARTE, UNHA HOMENAXE IMPRESCINDIBLE A LUIS EDUARDO

A verdadeira entrada en Versos e aloumiños sobre Luis Eduardo Aute aínda está por chegar. Será na sección A luz das palabras e conterá unha auténtica sorpresa, ademais dun luxo que nos emocionará.

Hoxe quero deixar nestas liñas o anuncio da presentación que o xoves día 8 deste mes de agosto terá lugar no Ateneo de Madrid do libro Aute y parte.

Un libro que promete ser unha obra monumental, necesaria e máis que merecida sobre un dos grandes poetas (mesmo co pincel) e cantautores deste país.

Aute, ademais de ser unha persoa excepcional, reúne unha serie de cualidades artísticas sen par, que van dende a canción á pintura, pasando pola poesía e polas súas inclinacións cinematográficas.

Un home que semella proceder do Renacemento nestes tempos tan convulsos. Un cantautor que cada volta canta mellor e que nos seus discos non baixa a calidade senón que mellora os mesmos ano a ano.

Un compositor versátil cun mundo de seu, afouto creador de espazos que imos ocupando os que o queremos enchendo os recunchos que nos ofrece.

Mago da palabra, inventor de imaxes icónicas, como afirma Jaime Chávarri, capaz de recrear ou prescindir da palabra segundo sexa a súa maneira de expresión. Segundo sexa o obxectivo que se marca.

Así pois, un libro, Aute y parte, editado por Pedro Tabernero e o Grupo Pandora, que intenta achegarse ao seu universo creativo e sentimental a través de ilustracións subxectivas e oníricas do debuxante madrileño Roberto Sánchez Terreros, que con mestría reinterpreta letras de cancións da súa discografía.

Pablo Guerrero
O volume contén, ademais, afectuosos testemuños de personalidades, entre as que destacan Silvio Rodríguez ou un dos cantautores máis interesantes que deu a música española, como é o caso de Pablo Guerrero.

O vindeiro xoves, no Ateneo, coa presenza do propio Luis Eduardo Aute, presentarase este imprescindible proxecto, que promete ser un acontecemento de primeira magnitude.

Eu, aínda nos EE.UU., non poderei asistir ao acto. E ben que o sinto. Velaquí a invitación que Luis Eduardo, home ben discreto como creador torrencial, me enviou para que soubese desta homenaxe.



Escribinlle, contestoume e, para o mes de setembro, agardo poder gozar deste libro marabilloso.

Parabéns, Luis Eduardo.

Por fin comezan a valorar os enormes méritos que ti levas en voz baixa pero dunha maneira moi firme, fronte aos de tantos outros desmedidamente gabados.

Alí, no Ateneo, tamén estarei eu.

Non será en persoa, mais si en espírito.



                                                             ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO.