lunes, 22 de junio de 2015

"DETRÁS DEL HORIZONTE" TAMÉN SEMENTOU ESPERANZA NA CORUÑA COAS PALABRAS DE FRANCISCO X. FERNÁNDEZ NAVAL.

Edurne Baines, a editora de Belagua, presenta o acto.


     Rematou o  periplo do libro “Detrás del horizonte” por Galicia.
     
     Iniciárase en Vigo con Manuel Veiga como presentador maxistral, seguiu en Santiago, sendo Armando Requeixo quen puxo a súa palabra intelixente sobre el, e o día 11 de xuño, na Coruña, Francisco X. Fernández Naval falou coa brillantez que o caracteriza sobre esta historia de historias, que nos fala da dor dos seres humanos en situación límite á que os leva a guerra.
     
Con Noa e Susi
     A da Coruña, na libraría Arenas, foi una presentación entrañable. Compartir momentos intensos con persoas coma a nosa filla Noa, coma Xulio García Rivas ou os meus admirados e queridos Xoán Babarro e Ana Mª Fernández produciume un pracer inmenso. Ese vén sendo, dende hai ben anos, un dos obxectivos que me marquei cando decidín escribir literatura.
     
     As palabras posúen moitos significados complexos, pero tamén unen. Conseguen artellar  discursos contraditorios, pero tamén crean espazos de afectos que emocionan.
     
     As palabras, xaora, non son inxenuas, nin inocentes pero utilizadas con agarimo convértense nun bálsamo do que precisamos os seres humanos sensibles.
     
Fernández Naval fala de "Detrás del horizonte".
     E un bálsamo para os asistentes  resultou a intervención de Chisco Fernández Naval. Palabras ditas dende a sensibilidade polo ser humano. Palabras denunciadoras dos conflitos bélicos que están a desangrar a nosa terra e aos que non se lles ve solución. Palabras agarimosas, libres, vivas sobre a literatura e sobre “Detrás del horizonte” que chegaron moi fondo.
     
     Grande escritor total. Un poeta con quen me identifico plenamente. Un dos narradores máis interesantes da literatura galega. Un estudoso  da nosa cultura, ensaísta de prestixio que abre as portas da universalidade sabendo, iso si, de onde vén e a onde quere chegar.
     
Chisco, Antonio, Ana María, Susi e Xoán.
     Foi un luxo que falase do meu libro como o fixo. Agradézollo moi sinceramente.
     
     E a xenerosidade de Chisco Fernández Naval (estou gozando moito coa súa novela Cita co aire) permite que Versos e aloumiños poida publicar as palabras da presentación.


     Grazas, mestre, por todo.





Estar con Chisco, un pracer.


PRESENTACIÓN “DETRÁS DEL HORIZONTE” DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
LIBRARÍA ARENAS. A CORUÑA. 11 DE XUÑO DE 2015.


Non hai moito que coñezo a Antonio García Teijeiro. Xuntáronnos os libros. Agora, dende hai dous anos imos construíndo, día a día, unha amizade entrañable e fecunda, fundamentada, sobre todo, en correos electrónicos, con encontros esporádicos, de cando en vez, arredor de amigos comúns.

Eu sempre admirei a Antonio García Teijeiro. Coñecíao como lector. O primeiro libro del que lin foi “Paseniño, paseniño”, publicado nunha colección no que tamén había un título meu.



Valoro moito os escritores que son quen de escribir versos que engaiolan aos nenos. Na sinxeleza aparente dos versos rítmicos e rimados, cheos de luz e que xogan a ser canción, está, para min, boa parte do ser do poema, a súa esencia, o seu valor primeiro. Cando iso se fai ben, o resultado resulta insuperable e, ademais, ten a virtude de captar o interese e a atención do máis crítico dos públicos.

Antonio é unha referencia da literatura infantil e xuvenil en Galicia e fóra dela. Proba disto son as publicacións noutras linguas e os premios acadados, como o Pier Paolo Vergerio da Universidade de Padua.

Universidade de Padua

Pero tamén escribe literatura para adultos, velaí, por exemplo os títulos: “Parolando coa vixencia” e “Presenzas marcadas”. Sobre o primeiro volverei máis tarde. 

Antonio alimenta con dedicación, xenerosidade, delicadeza e constancia, dende hai moitos anos, o seu blog ou páxina persoal “Versos e aloumiños”, visitado dende moitos países do mundo, algúns con conflitos bélicos, e que xa superou as 130.000 entradas.


Amigo dos amigos, Antonio mantivo intensa relación con persoas ás que segue admirando e querendo, como Rafael Alberti ou Celso Emilio Ferreiro e a súa dona Moraima. E quero, aínda, salientar outras referencias que alimentan os seus días: o amor por Bob Dylan e por Paco Ibáñez, e a paixón polo cine, polo jazz e polo Celta. Algo de todo isto hai neste libro.
Bob Dylan

Detrás del horizonte”, agora publicado en castelán pola editorial Belagua, seguindo a tradución de Alba Piñeiro Estévez, en colaboración co propio autor, foi publicado previamente en galego, co título “Trala liña do horizonte”, no ano 2002. Naquela primeira entrega, o texto acompañábase de ilustracións de Andrés Meixide. No limiar da actual edición Antonio explica como naceu este libro. Durante anos gardou nunha carpeta fotos de guerra, de guerras. Co tempo ese material requiriu textos. Unha selección da colección de imaxes serviron de base para que Meixide realizase as ilustracións daquela primeira edición da editorial Tambre.

Ricardo Grobas

Agora, Antonio incorpora fotografías de Ricardo Grobas, que foron tomadas no ano 1997, en Albania, durante unha operación humanitaria na que participou o exército español. Isto levou a Antonio a modificar en parte a estrutura do libro, cambiando as ilustracións primeiras, baseadas na colección de fotografías, polas imaxes de Grobas, que ademais levan, cada unha, un pé de foto, transformándose así, tamén elas, en material narrativo.

Debo dicir que este é un libro necesario, e quixera que ese fora o titular destacado desta miña achega de hoxe. Semella que vivimos nunha sociedade segura, coas nosas cousas e os nosos problemas, claro está, como sucede en todas as sociedades humanas; pero sentímonos seguros, convencido de que o mal, particularmente a guerra, sucede sempre detrás da liña do horizonte.

Eu son dunha xeración que non viviu a guerra. Porén, medrei con ela, porque a guerra forma parte da memoria máis intensa da miña nai e ela sempre considerou que nós, miña irmá e máis eu, debiamos saber, estar advertidos, porque o mal existe e axexa.



Antonte martes, aquí, na Coruña, un grupo de amigos do pintor sirio Ali Ali, convocamos unha poxa da obra do artista, tamén sirio, Ahmad al Hammoud, que é amigo do noso amigo, e xa sabedes o que se di: os amigos dos meus amigos... Ahmad vivía na súa cidade, no norte de Siria, Dair-az-Zawr, bañada polo Éufrates. Vivía alí, nese fértil crecente onde naceu o mundo que coñecemos, alleo á guerra, con seus. Pintaba e conseguía vender a súa obra en Damasco e nos países árabes máis prósperos. De socate, e sen saber moi ben como, a guerra prendeu no corazón de Siria. Hoxe a súa cidade, practicamente destruída, está ocupada polo exército do Estado Islámico. Ahmad coa súa familia: os pais xa maiores; as súa cuñadas, viúvas dos seus irmáns mortos por causa do conflito, e os seus 14 sobriños, conseguiron fuxir, non sen enfrontar múltiples perigos. Atoparon refuxio no campamento de Harran, na provincia turca de Sanliurfa, xunto con outros 250.000 refuxiados. Non teñen recursos. Con algunhas obras que conseguiu levar canda si e enviarlle a Ali Ali, fixemos a poxa o martes. Seguramente Ahmad e os seus vían a guerra como un eco que lles chegaba dende detrás do horizonte.  

Dicía que “Detrás do horizonte” é un libro necesario porque hoxe o número de conflitos bélicos no mundo é incontable. Hai quen din que nunca foi tan grande o censo das guerras, grandes unhas, máis pequenas outras, pero tráxicas e dolorosas todas. Trinta e oito millóns de desprazados fóra dos seus países pola guerra, número semellante aos provocados da II Guerra Mundial, número que non inclúe os millóns de desprazados interiores. Deses, once millóns son consecuencia dos conflitos de Siria, Irak, Ucrania e Afganistán. Guerras espalladas polo mapa do mundo. Unhas de calado maior, outras menor. Velaí una apunte: Oriente Medio, guerra enquistada entre Israel e Palestina, conflito que data de 1948; Afganistán, unha guerra sobre outra; Somalia; Pakistán, que ten varias frontes abertas no seu territorio; Yemen; Nixeria; Siria; Libia, Irak; Sudán; Mali; Ucrania; Cachemira; Birmania; o estado de Indonesia coa etnia Papúa; Uganda; Congo; China no Tíbet; Etiopía; Colombia; Perú; México que vive a guerra entre narcos, exército, policía e as denominadas milicias de auto defensa. A isto hai que sumar que países da OTAN participan con misións militares, en varios destes conflitos, polo que tamén poden ser considerados países en guerra. O outro día lía as declaracións dun mozo saharauí, queixándose de que carecían dun líder que fose quen de levalos á guerra contra Marrocos. Algo temos que ver nós con ese conflito invisible, pero latexante, que temos aí, ao lado.

Detrás da liña do horizonte?

Para alguén da sensibilidade e o compromiso de Antonio García Teijeiro, un escritor contemporáneo, que vive no mundo e que observa o que acontece, a guerra sempre foi elemento de preocupación, e así aparece recollida na extensión da súa obra.

Xa en “Paseniño, paseniño”, ese libro ao que me refería antes, no que Antonio dialoga con Rosalía de Castro a partir dos versos da poeta: “paseniño, paseniño/ vou pola tarde calada/ de Bastabales camiño”,  Antonio facíase unha pregunta nun dos poemas, que por certo, feito música por Paco Ibáñez, está incorporado, en galego, ao seu repertorio. Velaí a pregunta de Antonio, que non sendo de guerra exactamente, pode ser de preocupación pola fame, polo medio ambiente, pola inxustiza e por que non?, pola guerra. Pregunta aberta, polisémica, digamos, que amosa desacougo e preocupación por ameazas que axexan: Que ocorre na terra?/ Que ocorre, rapaz?/ Se son pesadelos,/ eu quero espertar.


Antonio, como xa dixen, foi moi amigo de Celso Emilio Ferreiro. Celso Emilio tamén escribiu da guerra. Non sei se lembrades aquel poema de “Longa noite de pedra” titulado o Soldado: Chegaron ás aforas da cidade/ cubertos de borralla e de cansancio./ O teniente berróu, “alto, ¿quén vive?”;/ na inmensa soedá nasceron nardos./ O silencio da noite estrelecida/ era un longuísimo camiño branco./ As cartucheiras ían tintintín,/ decían, tintintín, marcando o paso...”. 


Celso Emilio Ferreiro

Nese poema no que Celso Emilio conta a historia de Xorxe, un labrego obrigado a loitar, lemos: “De súpeto, nos límites lonxanos do horizonte/ fitóu o reprandor dunha cidá en chamas/ semellante a un remoto mencer amarelo...”. Consciente ou inconsciente, hai algo no libro de Antonio, acaso un eco, que me fai lembrar este poema de Celso Emilio e as súas imaxes. O narrador que en “Detrás do horizonte” conta a historia do rapaz desertor, semella preguntar, aínda que sen chegar a facelo nunca, o mesmo que pregunta o poeta no poema: “Xorxe, meu vello amigo:/ ti que estás cos que sofren a historia/ i en contra dos que a escriben:/ ¿cómo fuches parar á tropa?”

Será por iso, que Antonio, no libro no que rende homenaxe ao poeta de Celanova, titulado “Chove nos versos”, escribe:
                        Choven balas
                        Seres berran
                        Arden vilas
                        Queiman leiras
                        Caen nenos
                        Chora a terra
                        Xeme o pobo
                        Pingas negras
                        Cicatrices
                        Dor vermella
                        Destrucción
                        Chuvia cega
                        Berros tristes
                        Dor marela
                        Choven balas
                        e miseria
                        Noite fría
                        Tristes guerras
                        Nace o medo
                        Chora a terra

Outra das referencias de Antonio é Bob Dylan; de feito, unha das citas iniciais do libro é del. Dylan é músico a quen a guerra nunca deixou indiferente: How many times must the cannonballs fly/ before they are forever banned? (Cantas veces deben voar as balas dos canóns, antes de seren prohibidas para sempre). E Antonio, no libro titulado “Petando nas portas de Dylan”, inclúe este poema, que semella complementar o anterior e seguramente nos dous atopamos elementos esenciais dos que forman parte do libro que hoxe presentamos:
                        Non vexo o ceo
                        nin vexo o mar.
                        Sinto que a néboa
                        está a medrar.
                        Vexo fusís.
                        Oio disparos.
                        Vexo uns rapaces.
                        Nenos soldados.
                        Vexo os seus ollos.
                        son de metal.
                        Dor nas facianas.
                        Anxos do mal.
                        Nenos da fame.
                        Nenos raptados.
                        Nenos sen lazos.
                        Nenos forzados.
                        Seres feridos.
                        Nenos roubados.
                        Vítimas frías.
                        Nenos soldados.
                        Que alguén te salve.


E en “Parolando coa vixencia”, lemos:

Á dereita, ronseis de fío.
Á esquerda, espadas ergueitas.
Ó norte, as frías olladas.
No medio, asubíos de morte.

Hai máis referencias á guerra e á violencia noutros libros de Antonio. Pero quizais o anterior abonda como proba da preocupación que el sente por este xinete apocalíptico. Nós, agora, debemos regresar a “Detrás del horizonte”.

A partir dunha historia empregada como fío argumental, “Detrás del horizonte” conta un total de 19 situacións que acontecen a persoas individuais ou colectivas, e que teñen como vínculo común, a guerra.

Un rapaz vestido de uniforme, cun macuto ás costas, sucio e temeroso, decide desertar. Xa vos dicía que hai nel algo do Xorxe de Celso Emilio. O rapaz de Antonio busca a paisaxe que está máis alá do horizonte, nun xogo inverso ao que vivimos nós como lectores, porque el vén do corazón da guerra, mentres que nós, cando lemos, imos cara el dende o territorio da paz, da nosa paz. Nós imos na descuberta da desolación; el procura regresar do inferno, e fala do que viu.

Camiñando chega a unha casa abandonada. É noite e necesita descansar. A casa está ás escuras. Prende a lanterna e entra. Tras unha inspección ocular, comprobando que non hai alí ninguén que lle poida facer mal, descubre, repousando contra unha madeira, unha carpeta azul. Ábrea e dentro atopa uns papeis escritos e ordenados por grupos, cada grupo prendido cun clip a unha fotografía. Senta e coa luz da lanterna empeza a ler. Velaí o que a min me parece que ten unha construción semellante a unha peza de jazz: dende unha harmonía rítmica básica, a historia do rapaz que foxe da guerra e le, desenvólvense pasaxes, as 19 historias vinculadas coas fotos, cada unha coa súa peculiaridade rítmica e plástica, coa súa propia tensión, para volver sempre ao fío argumental primeiro, a noite do rapaz e a súa propia historia.

Outra das paixóns de Antonio que eu vexo reflectida aquí, é o cine. Na miña opinión está moi  presente, quizais non de maneira explícita, pero si como recurso técnico que deixa constancia do amor de Antonio por este xénero. Porque hai momentos nos que a narración se orienta como perfecta secuencia cinematográfica, narrada con tensión, ás veces dende o ollo da cámara, seguindo a técnica empregada por Stanley Kubrik en “Chaqueta metálica”, o ollo da cámara por diante. Así sucede cando o rapaz deixa de ler, apaga a lanterna porque escoita pasos arredor da casa e axexa a noite dende a fiestra; ou cando o grupo de rapaces se achega xogando polo camiño a unha mina agochada; ou cando a rapaza bate coas mans contra o aceiro do tanque, ou cando os cativos lanzan pedras contra os vehículos blindados... rapazas e rapaces, nenas e nenos, porque as 19 historias prendidas con clips ás imaxes de Ricardo Grobas, están contadas dende a perspectiva das criaturas que máis padecen a violencia, aínda que, por veces, os acompañen as nais, os pais ou os avós. 

Stanley Kubrick

O final do libro é un canto de esperanza. Alguén ve ao rapaz desertor, días despois, camiñando cara un posible horizonte de paz. A guerra, así, sitúase nun paréntese que vai dende os artigos 38 e 39 da Convención dos dereitos do neno, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1989, que figura como unha das citas iniciais, e que se incumpre cada día en todos e cada un dos conflitos que mencionei, ata ese capítulo final que se abre cara a luz, acompañando ao rapaz desertor que procura, detrás da liña do horizonte, a calor dos sorrisos, a vida, a paz, e que descubre que nunha guerra todos son perdedores.

Quizais por ser historia de guerra contada dende a perspectiva da infancia, Antonio, na dedicatoria, como esconxuro, introduce a Libby, a súa neta que el soña andoriña. 

E como final, Antonio propón unha chiscada. A última fotografía presenta a un grupo de rapaces albaneses co sorriso nos labios, malia a guerra e o intento de exterminio. Un deles sostén na man un acendedor co escudo do Celta de Vigo. O Celta, o fútbol, outras das paixóns de Antonio, paixón esta que só é posible vivir nunha sociedade en paz e que podería axudar a construír un mundo mellor, sempre que non estea administrada dende a corrupción, que non sendo guerra, si vén sendo outro rostro do demo.


Francisco X. Fernández Naval


Chisco, Antonio, Edurne, Susi, Xulio e Alba Piñeiro, a tradutora.