domingo, 18 de agosto de 2013

UXÍA DÁ VIDA A ROSALÍA PEQUENIÑA


Teño diante de min un libro fermoso.

Un libro necesario, todos son poucos, con Rosalía de Castro coma protagonista.

O seu nome: Rosalía pequeniña. Unha idea músico-literaria  de Uxía Senlle.

Gravado en Santiago de Compostela en abril de 2013, Uxía fai composicións  sobre a poeta , tanto na letra coma na música.

Por exemplo, o poema que leva por nome o libro-disco, Rosalía pequeniña está escrito por Uxía cunha música de Magín Blanco.

Tamén aparecen no álbum, A Rosalía, No bico un cantar, de Curros Enríquez e música de Luis Emilio Batallán ou A grasia non era moita: poema de Rosalía e música de Uxía e Magín Blanco. A propia Uxía con Tannus, quen fai os arranxos, a produción do disco e a dirección musical, poñen música a Alborada, un poema rosaliano.


Hai unha chea de músicos e de cantantes que interveñen no disco para enriquecelo e covertelo na xoia que é.

As ilustracións, delicadas e fermosas, son de Marina Seoane.

Estamos perante un libro axeitado para conxugar creación literaria, poesía de autora, música e cancións que debería ser imprescindible para empregar nas aulas e nas casas.
Sempre mantiven que a poesía ten que entrar na escola (e no fogar ) en VOZ ALTA e, se pode ser, da man das cancións feitas con respecto os autores e os oíntes.

Uxía Senlle
Uxía conseguiu presentarnos un proxecto rico tanto musical como literariamente. E debemos agradecerllo fondamente.
Uxía, muller incansable, presente sempre onde é requirida, está a facer un labor fundamental na música galega e un, que ama a poesía para os pequechos e defende a súa presenza nas aulas, séntese moi feliz deste libro cun CD que, sobre a nosa poeta nacional, editou Galaxia.






ROSALÍA PEQUENIÑA


Rosalía pequeniña
soñaba con ser pirata
Ilustración de Marina Seoane
a pequena Rosalía
escribía na nosa fala.


A meniña silandeira
a da fala ben mainiña
pequeniña, pequeneira
unha meniña gaiteira.


Rosalía pequeniña
medio meiga, medio fada
ao pé da verde silveira
chamando pola alborada.


A rebelde e rebuldeira
non é musa nin postal
sube ás  ponlas das figueiras
e alí déitase a soñar.


Rosalía, Rosalía...

Rosalía pequeniña
vestida de moitas cores
que non canta nin ás pombas
Poema de Rosalía sobre ilustración de Marina Seoane
nin ás delicadas flores.


Rosalía, nena india
poeta dos nosos días
que pos no sentir do pobo
badaladas de alegría.


Rosalía pequeniña
medio meiga, medio fada
ao pé da verde silveira
chamando pola alborada.


A rebelde e rebuldeira
non é musa nin postal
sube ás ponlas das figueiras
e alí déitase a soñar.

Rosalía, Rosalía...

Rosalía, rosa, Rosalía
Rosalía, nosa rosa.




E remato cunhas liñas do texto que aparece antes dos poemas. Fermosas palabras de Begoña Caamaño que di: Da man e na voz de Uxía podemos coñecer agora esoutra Rosalía. Neste Rosalía pequeniña, Uxía déixanos un feixe de cancións para retratar esa muller que uns chamaron tola e outros santa: a verdadeira Rosalía. A Rosalía pequena, insubmisa, rebelde, pirata; a Rosalía que non é musa senón pobo... e por iso a canta o pobo. Como a cantamos nós, como a cantou no seu tempo Curros Enríquez, quen soubo ver nela esa nena soñadora que medrou até se converter nunha muller afouta e ousada. A Rosalía que todos e todas levamos dentro, e por iso debemos coñecela e cantala.

Sabias palabras que fago miñas e que reivindico con todas as miñas forzas.

                                                                                         

                                                                                                                 ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO