Dende hai unas datas
comezamos a entrar con forza no “Ano Manuel María”.
A ninguén se lle pode pasar que o “Día das
Letras Galegas” se lle adica este ano ao poeta, narrador, autor teatral e
académico da Real Academia Galega nado en Outeiro de Rei en 1929 e falecido na
Coruña no ano 2004.
Manuel
María foi un mestre, sen dúbida, para todos aqueles que amamos a poesía e
escribimos poemas para a rapazada. O xa milleiros de veces mencionado “Os soños
na gaiola” foi un libro que abriu canles e marcou un camino que algún e algunhas
decidimos seguir para darlles aos nenos e nenas poemas para que desfruten coa
lírica. Pero Manuel María foi máis, moito máis.
Alguén que o coñeceu moi ben foi o escritor,
xornalista e doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, Manuel Veiga. Nas moitas conversas con el, chegou a comentarme a relación amigable co poeta, a quen lle debe
a lectura de certos libros nunha época complicada. Lecturas e momentos
impagables que o axudaron a ver luz nuns intres de formación persoal e
literaria.
E é
Manuel Veiga quen nos agasalla dous volumes, dous magníficos achegamentos á
obra e á vida de Manuel María, o segundo deles compartindo libro cunha ampla
escolma de poemas realizada por Xosé Lastra.
Dous volumes necesarios, cun enfoque intelixente de quen coñece o autor no
plano persoal, pero que foxe da haxiografía.
No primeiro deles, “Manuel María, buscando un país”
(Ed. Xerais. Col. Libro X), o autor penetra no máis fondo da alma do poeta
chairego e relaciona cada parte da súa vida cos poemas escritos neses momentos.
Fai fincapé Veiga na intensa relación que existe entre as súas mellores páxinas
e aquilo que o poeta sente máis preto del: o afecto pola súa terra máis próxima,
pola súa casa e polo súa muller, Saleta
Goi.
Deste xeito, cunha prosa limpa e clara,
moi pedagóxica no mellor sentido do termo, e cunha emoción comprensible, Manuel
Veiga achéganos as calmas e as teimas, a forte unión cunha terra que o
apaixona, as súas arelas para cubrir os baleiros sociais e culturais que o rodean
(de aí esa faceta súa de cronista), a
ilusión, o entusiasmo que o guía a partir do ano 1969, as desilusións posteriores
ou a ocultación dunha idea bohemia da existencia,entre outros moitos temas.
Manuel Veiga escribe magníficas reflexións
sobre algún dos seus libros, pon exemplos do que afirma e déixanos, de maneira
case coloquial, un retrato dun home para quen o acto de escribir foi unha
necesidade vital para entenderse mellor a si mesmo.
O segundo libro, “Manuel María. Vida, versos e
rebeldía” (Ed, Xerias. Col. Merlín), é unha obra perfecta para a
divulgación poética do autor de Outeiro de Rei. Un manual imprescindible para a
escola. A súa estrutura non pode ser mellor pensada. Ten unha primeira parte a
cargo de Manuel Veiga. Un relato engaiolante da súa vida cotiá que transcorre
polas diversas actividades do poeta: procurador, libreiro, editor, xornalista,
autor teatral etc. Un relato que convida a gozar das súas páxinas, porque nelas
está un Manuel María próximo. Cunha linguaxe comprensible, repasa os avatares
do escritor, “o home que aspiraba a coñecer a todos os galegos”, en diversos
capítulos: o personaxe, a vida cotiá, Saleta, o franquismo, a democracia e a
súa obra poética dividida en dous apartados: 1950-1980 e 1980-2000.
Para mostrar o ton que emprega o autor do
texto, deteñámonos no comezo do libro. Un comezo pouco habitual nas biografías, pero
que está abrindo portas con naturalidade: “Manuel María era guapo, tiña barba e un
pelo abundante. Miraba aos ollos, cunha ollada intelixente que case nunca
trataba de impoñlerse. Noutro país podería ter sido actor de cine…” Un
principio así xa invita a seguir lendo e a introducirse na vida e na obra de
alguén. Un acerto de enfoque. Unha razón para coñecer un poeta.
O libro complétase cunha cronoloxía básica
e cunha antoloxía de poemas, “Ferrados do corazón”, escollida por Xosé Lastra.
Unha recompilación ampla e diversa, dos poemarios “Terra Chá”(1954), “Documentos
persoaes” (1958), “Mar maior” (1963), “Os soños na gaiola” (1972), “Cantos
rodados para alleados e colonizados” (1976), “Poemas ao outono” (1977) e “As
rúas do vento ceibe” (1979).
Dicir, ademais, que o
primeiro libro, cun trazo austero, está ilustrado por Víctor Tizón, acorde co contido do texto. O segundo, moito máis
lúdico e a cor, ten o selo dunha ilustradora que irrompe con moita forza, Nuria Díaz, que fai un discurso
plástico moi vivo, sinxelo pero dun enorme expresividade.
Estamos, pois, diante de dúas obras
básicas, para gozar da vida e da obra dun home, Manuel María, que foi o
primeiro mozo que publicou unha obra en galego despois da Guerra Civil.
Profundamente recomendables.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO