Alejandro Castroguer publica na editorial Almuzara o seu libro Glenn. Vino na libraría e seduciume axiña. Todo o que teña que ver co meu admirado Glenn Gould interésame, e moito.
O autor evoca a figura do pianista máis
controvertido e xenial do pasado século nunha obra magnífica, gañadora do Premio Jaén de Novela 2015.
Nela, dende unha óptica aguda e orixinal
(en segunda e terceira persoas) o autor revela os comportamentos do xenio
canadense, os seus caprichos, as súas filias e as súas fobias, a súa relación
cos seus pais, as contradicións, os sentimentos íntimos, etc. E faino dende o
agarimo, sen deixar de ficcionar unha traxectoria espléndida de difícil
comprensión ás veces.
Nótase que Alejandro Castroguer ama a Gould, pois a
recreación da vida deste artista está escrita dende a inmersión nos seus
sentimentos íntimos e desconcertantes. O relato, construído en trinta
capítulos, dúas arias e unha coda, é cálido e achega eses sentimentos de Gould
ao lector dun xeito eficaz que se agradece.
Non podo deixar de
lembrar aquí, o magnífico libro de Thomas
Bernhard, El malogrado, unha novela sobre Gould que me cativou hai xa ben
tempo. Ambas obras son distintas pero moi recomendables.
E a aparición de “Glenn”, a súa lectura,
levoume a revisar a figura de Glenn Gould. Volvín abrir os seus libros e os que
del falan. Volvín ler algunhas cartas, algunhas conversas, algunhas páxinas da
súa biografía tan sedutora.
E volvín emocionarme cos recunchos do seu
universo artístico e persoal. Os seus diálogos cos grandes músicos da época (Bernstein ou Stokowski, por exemplo), con amigos, admiradores ou intérpretes.
Malia o seu carácter difícil, o pianista sorprende polo afecto que desprenden
moitas das súas misivas.
Nelas queda patente que é marabilloso para el traballar
con Yehudi Menuhin e así llo
manifesta por escrito dándolle voltas ao feito de tocar a Fantasía de Schönberg con
el ou unha sonata de Strauss ou de Prokofiev. E faino cun talante encantador.A satisfacción que lle
produce que a Marshall McLuhan lle
gustase un programa que Gould dirixía, no que entrevistou ao profesor da
Universidade de Toronto e o afecto que amosa a admiradores que lle escriben con moito agarimo.
Resulta moi pracenteiro ler certas
afirmacións súas arredor da música. Apaixónalle a obra de Orlando Gibbons, porque valora a capacidade deste compositor para
simbolizar o remate dunha época. Del afirma que, a pesar de escribir unhas
poucas obras para teclado (escribía principalmente para voz), xa dende os catorce anos se sentira atraído
pola súa música.
De William
Byrd afirma que é un compositor expansivo e nostálxico e que Schumann é alguén que acaba rapidamente
coa súa paciencia. Valora a Mendelssohn polas
obras non dirixidas ao piano e que lle encanta tocar as transcricións dos
poemas sinfónicos de Richard Strauss.
Glenn Gould, como ben é sabido, cantaruxaba
durante os concertos mentres tocaba, preséntábase no escenario vestido cun frac
sen planchar, abrigo e luvas. En 1964, no cume da súa carreira, abandonou de
maneira sorprendente os escenarios para centrarse nos seus escritos e nas súas
gravacións.
Non cabe a menor dúbida de que, malia a
súa excentricidade, Gould posuía algo máis ca os sinais externos que,
simplificando, o podían definir. Sería un erro imperdoable esquecer que Gould
era un erudito e as súas ideas, mesmo levadas ao extremo, eran a consecuencia
dunha reflexión profunda e estaban solidamente ancoradas na súa experiencia
artística.
Aínda que os seus fitos foron as dúas
gravacións das Variacións Goldberg (1955 e 1981) de Bach, a obra de Glenn Gould ábrese
a compositores de diversas épocas que son tratados cun enxeño exemplar.
Edward Said |
Remato coas palabras de Edward Said sobre Glenn Gould, que
definen perfectamente su figura como músico:
“Glenn Gould é a excepción a practicamente
todo o resto de intérpretes do século XX. Foi un pianista moi brillante, que
parecía situarse moito máis alá do acto mesmo da interpretación grazas ao seu
son único, ao seu estilo áxil, ao seu talento rítmico e, sobre todo, á súa
capacidade de concentración”.
Totalmente de acordo con estas afirmacións do intelectual palestino.
Por iso é un referente, un dos máis grandes intérpretes de todos os tempos.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
Unha xoia. Glenn Gould toca a Partita #2 de Bach, contida no documental "A Arte do Piano". Aquí podedes observar algunha das cousas mencionadas.