sábado, 23 de abril de 2016

DARDO POÉTICO (XXXII) Uns aforismos de Benjamín Prado do libro "Más que palabras"





De cando en vez aterro en espazos moi ceibos de palabras, de versos, de longas oracións gramaticais, de repeticións que me intentan dominar, de parágrafos que me envolven entre a crueldade e o agarimo.
     

     
     De cando en vez decido pousar os meus sentidos nunhas illas que están rodeadas do mar do enxeño. Que semellan chamarte en voz baixa pero que, ben o sabes, soan a berros no teu interior.

     De cando en vez decido pisar os terreos dos aforismos, eses eidos que non parecen estar sen labradíos, pero que dan froitos insospeitados.
     As colleitas son moi xenerosas.
     Os froitos teñen unhas formas e unhas cores sorprendentes. O seu sabor, exquisito.
     
     
Benjamín Prado
     Desta volta detívenme no terceiro libro de aforismos  de Benjamín Prado, un escritor que me interesa. Alguén do que eu leo a súa poesía, os seus artigos no xornal e máis dunha novela.
     O libro leva por título Más que palabras e está editado por Ediciones Hiperión en 2015.
     Decidín poñelos en galego. Quedan ben na nosa lingua.

     


     
      Velaquí algúns deles:
         * Hai quen só conta contigo ata completar o aforo.
        * As persoas que temen perderte sempre dan un pouco de medo.
        * Recoñecina porque non se parecía a ninguén.
       *  O poema é a cabeleira da linguaxe.
       *  Cando non vaias a ningures, tamén te quererei acompañar.
       *  O que ten mérito é ser lembrado polo que fas, non polo que din de ti.
       *  Hai quen confunden darche un consello con deixarche unha multa no parabrisas.
        * A igualdade tamén consiste en que todos poidamos ser diferentes.
        * O pesimista busca desgrazas que lle dean a razón.

     *    Estar mal acompañado é estar só por partida dobre.

     Tras ler estes aforismos, decidín cerrar o libro e dedicarme a ver como aboian no máis íntimo de min as ondas do mar.

                                                                                            ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO