Ten unha poesía espida, punxente, metálica ás veces, que penetra no máis fondo do lector/a.
Unha poesía que pon ao descuberto certas
necesidades que o ser humano precisa para rabuñar nos sentimentos que como tal
o identifican.
Poesía directa, ateigada de dúbidas, de
ofrecementos, de desexos.
Poesía que sinala, que presenta afectos e
desafectos e que tinxe de urxencias vitais.
Dores Tembrás |
Estou a falar da poesía de Dores Tembrás (Bergondiño, A Coruña, 1979). Doutora en Filoloxía Hispánica, fixo a tese de doutoramento sobre a enorme poeta Alejandra Pizzarnik. Investigadora, publicou estudos e poemas en revistas especializadas.
O seu primeiro poemario, O
pouso do fume, viu a luz en 2009. Cando caeu nas miñas mans este libro,
decateime axiña de que estaba diante dunha poeta, cuxa obra me ía acompañar
sempre.
Talvez porque abro os poemarios pola
metade para botarlles un ollo, os primeiros versos que lin de Dores Tembrás
poderían ter sido estes:
que se estreita e ensancha
a cada paso
as lacenas seláronse
e os vasos estalaron con
nocturnidade e aleivosía
os interruptores
reconcentráronse (…)
O poemario deixou pegada en min. Chegoume
fondo.
E tiven que agardar cinco anos (demasiado
tempo para min) ata que chegou ás miñas mans a Cronoloxía da urxencia (2014),
galardoado co XVI Premio de Poesía Concello de Carral::
palabras
con mordaza
no negro
sete setenta e cinco
cruzándonos
contra a solitas
baixo o brazo
c´est
fini
ou os ollos
fogo a discreción
Foi este un dos poemas que me sacudiron.
Un poema escrito “lendo a Lois Pereiro”.
Dores Tembrás mantense –como non!- entre
esas autoras ás que volvo cada pouco.
Así que non é difícil comprender que
Versos e aloumiños lle pedise un texto para esta sección, A luz das palabras,
que pretende que as persoas que teñan algo que dicir nos alumen co seu discurso
literario e humano.
E Dores Tembrás, cunha xenerosidade
grande, agasallounos o texto que podedes ler deseguido.
Un luxo. Unha honra.
silabario
y el
no estar a la altura de las propias palabras
con
esfuerzo aprendidas
Valente
a terra
un custodiarse
partitura de raíces
que me contiñan
eran as vexigas
na carne infantil
unha constelación
de tubérculos aluarados
que me empeñaba
roedora insaciábel
rella
do arado que manca
ghrade e caínzo
para a iniciada
no sen alento
--