Mostrando entradas con la etiqueta manuel veiga. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta manuel veiga. Mostrar todas las entradas

domingo, 22 de septiembre de 2019

"Os adolescentes de hoxe son moi creativos", artigo de Manuel Veiga

(Foto do blogs.upn.edu.pe)




Cada achega de Manuel Veiga a Versos e aloumiños é unha chave para falar de temas de actualidade que, moitísimas veces, se tratan dun xeito demasiado convencional e, por iso, cunha certa inxustiza.
     A este escritor e xornalista monfortino preocúpanlle algúns asuntos que deberían ser tratados con maior seriedade e de maneira máis rigorosa.
     Desta volta, preséntanos un artigo interesante sobre a mocidade e a súa creatividade, tomando partido a prol dos mozos e mozas, tan inxustamente tratados nas diversas épocas.
     Como se os adultos non fósemos seres en formación e non moi distintos nos diferentes momentos da historia!
     Lede, pensade e formádevos unha opinión.




Manuel Veiga   (Foto de A.González-Alegre)




                     Os adolescentes de hoxe son moi creativos

Manuel Veiga Taboada

Gústame o director de cine Jim Jarmusch. Pero non vou falar agora das súas películas, senón de algo que afirmou recentemente nunha entrevista. Transcribo a frase: “O mundo é dos adolescentes. A xeración que hoxe en día pasa por eses anos é moi creativa, arriscada no cultural. Fascíname o que están a facer”. Só lles pon un pero: “Ás veces confúndeos a revolución hormonal”.

     
Jim Jarmusch
A opinión de Jarmusch vai contracorrente. Todos os días se pode oír a xente moi variada criticar a xente moza, sobre todo porque usa moito os móbiles e as redes sociais. Eu sempre lles lembro que cando tiña vinte anos, en pleno verán, saía de casa despois de comer e acostumaba a ir a un bar discreto que estaba cheo de mozos. Todas as mesas estaban ocupadas. Todos eles, rapaces e rapazas, pasaban (ou mellor serían dicir desaproveitaban) un dos mellores momentos da vida xogando ás cartas. Deixaban transcorrer aqueles seráns fermosos, de tres da tarde a dez da noite, nada menos que sete horas seguidas, lémbroo moi ben, xogando á baralla. A min parecíame asombroso. Nunca lle encontrei moito sentido aos xogos de mesa.


     Faleino con outras persoas e moitas confirmáronme esa paixón, no seu ámbito, a esas idades, polo tute, o chinchón, o mus, etc., etc.  Tamén podería falar das máquinas de flipper –a esas si que xoguei bastante–, de tirarse pedras uns a outros, pero non quero estenderme.

     En todo caso, esa memoria lévame a non crer que agora o dos xogos de ordenador ou o uso excesivo doutras tecnoloxías poida resultar grave. Claro que se poden facer cousas mellores, pero en todo caso non vexo aí unha traxedia nin un problema irresolúbel.
O que si é certo é que hoxe os adolescentes teñen moita máis e mellor información da que tiñamos nós. O manexo de tantas posibilidades fai que lles sexa máis difícil escoller o camiño a seguir. A mocidade de hoxe chega a formarse un criterio propio máis tarde, é dicir tarda máis en madurar, pero a cambio faino mellor, con máis datos na súa cabeza. Os períodos de aprendizaxe dilatáronse, de aí que sexa tan corrente á frase: “Eu cando tiña 17 xa facía isto é aquilo. Vós parecedes abobados. Iso é por culpa de estar todo o día cos ordenadores”.

     Jarmusch afirma, non obstante, o contrario. Como persoa vinculada ao mundo da creación, a través do cine e a música, probabelmente sabe do que fala, ten experiencia nese sentido.
Se eu tivese que facer un vaticinio diría o mesmo que Jarmusch: os adolescentes de hoxe serán máis creativos. A lóxica convida a pensar iso. Creo que deberiamos desprendernos dalgunhas inercias e prexuízos e observalos cunha visión máis ampla.

     
Sócrates
Non repitamos os tópicos dos vellos que nos criticaban a nós, cando eramos novos, en parte con argumentos parecidos. Hoxe é fácil encontrar na internet algunhas citas clásicas que nos ilustran sobre ese rexeitamento dos vellos aos novos. Vemos que é un tema habitual na historia da humanidade.
“Á nosa mocidade gústalle o luxo, está maleducada, búrlase dos superiores e non respecta en absoluto os anciáns. Os nosos fillos de hoxe convertéronse en tiranos, non se poñen en pé cando chega unha persoa de idade, contradín os seus pais; falando en prata: son moi malos”. (Sócrates, século V, antes de Cristo).

     “Perdín toda esperanza no tocante ao futuro do noso país se a mocidade de hoxe empuña mañá as rendas do poder, pois esta mocidade é insoportábel, impulsiva, simplemente horríbel”. (Hesíodo, séculoVIII, antes de Cristo).
“O mundo no que vivimos acadou unha fase crítica. Os fillos non obedecen xa os seus pais. Polo visto, o fin do mundo non está moi lonxe”. (Sacerdote exipcio que viviu máis de dous mil anos antes de Cristo).

Hesíodo

“Esta mocidade está podre até o fondo da súa alma. Os mozos son pérfidos e neglixentes. Nunca se parecerán os mozos doutros tempos. A nova xeración de hoxe en día non saberá conservar a nosa cultura”. (Texto nunha vasilla de barro atopada nas ruínas de Babilonia. A vasilla foi construída uns tres mil anos antes da nosa era).

     Pensemos agora algo. Calquera rapaz ten hoxe doado acceso a textos coma estes e pode moi ben sacárnolos a relucir. Creo que, se queremos axudar a xente nova, se queremos fornecerlle un criterio mellor, tamén nós, os maiores, debemos prepararnos. Encontrarémonos cada vez con xeracións máis esixentes. A nosa experiencia interesaralles pero temos que saber transmitirlla. 

     Non sei se os sermóns serviron algunha vez, pero hoxe desde logo son menos útiles que nunca. Para transmitirlle os nosos coñecementos, temos que empezar por observar os nosos adolescentes, como fixo Jarmusch. Tamén nós temos que aprender a contextualizalos a eles, na nova época que todos estamos vivindo.

lunes, 1 de abril de 2019

POR QUE É ÚTIL LER LIBROS QUE NON ENTENDEMOS?, un artigo de MANUEL VEIGA

Fotografía tomada de Babelia (El País)





Ter a Manuel Veiga en Versos e aloumiños é un luxo do que estamos convencidos quen damos vida a este blog-revista.

     De cando en vez, pedímoslle un artigo, porque sabemos da súa capacidade para plantear temas interesantes, deses que chaman a atención. Os seus planteamentos claros e intelixentes provocan reflexión e, por que non dicilo, ás veces certa controversia que se agradece nuns tempos coma estes que o vento anda algo revolto e deixa confusións que preocupan.
     E Manuel Veiga sempre ten un recuncho para encher de palabras cheas de sentido para compracernos. E nós estamos felices de que sexa así.
     E se dubidan do que dicimos, aí está este artigo que leva por título  Por que é útil ler libros que non entendemos? Unha vez máis furgando na ferida dos libros e as actitudes lectoras que provocan.

    Desfruten del, pensen e sigan lendo libros, ben se os entenden ou non.

Manuel Veiga (Foto de Antonio Gutiérrez)



                               Por que é útil ler libros que non entendemos?


                                                                                                                    Manuel Veiga Taboada


Estou a ler A orde do tempo de Carlo Rovelli. Deste autor xa lera antes Sete breves leccións de física, unha obra na que fala bastante de física cuántica. Rovelli é un bo divulgador e ambos libros acadaron grandes vendas.
         


Non obstante, un profano en ciencias, coma min, e a pesar do esforzo do autor, pouco pode sacar en claro destes dous breves ensaios. Arrepíntome de lelos? Debería ler unicamente libros que de entrada me gustan? Debería limitarme ás miñas materias preferidas, a historia, a literatura, un pouco de economía?
     

 
Carlo Rovelli
Creo que autolimitarse é un erro. É posíbel que un libro do que só entendemos unha de cada tres frases nos diga algo. Se o libro é bo, talvez nos abra un camiño. Lembro como un acerto a decisión dun profesor de primeiro de socioloxía que nos obrigou a ler A construción social da realidade, unha obra ateigada de termos novos. Era case como ler noutro idioma. E, non obstante, foinos moi útil. Grazas a esa lectura inicial, a carreira descorreu, para nós, con máis facilidade. Foi como o deses profesores de autoescola que, o primeiro día de clase, metían os aprendices na praza das Travesas de Vigo, cando aínda non había túnel.

     Pero volvendo aos libros difíciles, de que serve que leas se non entendes? En primeiro lugar serve para saber que esas preguntas e esas respostas existen. O que viaxa, aínda que pase pouco tempo en cada país, coñece, cando menos, novas paisaxes. Para os que somos de humanidades, a física ábrenos a fermosas preguntas, aínda que non cheguemos a entender apenas as respostas.
Saber que existen outros territorios, aínda que nos sexan descoñecidos, evita moitos erros e incluso algúns enganos. Cada nova paisaxe agranda a nosa perspectiva. Visitar Hungría unha semana non proporciona case ningún coñecemento profundo sobre o país e os seus habitantes. Con todo, seguramente aprenderemos, por exemplo, que o seu idioma é moi distinto de case todas as demais linguas europeas, aínda que non cheguemos a saber del máis que un par de palabras, ou que o pan que se vende nas panaderías de Buda é moi parecido ao noso. Con iso xa podemos deducir que os húngaros son diferentes pero tamén parecidos a nós e que calquera razoamento simplista carece de sentido.

     
Odgen N. Rood
O coñecemento introdutorio, de visitante, reduce o medo e os tópicos e ademais axúdanos a entender mellor aquilo que xa coñecemos. A pesar da distancia, en boa medida inxustificada, que hai entre ciencias e letras, todos aqueles que abriron as portas do outro campo quedaron satisfeitos e descubriron que agora entendían mellor aquilo que xa coñecían, porque o coñecemento opera por comparación e por contraste. 
     Está comprobado, por exemplo, que cada avance científico transforma a arte. A teoría das cores do físico norteamericano Odgen N. Rood, lida polo pintor francés Seurat, permitiulle inventar o puntillismo. Freud imaxinou, case literariamente, territorios cuxa existencia comprobarían un século despois os neurólogos.

     Achegarnos a certos coñecementos é como ver o mar por primeira vez. En principio, xa é bastante contemplar a súa inmensidade.


Georges Seurat

viernes, 1 de septiembre de 2017

Manuel Veiga escribe un texto singular sobre "Poesía cromática", de Antonio G. Teijeiro e Xulio G. Rivas: "Espidos diante dun lapis"



O xornalista e escritor Manuel Veiga escribe unhas liñas ben interesantes sobre o libro Poesía cromática, de Antonio García Teijeiro e Xulio García Rivas (Ediciones Belagua, 2017)
     
          E faino dende o coñecemento profundo da xénese literaria e do seu instinto agudo con relación á pintura.
     
Manuel Veiga Taboada
     É este texto un xeito diferente de enfocar o que os poemas e as pinturas lle provocaron no máis íntimo, coma lector avezado e esixente e como admirador fondo das artes plásticas.

     
     Un texto fermoso, intelixente que aporta lucidez a un libro ben singular.





                              Espidos diante dun lapis

                                                                                

                                                                                                                      MANUEL VEIGA TABOADA
                                                                                            

Din que os primeiros en explorar os mares foron os cazadores de baleas. “Poesía cromática” é un libro de dous artistas e os artistas son sempre exploradores do inconsciente.

     Este libro ten a rara particularidade de combinar os traballos dun pintor e dun poeta que practicamente traballaron a cegas, afastados o un do outro, véndose logo e interpretando as respectivas sensacións.

     

   
     Trátase case dunha experiencia sinestésica, como ben intúe Eva Veiga no prólogo. A sinestesia é un figura literaria que xoga coa mestura de percepcións. Pero tamén existe unha sinestesia real, provocada por unha particularidade do cerebro. Nabokov dicía que a letra “V” era de cor rosa pálido.
     
     Poderíase dicir que Teixeiro e Rivas buscaron a sinestesia xuntos, provocárona, a través dunha obra común. É unha obra que investiga e que intenta suxerir.
     
Antonio G. Teijeiro e Xulio G. Rivas despois da presentación do libro en Vigo
     Que sentido ten isto? Precisamente o de romper a nosa modorra, o de cuestionar os principios solidificados, volvendo atrás, ao momento no que os nenos aínda non encapsularon as liñas e as palabras en conceptos aprendidos e fixados. A verdadeira arte é previa ao sentido ou é un desvío do sentido considerado normal.

     Habitualmente, o cidadán desexa ver as cousas claras, definidas e dunha forma acorde coas súas ideas previas. Pero “Poesía cromática” non se dirixe ao cidadán, senón a ese estado anterior de ser humano, simplemente.
Dous seres humanos, Teixeiro e Rivas, espidos ante nós, antes de que naza o día, antes de que se distingan as figuras e o significado pleno das palabras.

     É unha experiencia inhabitual, sorprendente e tamén sorprendentemente sólida. Hai que alcanzar antes a madurez e ser moi valentes para atreverse con algo así.
     
     Unha improvisación jazzística, para continuar coa sinestesia.

Un momento da presentación no café Vitruvia en Vigo

jueves, 16 de marzo de 2017

MANUEL VEIGA TABOADA FÁLANOS NO SEU NOVO ARTIGO DALGÚNS ASUNTOS QUE NOS PODEN AFASTAR DA CULTURA



Unha das características máis importantes dos artigos que escribe Manuel Veiga Taboada é a súa orixinalidade. Orixinalidade que vén dada polos temas que toca e polo enfoque que dá aos mesmos.

     Ben se ve que Manuel Veiga é unha persoa cunha capacidade analítica enorme. E as súas análises son, como mínimo, moi singulares e dunha reflexión que nunca deixa de sorprender. Os temas son na súa escrita fascinantes polos diversos enfoques cos que os trata.

     Textos intelixentes que sorprenden. Textos que interesan  polo que din e polo que non din. Textos que o lectorado atento capta e que o fai sentirse gratificado diante do que le. Porque os artigos de Veiga Taboada sacoden e, ao tempo, acariñan. Porque son directos, á vez que abren novos camiños de ideas. Porque, en definitiva, están escritos dende a observación ao servizo do sentido común. Un pode discrepar do que afirma, mais sempre vai ter en conta o que le para facerse unha opinión de seu.


     Desfrutemos deste artigo de Manuel Veiga tan curioso coma lúcido.

Manuel Veiga Taboada no 1987 (Foto de Xan Carballa enviada polo autor)


Os traxes, o vocabulario e as clasificacións. Cousas que nos afastan da cultura

                                                                                                    Manuel Veiga Taboada



Un día, mentres falaba coa miña filla sobre algúns dos protagonistas da revolución francesa, detívenme e díxenlle: “Non che interesan, porque non che gusta a súa forma de vestir, verdade?”. De pronto, abriu os ollos e asentiu. Entón aproveitei para explicarlle que os radicais sans culottes popularizaran o uso do pantalón que hoxe nos parece tan normal.

     

     Ese día acertei, porque pensei en min mesmo. Eses cadros de xenerais ou de batallas, con vestimentas tan antigas, son o primeiro que ás veces nos distancia de feitos que, ben contados, poderían interesarnos.

     A ópera pode resultarnos desagradábel, a primeira vista, só porque observamos un corte de pelo estraño, unha nota demasiado sostida sen que coñezamos a razón e un ton xeral que nos parece absurdamente pomposo.

     


     Outro tanto sucede co vocabulario dos libros que chamamos clásicos. Ninguén fala así, dicimos. O mínimo que nos pode pasar é que nos resulten retóricos e mesmo incomprensíbeis.

     O 90% da historia literaria galega pode parecernos allea, simplemente porque o espazo ao que nos remite, o mundo rural, nos resulta xa descoñecido. Comprendemos mellor o termo “freeway” que o termo “guillada”. É para nós máis familiar xa unha autoestrada que unha vara acabada nun pincho, destinada a aguilloar o gando.

     Resúltanos difícil degustar algo se non comprendemos o seu contexto. E, moitas veces, o contexto é o que non nos explican. Tampouco se logra cunha introdución, por exemplo a un libro, porque en demasiadas ocasións o prologuista recorre a termos académicos aínda máis aburridos e difíciles de comprender que a historia que vén a continuación.

     Pero o contexto non só é necesario senón que é fundamental. E habería que engadir outra clave, a relación. Os feitos históricos, nos que se enmarca toda a cultura, ofrécensenos moitas veces –falo sobre todo do ensino– a través de clasificacións. O alumno encóntrase cunha lista de datos e acontecementos concretos que resulta difícil memorizar. Por que? Porque carece das claves que relacionan uns con outros. Relacionar é tamén interpretar e iso supoño que produce certo temor entre algúns dos planificadores da educación.

     Cústame comprender, por exemplo, por que os estudantes da ESO están obrigados a aprender a clasificación dos cargos administrativos do mundo medieval árabe (visir, cadí, etc.) pero en ningún lado se lles explica que esa cultura estaba nese momento máis desenvolvida que a nosa ou que, a través dela, nos chegou o tesouro da cultura grega, que aprenderán noutro capítulo, pero de modo completamente afastado.

     
Shakespeare no cinema. (Much Ado About Nothing. 1993)

     
     Eu estou a favor das adaptacións dos textos, sempre que se fagan ben, o mesmo que se pode dicir das traducións. Kenneth Branagh levou ao cine a Shakespeare e penso que foi un acerto. Trapiello, un experto en Cervantes, realizou unha boa adaptación do Quixote a unha lingua máis actual. E Baricco sintetizou unha Iliada, en prosa e sen as longas intervencións dos deuses, pero que sen embargo é capaz de achegarnos as claves de Homero e da súa época.

     
     Hai máis ou menos un século, os expertos acostumaban a laiarse de que os alumnos xa non podían ler os textos clásicos na súa lingua orixinal, o grego e o latín.

          Nunca me gustou esa queixa continua dalgúns entendidos sobre a devaluación (real ou suposta) da cultura. Creo que no fondo son persoas que se resisten ao cambio. E a vida, a historia, é cambio constante. O importante é aprender do pasado, pero nese labor creo que a sacralización descontextualizadora non axuda.


martes, 26 de abril de 2016

" Poemar o mar", a poesía de García Teixeiro desde outro punto de vista. Un artigo de Manuel Veiga





Poemar o mar, a poesía de García Teixeiro desde outro punto de vista


Manuel Veiga Taboada


Coa chegada á madurez, a poesía de Antonio García Teixeiro vaise facendo máis diáfana, até mostrar con claridade a súa principal característica, que non vai provir dos temas. Poemar o mar, o seu último libro, editado por Xerais, na colección Merlín, é un exemplo moi apropiado.
           
        
Manuel Veiga
Neste libro, o último da súa recente triloxía de materia chamémoslle oceánica, hai por suposto peixes, mariñeiros e sereas, pero resúltanos máis fácil que nunca desprendernos destes leitmotiv para descubrir que o verdadeiro traballo de García Teixeiro está centrado, como xa viña mostrando ao longo de boa parte da súa traxectoria, na linguaxe.
           
         Poemar o mar ábrenos, sobre todo, os ollos e os oídos ao ritmo das frases, ao papel da rima, aos xogos coas palabras. Esta liña poética do autor –pois ten outras que se moven nunha clave diferente– converte os seus libros nunha especie de taller literario, no que se reflexiona e se aprende a manexar a lingua non de forma abstracta, non a través de exercicios máis ou menos atinados, senón através dos propios poemas.
É a propia obra a que se abre sobre si mesma para mostrarnos a súa cociña secreta. E faino através das formas básicas e máis importantes da literatura.

      Resulta xa moi sabido polos seus lectores e pola crítica que Antonio García Teixeiro ten un bo ouvido musical que permite que o ritmo sexa case sempre un dos piares dos seus libros. A iso hai que engadir a súa vontade de xogo. Dentro de Antonio hai unha parte infantil que gusta deses enredos coas palabras, de variar e transformar significados, a través da asociación e o azar inconsciente.
           
              Antonio traballa, en xeral, coas figuras máis elementais da retórica. Quérese dicir cos primeiros tropos aos que unha persoa ten acceso e un neno ou nena debe aprender a dominar para converterse en bo lector.
            Facendo un paralelismo coa música, poderiamos dicir que ler este libro, a poder ser en voz alta, representa para un lector en cernes algo parecido a asistir a unha lección de solfeo. Poemar o mar transmítenos, do mellor modo posíbel, é dicir desde a poesía e a súa inherente beleza, a arte literaria e móstranos a ese Antonio máis humilde e, ao tempo, quizais máis valioso, que é o Antonio artesán, acolledor e amábel cos futuros lectores.
           
           

          
          Lonxe, polo tanto, do catálogo de animais e personaxes que caracteriza outra póla moi diferente da poesía infantil, en Poemar o mar non aprendemos moito do mar nin dos seus elementos propiamente ditos. A proba de que o autor non busca, en ningún momento, este tipo de lectura ou de interpretación é que non se afasta nunca dos motivos habituais, desprendidos de singularidade: un peixe xenérico, un mariñeiro xenérico, o fondo do mar, as sereas, a auga salgada, as buguinas. En cambio, dános unha pista sobre a verdadeira razón de ser dos seus versos, ao citar numerosas veces as expresións: verbas, versos, poeta, caderno, papel, recitar, mensaxe, etc.
           
        Os versos de Antonio García Teixeiro conteñen ademais, igual que outros libros seus que inciden nesta mesma liña, un vocabulario tipicamente poético: flores, soños, dozura, vento, andoriñas. Sucede, coma na pintura da Idade Media, na que os motivos acostuman a ser sempre os mesmos: a natividade, a adoración dos Reis, a crucifixión. O poeta, como aqueles pintores que encumiaban a relixión por encargo, estanos dicindo que o tema non é o fundamental, senón a recreación que facemos del. E non só a forma particular de mostralo, senón incluso a técnica que se debe utilizar para escribir-pintar ben. García Teixeiro non é así, nestes poemas, un poeta figurativo, senón un autor que estuda as cores e o trazo e que volve, unha e outra vez, sobre o mesmo tema, probando todos os ángulos de luz baixo os que pode ser mostrado, como nesas series consecutivas nas que Monet representaba, case na mesma posición, as plantas acuáticas do seu xardín de Giverny.
           
        
Antonio García Teijeiro. Foto de Anxo  Cabada
     
     Velaquí un libro, no ronsel doutros do mesmo autor, moi útil para que os mestres contaxien os lectores máis pequenos do pracer de xogar coas palabras. Un pracer polo que os nenos e nenas se senten de seguida atraídos, a pouco que se lles dea a oportunidade. O que está en liza non é só a súa futura capacidade para expresarse, importante en case todas as facetas da vida, senón tamén, como hoxe se sabe, a propia conformación da parte do cerebro que controla a linguaxe. Antonio consegue que ese exercicio se faga através da beleza e da diversión.
           
       Por último, hai que resaltar a boa factura estética e física desta colección Merlín. E, nese marco, encaixan moi ben os debuxos de Xan López Domínguez, un dos mellores ilustradores cos que contamos, algo relevante tendo en conta o bo nivel da maioría. O estilo de López Domínguez, entre a figura, a abstracción e o xogo surrealista, identifícase ben coas intencións do libro.

     Realmente, non era de peixes do que Antonio –e o debuxante– nos querían falar. Se o volvemos ler, dámonos conta de que o propio título do libro era xa ben indicativo.


Ilustración de Xan López Domínguez


martes, 12 de abril de 2016

MANUEL MARÍA: O HOME QUE ASPIRABA A COÑECER A TODOS OS GALEGOS, UN A UN, SEGUNDO MANUEL VEIGA ( E LASTRA MURUAIS)





Dende hai unas datas comezamos a entrar con forza no “Ano Manuel María”.
     
A ninguén se lle pode pasar que o “Día das Letras Galegas” se lle adica este ano ao poeta, narrador, autor teatral e académico da Real Academia Galega nado en Outeiro de Rei en 1929 e falecido na Coruña no ano 2004.
     
Manuel María

     Manuel María foi un mestre, sen dúbida, para todos aqueles que amamos a poesía e escribimos poemas para a rapazada. O xa milleiros de veces mencionado “Os soños na gaiola” foi un libro que abriu canles e marcou un camino que algún e algunhas decidimos seguir para darlles aos nenos e nenas poemas para que desfruten coa lírica. Pero Manuel María foi máis, moito máis.

    
Manuel Veiga
     Alguén que o coñeceu moi ben foi o escritor, xornalista e doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, Manuel Veiga. Nas moitas conversas con el, chegou a comentarme  a relación amigable co poeta, a quen lle debe a lectura de certos libros nunha época complicada. Lecturas e momentos impagables que o axudaron a ver luz nuns intres de formación persoal e literaria.
     E é Manuel Veiga quen nos agasalla dous volumes, dous magníficos achegamentos á obra e á vida de Manuel María, o segundo deles compartindo libro cunha ampla escolma de poemas realizada por Xosé Lastra. Dous volumes necesarios, cun enfoque intelixente de quen coñece o autor no plano persoal, pero que foxe da haxiografía.

     No primeiro deles, “Manuel María, buscando un país” (Ed. Xerais. Col. Libro X), o autor penetra no máis fondo da alma do poeta chairego e relaciona cada parte da súa vida cos poemas escritos neses momentos. Fai fincapé Veiga na intensa relación que existe entre as súas mellores páxinas e aquilo que o poeta sente máis preto del: o afecto pola súa terra máis próxima, pola súa casa e polo súa muller, Saleta Goi.
     

     
     Deste xeito, cunha prosa limpa e clara, moi pedagóxica no mellor sentido do termo, e cunha emoción comprensible, Manuel Veiga achéganos as calmas e as teimas, a forte unión cunha terra que o apaixona, as súas arelas para cubrir os baleiros sociais e culturais que o rodean (de aí esa faceta súa de cronista), a ilusión, o entusiasmo que o guía a partir do ano 1969, as desilusións posteriores ou a ocultación dunha idea bohemia da existencia,entre outros moitos temas.
     
     Manuel Veiga escribe magníficas reflexións sobre algún dos seus libros, pon exemplos do que afirma e déixanos, de maneira case coloquial, un retrato dun home para quen o acto de escribir foi unha necesidade vital para entenderse mellor a si mesmo.
 
Ilustración de Víctor Tizón
     
     O segundo libro, “Manuel María. Vida, versos e rebeldía” (Ed, Xerias. Col. Merlín), é unha obra perfecta para a divulgación poética do autor de Outeiro de Rei. Un manual imprescindible para a escola. A súa estrutura non pode ser mellor pensada. Ten unha primeira parte a cargo de Manuel Veiga. Un relato engaiolante da súa vida cotiá que transcorre polas diversas actividades do poeta: procurador, libreiro, editor, xornalista, autor teatral etc. Un relato que convida a gozar das súas páxinas, porque nelas está un Manuel María próximo. Cunha linguaxe comprensible, repasa os avatares do escritor, “o home que aspiraba a coñecer a todos os galegos”, en diversos capítulos: o personaxe, a vida cotiá, Saleta, o franquismo, a democracia e a súa obra poética dividida en dous apartados: 1950-1980 e 1980-2000.
     

     
     Para mostrar o ton que emprega o autor do texto, deteñámonos no comezo do libro. Un comezo pouco habitual nas biografías, pero que está abrindo portas con naturalidade: “Manuel María era guapo, tiña barba e un pelo abundante. Miraba aos ollos, cunha ollada intelixente que case nunca trataba de impoñlerse. Noutro país podería ter sido actor de cine…” Un principio así xa invita a seguir lendo e a introducirse na vida e na obra de alguén. Un acerto de enfoque. Unha razón para coñecer un poeta.
    
     O libro complétase cunha cronoloxía básica e cunha antoloxía de poemas, “Ferrados do corazón”, escollida por Xosé Lastra. Unha recompilación ampla e diversa, dos poemarios “Terra Chá”(1954), “Documentos persoaes” (1958), “Mar maior” (1963), “Os soños na gaiola” (1972), “Cantos rodados para alleados e colonizados” (1976), “Poemas ao outono” (1977) e “As rúas do vento ceibe” (1979).
    
     
Ilustración de Nuria Díaz e dous poemas da escolma.

     Dicir, ademais, que o primeiro libro, cun trazo austero, está ilustrado por Víctor Tizón, acorde co contido do texto. O segundo, moito máis lúdico e a cor, ten o selo dunha ilustradora que irrompe con moita forza, Nuria Díaz, que fai un discurso plástico moi vivo, sinxelo pero dun enorme expresividade.

     Estamos, pois, diante de dúas obras básicas, para gozar da vida e da obra dun home, Manuel María, que foi o primeiro mozo que publicou unha obra en galego despois da Guerra Civil.
     Profundamente recomendables.


        
Manuel María
                                                                                                            

                                                                                                                        ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO