martes, 21 de mayo de 2013

CONCURSOS NECESARIOS ?



Postal fermosa e simpática da miña amiga Paula
Naquela época na que me faltaba experiencia, si.  Pero, a medida que me fun mergullando na importancia da lectura literaria e a escritura nos nenos e nenas, deixaron de interesarme os concursos literarios para os pequenos.
Cando un rapaz comeza a ler literatura e, logo, a escribir, precisa de motivacións moi ben pensadas. O adulto ten que ser intelixente para que os nenos non perdan a ilusión de crear sobre un papel. Deben coñecer estratexias motivadoras, lonxe, dende o meu punto de vista, de competicións. A literatura, e menos nestas idades, non debe ser un elemento competitivo, senón un elemento ilusionante. O que ocorre é que o máis doado é facer concursos. Veñen convocándose dende sempre. Falta imaxinación. As decepcións por non gañar un concurso poden acabar coas ilusións de moitos pequenos. E non admito que se me diga que a rapazada ten que ir asumindo que na vida se gaña e se perde, e que non pasa nada. Rotundamente non. Estamos falando de nenos e nenas en período de formación. Están aprendendo a escribir, a elixir, a ter  unha competencia lectora axeitada. Son seres que se están formando para adquirir diverasas competencias culturais.  Gañar un de tantos  concursos que se propoñen para premiar aos rapaces/as, non significa nada. E non gañalo, tampouco ten ningún significado. Pero, quen convence os pequechos de que isto é así? Difícil resposta.

Nunca soportei os pais e nais que non perden ocasión  de presumir dos seus fillos diante doutra xente. Resulta, para min, a estupidez personificada. Non saben o dano que poden estar facendo a quen os escoita, co seu comportamento tan necio.
Testemuños Festival Poesía Ecolóxica (Medellín)
Eu creo no PARTICIPATIVO, nos FESTIVAIS, onde non se fomenta a competitividade entre os cativos. Xa lles chegarán, por desgraza, épocas de frustracións e desgustos. A vida vailles dar demasiadas oportunidades para superarse e vencer os atrancos que se lles presenten.
Memoria do Festival

No momento en que os rapaces comezan a escribir, hai que conxugar para eles verbos que axuden a acadar un equilibrio emocional do que precisan: ANIMAR, MOTIVAR, CORRIXIR, LER, ABRIR CAMIÑOS, RELER, REESCRIBIR, BORRAR, SEGUIR  LENDO, SER MODESTOS, ANIMAR, ANIMAR, ANIMAR…
E, xa que logo, XOGA, ANDA EN BICI, FALA COS AMIGOS E AMIGAS, PROCURA SER FELIZ…

Os adxectivos FANTÁSTICO, XENIAL, EXEMPLAR, BRILLANTE… deben desaparecer do mapa da creación dos nenos. Debemos loar o que fan con moderación. Darlle a importancia xusta e ANIMALOS a que sigan facendo o traballo creativo sen obxectivos inmediatos.
Podemos dicirlles VAS BEN, MELLORA O LÉXICO, NON REPITAS ESTA PALABRA TAN A MIÚDO, LE OUTROS LIBROS CON TEMAS DIFERENTES AOS  QUE ESTÁS ACOSTUMADO A LER,MIRA O QUE TE RODEA, LE A RODARI, FÍXATE NOS VERSOS DE…, QUE HAXA VARIEDADE etc.
Debuxo de Paula Castro que figura no blog "O noso pequeno mundo" (CEIP García Barbón)
E todo con agarimo. Dun xeito, iso si, que sexa positivo.  Para que a ilusión non decaia. Crearlles falsas expectativas, nunca. Non nos adiantemos aos acontecementos.  O proceso da escritura literaria é un proceso lento e medido. Vencellado intimamente  á lectura, ten o ritmo de seu. O neno ou nena ha percorrer os tramos sen présa, con seguridade e sen obsesionarse. Comprobará que vai dar pasos adiante e pasos atrás. Aí ten que estar a man do adulto para apoiar nos momentos de decepción, ou de atascamento que se van producir. Repito: EQUILIBRIO, LENTITUDE e REFLEXIÓN, no canto de XACTANCIA estúpida e RAPIDEZ  por chegar a non sei  onde. Sen forzar. Se non escribe, non pasa nada. Non llo botes na cara. Xa escribirá. E se non o fai, pois tampouco vén abaixo o mundo.  Mal asunto é pensar que temos na casa un García Márquez ou unha Virginia Woolf. Como ocorre con eses pais que queren un Messi, un Ronaldo, un Nadal ou un Federer sexa como sexa. Patético. Todo ao seu tempo.  Se os escritores falasen dos atrancos e das situacións caóticas que teñen que pasar, as persoas aprenderían moito da vida.  A competitividade, a competencia ou como queiramos chamarlle a todo iso, chegaralles máis axiña que tarde, desgraciadamente.
Unha fermosa reflexión pedagóxica

O que levo escrito aquí vai dirixido, por suposto, aos mediadores. En especial, aos mestres e mestras, que teñen nas súas mans a posibilidade de dirixir os movementos dos seus alumnos.
Eles e elas coñécenos. Na experiencia dos docentes, na súa imaxinación, no seu entusiasmo, no seu amor pola literatura ou no coñecemento das condutas do alumnado está a chave para que eses rapaces e rapazas se ilusionen con algo tan apaixonante e beneficioso como é a literatura. Sen esquecer, por favor, que os nenos, aínda que non o parezan son ben vulnerables.  E tampouco deixemos á beira que a creatividade na rapazada é algo que se fomenta, que se cultiva e que dá marabillosos froitos.
E todo isto ten un motivo para que eu escriba esta reflexión.


Hai unhas semanas chegoume unha postal moi cariñosa e bonita de Paula Castro, a miña amiga de dez anos, da que falei unhas datas atrás.
Estaba feliz: acababa de gañar un premio de relato, cuxo título era Que é para ti o Celta? e déranlle uns agasallos moi apetecibles. Eu alegreime, claro, porque a quero moito, pero o que me importa de verdade é que Paula non se afaste nin un milímetro do que ten que facer. Paula, como calquera a quen  lle guste escribir, ten que seguir lendo e moito. Ademais,que escriba cunha certa asiduidade, que non se crea nada do que lle din, que sexa humilde, que non presuma, que non cree para os concursos, senón para seguir mellorando, que lea poesía, algo fundamental para escribir en calquera xénero, que siga enriquecendo o léxico, que hai moitas maneiras de facer literatura, que non se deixe levar pola euforia, porque se non o fai así, todo pode ser unha nube de verán.
Texto da postal que me enviou Paula
Pauliña debe saber que non sempre os que gañan os concursos son os mellores. Que hai magníficos textos que, por distintas razóns, non ven a luz endexamais. E non son peores, necesariamente, que os publicados.
Eu sei que isto a Paula se lle di. Que ten uns pais moi sensatos, pero quero dicilo para que as persoas tomen nota. Ás veces, o exceso de agarimo pode prexudicar o desenvolvemento dun rapaz ou rapaza, en calquera ámbito da vida. Hai xente que se cega diante das “virtudes” dos seus fillos.
Eu, como valoro o seu traballo e como é moi riquiña, tamén quero deixarllo por escrito neste texto. E  serve, igualmente, para o certame de debuxo, a mascota, que gañou no colexio. Paula debuxa moi ben. Ten un tesouro potencial. Escribe e pinta. Pero todo isto non quere dicir nada se non entende como funcionan as cousas.

Paula Castro, a miña amiga
Pauliña, dígocho con todo o meu agarimo: sigue a ler, debuxa, escribe, non queiras ser a mellor, se ti mesma e que, por favor, eses “éxitos” que conseguiches non ceguen a túa andaina pola senda da creación.

E mira o que di Alfredo Gómez Cerdá, Premio Nacional de LIJ, a aqueles  e aquelas que queren chegar a escribir moi ben:
      
Le moito, escribe moito, observa moito, reflexiona moito e non te traizoes a ti mesmo.
                
                        Moitos bicos.
                      Parabéns por seguir escribindo e debuxando.
                                    Síntoo. Non vou felicitarte por gañar.
                                        O que eu quero é que sigas mellorando.
                                                                                         O camiño é duro.
                                                                        Máis bicos e ánimo.
                                                                                     
Páxinas segunda e terceira de agradecementos. Emocionantes.



                                                                                                     ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO