Pois sucedeu.
Unha das cousas máis fermosas que me poden suceder é que unha Editorial queira, ouse nestes momentos tan duros para a cultura, publicar esa antoloxía.
Pois sucedeu.
Unha das cousas máis fermosas que me poden suceder é que Paco Ibáñez, un dos máis grandes trobadores da poesía, mestre dos mestres, que bebeu en Brassens, Damiá ou Brel, poña música aos meus poemas.
Pois sucedeu.
E non un só poema.
Senón tres!!!
Unha das cousas máis fermosas que me poden suceder é que ilustren este libro, dende o punto de vista da poesía da imaxe e mais a da delicadeza.

Unha das cousas máis fermosas que me poden suceder é que o libro sexa editado con agarimo e intelixencia, para que sexa un fermoso obxecto.
Pois sucedeu.
Unha das cousas máis fermosas que me poden suceder é que o libro leve un CD con tres cancións gravadas por Paco Ibáñez de maneira informal e que esas tres cancións sexan recitadas por min, acompañado pola guitarra de Paco.
Pois sucedeu.
Unha das cousas máis fermosas que me poden suceder é que o meu fillo, dende os EE.UU., escriba un fermoso epílogo á antoloxía.
Pois sucedeu.
Así que todo isto é unha satisfacción que non podo nin quero disimular.
Grazas a Manolo Bragado polo entusiasmo que amosou en todo momento para que o soño se fixese realidade.Difícil que sen a súa sensibilidade este proxecto chegase a bo porto.
Grazas a Fran Alonso, magnífico narrador e poeta, porque ninguén podía facer este labor mellor ca el. E, ademais, pola escolleita tan axeitada e o agarimo con que a fixo.E polo prólogo marabilloso e orixinal que escribiu.
Grazas a Anaír Rodríguez, a miña editora deste libro, polo gusto exquisito que ten e sirva coma unha mostra "O rato díxolle á lúa".
Grazas a Xosé Cobas por entender tan ben a miña poesía. Nas súas ilustracións a palabra e a imaxe van da man e, ao mesmo tempo, tanto unha como a outra son quen de ter capacidade poética propia.


Grazas, por suposto, ao meu fillo Antón García Fernández, polo epílogo tan brillante co que me agasallou. Dende a Universidade de Tennessee en Martin, escribiu un texto que me encanta e emociona.
E grazas a todo o equipo de Edicións Xerais de Galicia pola súa tarefa que veñen realizando dende hai moitos anos, a prol da cultura deste país.
Amigos, admírovos moi fondamente. Un pracer traballar con vós.
![]() |
Ilustración de Xosé Cobas |
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO