Escaparate dunha libraría en Vigo |
Por que os adultos, en xeral, só as visitan cando teñen que mercar un libro determinado, porque llelo prescribiron aos seus fillos na escola?
Por que entran algúns nas librarías por un libro concreto e non botan unha ollada máis profunda?
Por que as persoas non teñen o costume de levar da man aos fillos ou fillas e coller libros e follealos xuntos?
Por que non remexen nas mesas e nos andeis para descubrir tesouros que os están agardando?
Por que o outro día unha nai lle dixo á súa filla que non lle compraba ningún libro e turraba dela cara a fóra?
Por que non queren coñecer editoriais, coleccións, autores e autoras que escriben para os seus fillos?
Por que, cando un libro está escrito en galego e mais en castelán, e lles preguntan cal van levar, moitas persoas contestan con arrogancia á libreira: "En castellano, por supuesto".
Por que as familias non teñen o costume de mercar un par de libros cada mes? Asegúrolles que os hai de todos os prezos. E que tal ler os títulos que lles recomendan aos seus fillos?
Por que hai tantas cafetarías e tantos bares e tan poucas librarías?
Por que se compran, en días sinalados, algúns libros que non vai ler ninguén?
Por que non asisten moitos mestres e mestras ás presentacións de libros nas librarías? Hai presentacións de toda clase de libros e de temas que poden interesarlles para traballar nas aulas.
Por que tantas persoas non animan os seus fillos a que vaian eles mercar o libro, que teñen que ler por obriga? Non é nada difícil. Saben facer cousas máis complicadas.
Por que non falan co libreiro ou libreira e lle piden consello á hora de decidir a compra dunha obra?
Por que os profesionais das librarías teñen que soportar certas contestacións se se dirixen ao comprador/a en lingua galega?
Por que non se valora o libro, como lle corresponde, nesta sociedade nosa tan ruín?
Por que os medios de comunicación ignoran as librarías e non están máis preto delas?
Por que non aproveitan as persoas, que entran nas librarías, para leren uns poemas ou unhas páxinas dunha novela ou dunha obra de teatro? Os libros, dende logo, non contaxian virus perigosos.
Por que en moitas librarías o libro galego está relegado a un plano de auténtico desprezo?
Por que algúns adultos compran, como agasallo para rapaces, libros de ínfima calidade e antes non se informan en revistas e, sobre todo, preguntándolle ao libreiro/a cales poden ser máis axeitados segundo a idade, a capacidade lectora e os temas que lles poidan interesar? Para que lean os nenos vale calquera libro?
Para min é un pracer visitar unha libraría sempre. E en cada cidade que visito pregunto se hai algunha de certa entidade e alí pérdome entre os libros.
Lembro que cando ía visitar a Madrid a Rafael Alberti, a finais dos oitenta, era parada obrigatoria buscar na sección de poesía en Espasa-Calpe, na Gran Vía, e atopar poemarios que conseguir en Vigo sería imposible, e viña cargado cun bo número deles. E o máis curioso: atopaba algunha edición rara dun poemario de Rafael que nin el mesmo se lembraba dela. Máis dunha vez agasallámoslle o libro. Outras veces, pediamos que nolo dedicase.
Dúas páxinas dunha edición de Rafael Alberti, Marinero en tierra (Biblioteca Nueva, 1978) con ilustracións do autor. |
En Suplementos de Calle del Aire, atopei este libro rarísimo de Alberti, publicado en Sevilla en 1978. Chámase Los 5 Destacagados. Son uns poemas contra os ditadores de América para unha carpeta de gravados do pintor chileno Sebastián Matta. Auténticas rarezas que, entre outras, ía descubrindo como tesouros na Casa do Libro (Espasa-Calpe) en Madrid nos primeiros anos dos anos oitenta.
Cada día, máis ou menos, vou á miña libraría favorita. E sempre busco e rebusco e dou cun libro que me interesa. Fago os meus números, dubido, pido que mo reserven ou vén comigo para a casa.
Cando me operaron do xeonllo, na libraría permanecía sentado nunha cadeira e lía páxinas das novidades que ían chegando e era feliz. Esquecíame do mundo, aínda que escoitaba cousas desagradables e actitudes pouco recomendables. Tamén, ben é certo, gozaba coas persoas que tiñan nivel lector e coas súas compras.
Coido que a xente non se parou a pensar a fonte de cultura que é unha libraría.
Sei que estamos en tempos difíciles. Sei que moitas persoas pasan por dificultades económicas. Sei que non chove a gusto de todos. Sei, mesmo, que nunca se leu máis que agora. Pero isto non abonda. Seguimos con niveis moi baixos en canto á lectura se refire.
Por iso temos que estar ben preto das librarías.
Non poden seguir pechando.
Son, sen dúbida, un ben de interese xeral.
Non teñamos medo a pecorrer as súas canles entre volumes de todos os xéneros.
Mercar libros vén sendo unha actitude de prioridades.Gástanse os cartos en trapalladas e chórase un diñeiro ben empregado nun libro de literatura, arte, cine ou música.
E vén todo isto ao que me pasou nestes dous últimos días. Fun encargar un libro e saín da libraría con todo isto.
O últmo poemario do poeta brasileiro, Lêdo Ivo e dúas obras do extraordinario poeta francés Paul Valèry |
A poesía completa da miña admirada Emily Dickinson e un novo tomo de Salón de Pasos Perdidos de Andrés Trapiello. |
E remato coas palabras dun marcapáxinas que contén unhas fermosas palabras do escritor Vicente Espinel, 1550 - 1624 sobre o libro:
Son los libros fieles consejeros, amigos sin adulación, despertadores del entendimiento, maestros del alma, gobernadores del cuerpo, guiones para bien vivir y centinelas para bien morir.
Cuberta do libro Marinero en tierra citado anteriormente |
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO