Antón cantando no Robert´s |
Tiven a sorte de compartir con el e con Xosé M. Freire, que xa non está con nós, uns programas en Radio ECCA, dedicados á música, e outro, Os sons do silencio, tamén á poesía. Foi un pracer e un orgullo.
Antón leva máis de dez anos en EE.UU. Casou alá cunha muller marabillosa, Erin, e na Universidade de Vanderbilt, onde fixo o doutorado, dirixía un programa de country clásico, xusto no berce do country!
E, daquela, tiña vinte e catro anos máis ou menos. Era o programa máis escoitado do estado. Así como soa. Un rapaz galego afondaba nas raíces do country, e sabía máis el que os cantantes, algúns lendas, de si mesmos.
Antón é, coma min, un apaixonado da música. Gústalle o blues, o jazz, o country, fado, rock, folk etc. Pertence ao club de Bing Crosby (que o escoiten os amantes do jazz; levarán unha sorpresa), encántanlle Elvis Presley, Frank Sinatra, Bob Dylan, George Jones, The Beatles..., boa música, moi boa música, en xeral. Antón sabe moito de música e, mentres estivo en Nashville, cantaba con grupos de country en locais, coma o Robert´s. A nós, deixounos abraiados cando o escoitamos. A verdade é que é un ser excepcional.
Ben, pois como Bob Dylan daba o pasado 27 de abril un concerto en Murray, Kentucky, Antón foi escoitalo. Fíxome moita ilusión, ademais de envexa, que fose. O concerto era a unha hora escasa de onde eles viven. Como para non ir!
E, sen eu pedirlle nada, veu tan contento que decidiu escribir unha crónica do evento para Versos e aloumiños.
Unha magnífica idea que podedes ler aqueles e aquelas que vos guste o xenio de Minnesota.
Bob Dylan nunha actuación |
Bob Dylan chega
e non saúda, non fala, non se despide, non di nada. Bob Dylan deixa que fale a
música e a música abofé que fala. Dende as primeiras notas de “Things Have
Changed” ata as derradeiras de “Ballad of a Thin Man”, esa voz rouca e
atemporal, curtida nos camiños desa xira interminábel na que se ten convertido
a súa vida, enche o auditorio e vai falándonos dos máis variados personaxes,
vai dicíndonos verdades arrepiantes, vai engaiolándonos coas súas inflexións
particulares que son quen de transmitir emocións distintas e encontradas nunha
soa nota. O pasado sábado, a xira interminábel de Dylan fixo unha parada no
CSFB Center da Universidade Estatal de Murray, en Murray, Kentucky, a unha hora
escasa de traxecto da miña casa en Martin, Tennessee. Dan, un bo amigo e
compañeiro da universidade, anuncioume a visita de Dylan hai unhas semanas e
pouco máis houbo de dicirme: mercamos dúas entradas para ver a Bob Dylan, a
quen eu xa vira en directo en Santiago de Compostela, hai xa unha chea de anos
co meu pai. E ben que sentín que o meu pai non estivese en Murray connosco. Non
porque el non teña visto o “vello Bob”, como el di, en múltiples ocasións
(unhas seis, segundo a última conta que fixemos), senón porque un concerto de
Dylan non é exactamente o mesmo sen meu pai, quen me transmitiu o amor pola
música do de Minnesota practicamente dende o dia en que nacín.
Auditorio da Universidade de Murray, Kentucky |
Nesta última
xira (que non derradeira, pois Dylan case que vive en xira, e de aí vén iso de
“never-ending”, “interminábel”) Dylan está a tocar en lugares pequenos, o que
permite máis intimidade co público, con pouca iluminación no escenario e unha
banda que soa coma un reloxo suízo e tanto acompaña ao xenio de Minnessota nos
temas dos seus últimos e excelentes discos, coma nas versións reinventadas dos
seus clásicos. Porque a Dylan, ben é sabido, gústalle dar voltas e reviravoltas
ás súas cancións máis coñecidas, facéndoas, ás veces, mesmo descoñecidas, pero
dándolles sempre nova vida, reescribíndoas cada vez que as interpreta. Niso
Dylan semella solista de jazz, variando, improvisando, recreando. Nada estraño,
se temos en conta que a música do de Duluth é unha verdadeira síntese de toda a
boa música americana do século XX: blues, folk, country, rock, gospel… “you
name it”, que din por aquí.
E neste concerto
sorprendeu polas inflexións blueseiras coas que Dylan tinxiu moitas das
cancións que nos ofreceu. Vestido de negro, cun elegante chapeu na cabeza, e
tocando a harmónica e o piano, pero sen poñer nunca man na guitarra, Dylan fixo
un repaso polas súas composicións dos últimos anos (“Love Sick”, “High Water
(For Charley Patton)”, “Summer Days”, “Scarlet Town”) e revisitou algunhas das
súas cancións máis memorábeis (“Tangled Up in Blue”, “Visions of Johanna”, “All
Along the Watchtower”). Tanto se o público - o recinto estaba cheo de xente de
todas as idades-, atemporal coma Dylan, recoñecía os temas como se non,
percibíase no pavillón da Murray State University unha sensación xeral de
emoción perante os sons que emanaban do escenario. Como preguntou retoricamente
o meu amigo Dan, mentres voltabamos a Martin no seu coche despois de dúas horas
de concerto, que semellaron máis ben dous minutos, “Non tiveches a sensación de
estar diante dun artista único que ten influído nas vidas de tantas persoas?” A
resposta, ben o sabía o propio Dan, non era precisa; simplemente sorrín,
asentín coa cabeza e ollei as pingas de chuvia que petaban insistentemente nos
cristais do coche.
Antón coa súa nai no "Country Hall of Fame", nun recuncho dedicado a George Jones, que tanto significa para os dous. |
ANTÓN
GARCÍA-FERNÁNDEZ.