domingo, 24 de mayo de 2015

"Quíxose con primor e feitura", UNHA HOMENAXE A XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE, NOS "CADERNOS RAMÓN PIÑEIRO".

     

Acabo de recibir, con gran pracer, o último número , o XXXI, dos Cadernos Ramón Piñeiro, que edita  o Centro Ramón Piñeiro  para a Investigación en Humanidades en colaboración coa Xunta de Galicia.

     Non me cansarei de loar o inmenso labor que esta institución está a realizar para achegar aos estudosos, investigadores e demais preocupados por estes temas traballos de grande interese no eido da cultura galega, en especial da literatura.

     Este tomo que vén de saír está dedicado monograficamente á figura do profesor Filgueira Valverde.
Quíxose con primor e feitura é o título desta homenaxe que se lle fai ao eximio polígrafo a quen se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas.

     Máis de vinte e cinco artigos asinados por autores e autoras galegos, que intentan dar a coñecer polo miúdo a personalidade, a obra e os avatares ideolóxicos de Filgueira. Que escriben sobre as distintas facetas das traxectorias intelectual e humana dun  home controvertido polo seu pasado franquista, pero que exerceu como galeguista sincero ao longo da súa existencia.

   O profesor Luís Cochón inicia este traballo, tras un poema de Arcadio López-Casanova, cunha interesantísima Miscelánea introdutoria na que afirma que Xosé Filgueira Valverde tiña como primeiro labor o feito de ser profesor, sempre. Que nunca se negou a ir cando o chamaron a moi diversos foros, ben fose a Universidade, a Academia, o Padre Sarmiento, casas de cultura, ateneos, asociacións culturais ou asociacións de veciños. E fala da década dos cincuenta no que no país había unha ditadura, que Filgueira era home de situación, mentres que a súa familia era de esquerdas. Malia iso, Cochón amou decote o recordo do Filgueira profesor como unha figura sabia, memoriosa, cabal, intelixente de primeira orde que “convertía o arduo en algo de toda sinxeleza”.
 
Xosé  Filgueira  Valverde
     
     Neste voluminoso libro de máis de catrocentas cincuenta páxinas, atopamos   artigos dun interese incuestionable nos que se tratan as múltiples actividades que o “vello profesor” abordou ao longo da súa vida, como a súa visión de Rosalía, a reformulación da identidade galega, a xeira nacionalista (1920-1936), o seu labor coma investigador e divulgador do feito trobadoresco, a súa tentativa teatral cunha farsa para rapaces (Agromar), os estudos que levou a cabo da épica galego-portuguesa, a súa tarefa científica, a poética e a poesía das 6 canciones de mar in modo antico. Salienta Basilio Losada a importancia de Adral (Adrais ou Adrales como a don Xosé lle gustaba dicir),cuxos volumes  foron para Filgueira Valverde, segundo el mesmo aclarou, “un espello de min e un froito do meu lecer”.
     
     
Poema de Arcadio López-Casanova, incluído no volume.

     Hai referencias epistolares, vivencias  cabo del, legados seus (os cantores do instituto), a súa rica presenza no Padre Sarmiento, o feito de ser procurador en Cortes, a historia da arte galega,o seu papel na creación do Consello da Cultura Galega, o seu labor no Museo de Pontevedra, o seu achegamento a Camões e ás Cantigas de Santa María.
     
     Vinte e nove artigos de 32 autores: musicólogos, xornalistas, científicos, médicos, estudosos, críticos, poetas e profesores que tentan explicar  (e conseguen) a magnitude da obra intelectual de Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), pontevedrés ilustre, posuidor dunha obra case inabarcable en tantos e tantos eidos nos que traballou.
     
Debuxo de Filgueira Valverde trazado por Castelao.
     
     Como se afirma nunha nota de edición desta homenaxe, “quédanos tanto por saber sobre a biografía persoal do autor, o talante, a pulsión. Quen foi en definitiva, na intimidade de si propio, o eu máis verdadeiro. Saber quen estaba no fondo irredutible cada vez que Filgueira dicía ou escribía ou facía na soidade do decidir”.
     
     Sexa como for, estamos diante dun volume rico e poliédrico que nos abre o mundo de Filgueira Valverde, dende a visión de quen o quixeron, valoraron, estiveron nalgún momento preto del, interesoulles por motivos varios e conformaron un traballo certamente modélico.
     
     Para todos, benzón.


                                                                                                                           ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO