miércoles, 26 de abril de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (21) "Xa non estou aquí", de Iria Misa






TÍTULO: Xa non estou aquí.

AUTORA: Iria Misa.

EDITORIAL: Edicións Xerais. COLECCIÓN: Fóra de xogo.



Iria Misa principia a súa andaina na LIX coa publicación da súa primeira novela, Xa non estou aquí, gañadora do Premio Jules Verne, 2016.
     Xa non estou aquí é unha novela  coral que atrae a atención do lector dende as primeiras páxinas. E faino tanto dende a forma coma dende o contido, pois trata de sentimentos humanos universais contados polas diferentes perspectivas dos personaxes.
    
Iria Misa
             A trama comeza cando Ánxela, a protagonista-confidente do lector e narradora en primeira persoa, desaparece. Será a propia  Ánxela a que nos irá desvelando o que ocorreu para chegar á situación presente. Así descubrimos como a causa dun desengano amoroso xunto coa falta de comunicación cos seus pais, os febles alicerces da súa vida van esmorecer e provocar que teña que repetir 1º de Bacharelato.
     
     A través da súa voz e das persoas que formaban parte da súa contorna: familiares (pai, nai e irmán), amigos, compañeiros de clase… o lector vai adentrarse no mundo dos sentimentos desordenados da adolescencia na procura da identidade, da aceptación e pertenza a un grupo, da comprensión etc.
 
Presentación do libro
     Novela que non busca adoutrinar pero si reflexionar sobre aspectos vitais propios da adolescencia, etapa na que se vai formando a personalidade e a capacidade para afrontar os medos, as incertezas, as inquedanzas, o desexo de coñecer o permitido pero tamén o prohibido.


     A alternancia de narradores, que contan a súa versión, crea un clima de suspense á vez que imprime un ritmo acompasado polo emprego dunha prosa fluída e clara.

                                                                                                      ALBA PIÑEIRO