jueves, 13 de junio de 2013

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (XIV) Pepe Cáccamo






PEPE CÁCCAMO   (Vigo, 1950)



A LÚA DA NENA POBRE


Pepe Cáccamo
A lúa da nena pobre
debuxa na noite azul
unha moeda de cobre.

A nena na súa man
leva unha lúa de pan.



SOMBRAS

Dentes de serra,
lingua de lata,
bico de rata.

Olla esa sombra
de néboa de prata.

Ollos de sapo,
voz de pan duro,
pés de canguro.

Algo abanea
no alto do muro.

Uñas de vidro,
pelo de esparto,
pel de lagarto.

¿Quen é o monstro
que entrou no teu cuarto?



CABALO

Por detrás daquel valado
está durmido un cabalo
nas almofadas da néboa.
Dicídelle que veña.

Que veña correr comigo
pola ribeira do río,
polos camiños de area.
Dicídelle que veña.




(Do libro  Lúa de pan, editado por Ediciós do Castro. Premio Arume de poesía/ 2002.1ª ed.)