domingo, 23 de junio de 2013

VÍDEO SOBRE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO PUBLICADO NO BLOG "TRAFEGANDO RONSEIS" E ENTREVISTA ESCRITA DE DÚAS ALUMNAS NO IES "PINTOR COLMEIRO" DE SILLEDA.

   Encantounos ler, no blog Trafegando Ronseis, dentro da serie sobre Poesía nas Aulas, sobre o magnífico traballo que Antía e Nuria fixeron coa poesía de Antonio García Teijeiro, con quen mantiveron un "diálogo escrito". Pero deixemos que sexan as dúas nenas quen falen das súas impresións sobre a poesía de Antonio:


Poder falar con este autor sen dúbida foi unha moi boa experiencia. Cambiou a nosa perspectiva de ver o mundo da Literatura. Ver como é capaz de expresar o que sente escribindo, dun xeito do que todos/as gostamos, con poesía, historias... Quedounos moita pena de non poder encontrarnos co poeta en persoa, e saber máis del. Pero estaba a traballar na súa Antoloxía, e agasallounos con parte do seu tempo contestando as nosas preguntas, polo que non temos máis ca
agradecemento.Lemos moitos poemas del, e gustáronnos especialmente "Ventiño" e "Chove nos versos", e aínda que xa rematamos o traballo temos pensado buscar os seus libros e seguir léndoo.Facer traballos deste tipo parece que nos introducen máis no que é a escrita e ganas de ler. 



       "Afondando na poesía". Vídeo realizado por Antía e Nuria



 O día 23 de abril deste ano, dúas alumnas do I.E.S.  Pintor Colmeiro de Silleda puxéronse en contacto comigo para facerme unhas preguntas. Enviaríanmas un puco máis adiante.
O motivo era que estaban a facer traballos sobre escritores/as galegos e elas escolléranme a min.
O traballo está reflectido, de marabilla, (parabéns, amigas!) no vídeo que temos arriba.
Pero eu contestáralles, o mesmo día que recibín as preguntas, xa en xuño, e reproduzo abaixo preguntas e respostas que xurdiron deste encontro vía correo electrónico.
Con isto, queda completado o fermoso vídeo que elas mesmas realizaron.
Grazas, amigas e a seguir navegando polos mares da poesía.


 Boas tardes de novo Antonio! Tes que disculparnos pola tardanza de mandarche as preguntas, pero antes de comezar co traballo quixemos saber algo máis de ti e ler algún que outro libro. Cando teñas un anaquiño libre, se queres, adícasnolo para contestar as preguntas :
 
Alumnos/as CEIP Elena Sánchez Tamargo (Pola de Laviana)

1.Cando e como foi que te empezaches a interesar por  escribir?

2.Polo que lemos vese que che gusta máis a poesia,  por  que?

3.Dos libros que escribiches,cal é o que máis recomendarias para ler?

4.Gústache tamén ser mestre ou é un traballo duro?

5.Es moi defensor da nosa lingua?

6.Nunca escoitamos o teu programa da radio; que facedes realmente?

7.Para escribir, inspirácheste en cousas que ves, oes e colles apuntamentos ou como o fas?

8.  Algunha anécdota da túa vida de escritor.



E isto é todo; agardamos as túas respostas.


Un saúdo!



1.     Vivía nun mundo gris que non me gustaba. Sentía que me presentaban unha vida falsa e que había outra agochada. Entón, sentín a necesidade de escribir, de expresar os meus sentimentos, de coñecerme mellor e ía escribindo todo aquilo que desexaba sacar de dentro. Non tiña valor literario pero si, valor persoal. Só cando me convertín nun bo lector o que escribía comezou a coller solidez. Foi cando comecei a facer literatura.



2.      Gústame a literatura boa. Teño tres novelas, varios libros de relatos…e moitos de poesía. A poesía é a alma da literatura. Todo escritor de narrativa debe ser un lector esixente de poesía. Eu necesitaba expresar o que sentía en clave poética. E sempre quixen que os meus alumnos gozasen dela.



3.     Pois, curiosamente, agora acaba de saír unha antoloxía de toda a miña poesía infanto-xuvenil, Un rato díxolle á lúa, con tres poemas musicados por Paco Ibáñez. Este.


4.  Dende ben novo gustoume dar clase. Sempre quixen ensinar o que sabía, abrir canles aos meus alumnos. Si, amo a miña profesión. É duro, non atopas motivacións próximas, pero co paso do tempo podes ter moitas satisfaccións. Iso si, cansa moito se o tomas en serio. E levo ben de anos loitando contra demasiadas  cousas. Pero, pode haber algo máis fermoso que formar con responsabilidade a rapaces/as, mozos e mozas?



5.     Eu fun educado en castelán contra o galego. Doeume moito. Na miña casa o galego era a lingua dos pailáns. Cando fun consciente da barbaridade e a atrocidade que se estaba a cometer contra o galego, rebeleime, sentín noxo e decidín comprometerme literaria e socialmente con el. Estou moi satisfeito da miña reacción.

 
Cartel dos alumnos do CEIP Sánchez Tamargo (Pola de Laviana)

  6.     O programa durou tres anos, máis ou menos. Desgraciadamente faleceu o meu compañeiro, Xosé Manuel Freire, e deixeino de facer. Era un programa que se dedicaba a un músico, grupo, etc. Poñíanse cancións do protagonista e falabamos da súa traxectoria. Tamén había un poeta de quen liamos poemas. Veu sendo unha conxunción interesante de música e poesía.




7.     Para escribir tes que ser un bo lector. Hai que ser curioso. A vida, as pequenas cousas da vida están ao teu redor sen que ti te decates. Nas lecturas atopas frases, versos situacións que ti fas túas e podes desenvolver como obra propia. Son ideas que conflúen cos teus puntos de vista e coas túas emocións. Hai que andar pola vida cos ollos moi abertos, cos oídos moi atentos a todo o que pasa. Iso que outros non ven. Así que VIDA e LECTURA son as fontes principais da miña literatura.



     8.     Coñecer a Rafael Alberti, vivir unha amizade que durou 10 anos(ata que faleceu), rematar un dos poemarios máis importantes para min, Na fogueira dos versos, na súa casa do Porto de Santa María (Cádiz). Escoitalo recitar, falar de Lorca, Guillén, Salinas, Dámaso Alonso…Algo incrible. Máis ca unha anécdota é unha vivencia.

Susi e Antonio con Alberti en Madrid



                     ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ / ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO