lunes, 24 de junio de 2013

"VICTORIA FALLS", OUTRO ARTIGO DE PACO MARTÍN.



 
Paco Martín
Velaquí temos o terceiro artigo da súa serie Auga lizgaira, que PACO MARTÍN publicaba no diario El Progreso, de Lugo.
De novo, esa mestría do noso autor, a ironía que reflicten os seus escritos, a calidade coa que escribe e o acerto para poñer o dedo na chaga, fan que estes artigos nunca perdan vixencia e resulte un verdadeiro deleite lelos.
A principios de setembro verá a luz o último traballo enviado polo escritor lugués a quen tanto queremos e admiramos en Versos e aloumiños.

       Victoria Falls
                                                                                              
Esta iglesia, es parroquia...?” Cando comprendo que é a min a quen a muller se dirixe vírome cara a ela e atendo, educadamente, ao que me pregunta: “Si señora. Parroquia de Santiago, A Nova”. “Será ‘la nueva’... O es que a aquí no se respeta a los que venimos de fuera?” Como a miña pobre cabeza non está capacitada para comprender as razóns polas que o nome deste templo, que debeu ser así desde que se erixiu, chegue a supoñer unha falla de respecto para alguén, sexa de fóra ou sexa de dentro, calo a boca e procuro, sen demasiada fortuna, o xeito mellor de me escapulir sen parecer en exceso groseiro, pero non é doado. A muller, que está acompañada por outras dúas señoras e mais un home que mantén os ollos baixos durante toda a conversa, insiste: “Que no le parezca mal, pero es que ahora, con los nacionalismos...” Supoño que tantos anos traballando de mestre foron deixando en min unha especie de sedimento de usos supostamente didácticos que acaban aparecendo ás veces, cando algo hai que os remexe, de maneira que agora fago por explicarlle que, de igual maneira que a Giralda ou o Monasterio de El Escorial se chaman así e ninguén ten que se molestar por iso, o nome polo que se coñece esta nosa igrexa é o que é e nunca con el se pretendeu nada que non fose establecer unha referencia distintiva.

“Pero es que nosotros venimos desde Burgos...”, advirte a máis alta das señoras e a min, por algún estraño mecanismo interno, véñenme á memoria aquelas historias que lía de rapaz nas que se nos contaba como Livingstone “descubrira” unhas espectaculares cataratas no río Zambeze e como decidira
Cataratas Victoria
bautizalas co nome de Victoria Falls, en honra á raíña de Inglaterra e nas que, ás veces, informábase tamén de que “os nativos” lles daban un nome no seu idioma que traducido significaba algo así coma “O fume que trona” e que a min parecíame moito máis fermoso e, desde logo, infinitamente máis expresivo que o outro. Pero, claro, os “nativos” –palabra que nos tebeos e nos libros para rapaces era pouco menos ca sinónimo de salvaxe, incivil e ignorante- que viviran desde sempre ao pé daquelas enormes pincheiras non estaban capacitados para descubrilas nin para lles dar nome e tiña que chegar o intrépido viaxeiro escocés para que todo ficase como tiña que ser.

Quedamos os cinco calados e un tanto incómodos até que a máis nova das tres mulleres, supoño que para me botar unha man, mudou de tema: “De aquí, de Lugo, es ese artista de cine tan bueno que se llama Luis Tosar, verdad?”, e eu, palabra, estiven a piques de lle contestar: “Bueno, en realidad es de un ayuntameniento próximo que se llama Cospecho, a bastantes quilómetros de El Desván de los Monjes”, pero, sabedor de que non podían coller a ironía, limiteime a dicirlles que si e aproveitar a ocasión para despedirme.

Algunha vez comentei aquí que, se cadra, o meu aspecto externo de paisano maior, delgado, cargado de ombros, de cabelo escaso e branco, lentes para ver e aire algo pampo podería levar a quen non me coñeza a caer no erro de me atribuír algúns coñecementos relativos á cidade na que habito o que fai que, de cando en vez, haxa persoas forasteiras que se dirixan a min en demanda de información sobre ela. Pero agora xa sei que estas miñas sospeitas, vaidosas en exceso, non tiñan ningún sentido porque o certo é que, a ollos de certa caste de xentes, o que en realidade son é un “nativo”, na acepción que á palabra se lle daba naqueles vellos tebeos -e tamén nas declaracións de Rosa Díez-, a quen hai que lle descubrir de vez cando o río Miño.

            Velaí tes.

Antonio con Paco Martín, a quen tanto quere e admira.
                                                                                           
                                                                                                  Paco Martín