MARICA CAMPO (Incio, Lugo. 1948)
O ESQUÍO
vai de póla en póla,
recolle bugallos,
xoga á mariola.
Visita a un veciño,
que hai nun castiñeiro
porque vai velliño
e anda algo tristeiro.
A noiva do esquío
vive nunha abraira,
dálle ela abelás
e el lévalle landras.
COSMONAUTAS
Da nave da Terra
somos cosmonautas,
navegamos todos
pola Vía Láctea.
Negros e amarelos,
de cobre ou cor branca,
homes e mulleres,
só hai unha raza.
Nesa inmensidade
que son as galaxias
somos só persoas,
dunha especie, a humana.
(Do libro Abracadabras,
editado por Ed. do Castro. Premio Arume.2006)