miércoles, 3 de febrero de 2016

"CANTA O CUCO", UN LIBRO-DISCO NO QUE UXÍA E MAGÍN BLANCO REVISAN A VIXENCIA DOS POEMAS DE MANUEL MARÍA PARA OS NENOS E NENAS DE HOXE.




Entramos no “Ano Manuel María” e un recibe con satisfacción publicacións coma Canta o cuco.
     Levo ben anos defendendo a importancia da música, das cancións, como un dos recursos importantes para que os nenos e nenas se acheguen á poesía. E sigo felicitando á Editorial Galaxia, por activa  e por pasiva, polo labor que neste eido realiza a través da magnífica colección “Sonárbore”.
     
     Canta o cuco é un achegamento ben interesante á obra de Manuel María, a través dos poemas musicados por dous grandes artistas do noso panorama musical: Uxía e Magín Blanco.
     
Uxía e Magín Blanco

     Resulta unha delicia escoitar estas cancións, diversas e ben construídas. Hai moito talento neste traballo –como non podía ser menos tratándose deles- no que, tanto dun xeito lúdico coma intimista, vai permitir aos oíntes gozar das melodías e das palabras que lle dan forma. Son poemas extraídos de poemarios como As rúas do vento ceibe, Os soños na gaiola, Terra Chá, Panxoliñas ou Os lonxes do solpor. E saliento aquí a fermosa composición de Uxía e Maxín, Todo me fala de ti, unha fermosa homenaxe ao noso poeta.
     
     
Manuel María
     Todo está moi coidado neste libro-disco. Hai dous poemas recitados por Uxía, uns arranxos musicais excepcionais da man de Santi Cribeiro e Guillerme Fernández –fundadores de Berrogüetto-, que tocan, ademais, o acordeón e as guitarras acústicas e percusión, respectivamente.
     
     A voz de Uxía acariña os versos e penetra no máis fondo da música para producir un ambiente envolvente que seduce. As colaboracións son importantes: Isaac Palacín (percusión), Pablo Vidal (contrabaixo), Raquel Domínguez (gaita), Pablo Ces (bombo) ou Andrés Giráldez (tambor).
    
     Dicía antes que todo está moi coidado. Aquí quero salientar o magnífico traballo de ilustración de Leandro Lamas, un pintor e ilustrador que me entusiasma. O seu traballo é unha festa da cor ben empregada, cunhas ilustracións dunha expresividade que conmove. Leandro Lamas crea un universo arredor de cada poema-canción dunha intensidade exquisita.
     
Ilustración de Leandro Lamas para "Canta o cuco"
     
     Para rematar, unhas palabras de Uxía e de Magín Blanco que definen perfectamente este traballo: Canta o cuco é a nosa ollada arredor do universo poético de Manuel María. Unha revisión contemporánea dos seus versos, tan vixentes aínda para as nenas e os nenos do século XXI. desenvolvemos este traballo de composición cunha globalidade de estilos musicais que abranguen desde a música tradicional propia ata os ritmos próximos do pop e o rock, pasando polos aromas da canción de autor ou os aires latinoamericanos (…)

     

     En efecto. moita variedade e riqueza formal nas composicións. Moito agarimo nos fraseos, nas notas, nas voces.
     
     Un libro-disco para saborear cada unha das partes que o conforman: a poesía, a música e a plástica.

     
     Unha alfaia para non perderse.



     
                        Presentación do álbum-CD  e conversa co ilustrador Leandro Lamas.




                              Presentación de "Canta o cuco" na Fundación Luis Seoane.