viernes, 5 de febrero de 2016

PAPEIS RECOBRADOS (4) A pomba da paz

                                                                                                                             Foto de Anxo Cabada


Cando xa pasou o "Día da Paz" e seguimos día a día traballando para que a violencia non estrague o noso vivir cotián, unha lembranza a ese home que tanto quixen, Suso Jares, un loitador pola convivencia na sociedade actual.

     
Xesús R. Jares
Persoas coma el non deben caer no esquecemento endexamais e permanecen, con total vixencia, os seus libros aos que debemos acudir para facer das nosas escolas lugares de concordia.

     Unha vez máis recupero este artigo, publicado no seu momento n´A Nosa Terra (e talvez  neste mesmo blog noutra ocasión) para que Suso estea na memoria colectiva do noso pobo.




                                                                       


                                          A POMBA DA PAZ




A pomba da paz estaba cansa de falar inutilmente cos homes. Falaba de dereitos humanos (ela!), de harmonía e de bicos de cores. Pero as súas palabras esnafrábanse contra un muro de pedra construído precisamente polos homes. De pedra,si, pero tamén de silencios, de violencia, de inmundicia, de pólvora. A pomba da paz estaba cansa de levar sempre as mesmas mensaxes e recibir sempre os mesmos desprezos. 

     A pomba da paz decidira ser só iso, unha pomba. Mais un día viu un home delgado, agarimoso, con lentes sobre unha ollada tenra, e unha fasquía que daba confianza. Pareceulle diferente aos demais.Cunha guitarra tocaba Knockin´on heaven´s door. Cando a sentiu preto, sorriulle e comezou a falarlle de combater o medo, de valorar a xustiza dende a sensibilidade, de rexeitar odios e vinganzas, de quecer o ambiente frío da escola.

     O home que amaba a Dylan faloulle da dignidade, da non-violencia, da necesidade de educar para a verdade e a esperanza. A pomba escoitábao abraiada e feliz. Entón, o home agasalloulle un libro. O seu nome: Educar para la verdad y la esperanza
     A pomba folleouno e decatouse de que o home de ollada tenra levaba toda a súa vida comprometido co ser humano na loita pola xustiza e a liberdade. 

     A pomba comprendeu axiña que seguiría baténdose contra ese muro erguido polos homes.Despediuse del dándolle un bico na voz. 

     Un día, deixoume o libro no peitoril da miña ventá coa seguinte dedicatoria: Para Antonio e Susi, polos tempos vividos, polos soños compartidos, polo futuro e a esperanza. Suso Jares
     Dende aquela, endexamais deixei de navegar polas súas páxinas.

            
                                                                                                A Xesús R. Jares




                                                                                    ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO