lunes, 9 de marzo de 2020

"Be water", de Antía Yáñez, entre a auga e a afouteza.





Be water , de Antía Yáñez, entre a auga e a afouteza



                                                                                                                 Antonio García Teijeiro


Gústame a poesía que denuncia, pero que sexa literatura.
Gústame a narrativa ética, tamén en consonancia coa estética, pero que sexa literatura.
A literatura coma ferramenta para criticar certas realidades, pero sen que se convirta en algo impostado. A tensión narrativa, o feito de enfrontarse ao discurso literario a través de situacións intelixentes e que fagan da palabra un edificio que sexa literatura.

     E Be water é un deses casos que me seducen por posuír as características dunha obra literaria capaz de sinalar, de poñer ao descuberto situacións inxustas a través da creación seria e sen aditamentos

    
Antía Yáñez (Foto de Concha Salgado)
Be water
, escrito por Antía Yáñez, é un relato tremendo sobre unha realidade dura na que un cataclismo- o Gran Cataclismo-  deu a volta a unha sociedade inxusta : a Era Superficial xa non existe  no planeta Terra e a humanidade sobrevive  soterrada nunhas estruturas elípticas chamdas Colmeas. Con dous sectores ben diferenciados, trala catástrofe, atopamos moita represión nunha contorna que non dá opción aos sentimentos.

     Terrible e dura a vivencia nesa Colmea piramidal, obxecto dunha terrible ditadura onde nada é o que debe ser. Unha novela distópica na procura da utopía da liberdade e da xustiza moi ben tecida  pola autora.

      Unha novela de personaxes moi ben construídos: a Raíña (ditadora do abuso do poder, do diñeiro e dos privilexios, alguén que ten afogado o pobo que conseguiu sobrevivir ao desastre).
Unha muller loitadora, Iolanda, que revive os seus sentimentos maternais con Lucrecia,a súa pequeña filla, e busca a felicidade e a supervivencia. A presenza fonda da avoa, muller afouta quen, malia desaparecer nun determinado intre, deixa unha pegada fundamental na neta e no seu curmán, Fabián, porque vén sendo un referente do mundo exterior e, talvez, da ansiada liberdade. Un relato que nos fala da situación da muller e do papel que é capaz de asumir na sociedade malia os atrancos que lle poñen.
    
      E  debemos salientar unha personaxe fundamental (amais de Aquiles): a auga, un ben prezado sobre o que xira boa parte da acción controlada polas elites. Cada habitante ten unha cota determinada dela, sempre exigua nas clases baixas. Non existe o diñeiro en Colmea e todo se compra con auga. Un aviso intelixente da autora sobre o que ocorre con ela no noso mundo. Unha maneira perfecta de denuncia sobre un medio ambiente moi maltratado polo ser humano.
.
Presentación en Vigo na Libraría Cartabón

     Hai un Sector Superior (que domina) e un Inferior, no que os obreiros traballan para acadar auga e así sobrevivir.
Manteñen a orde do Sistema os Abázcaros, educados para non teren sentimentos nin seren débiles.
Pero algo sae mal con Aquiles, o preferido da Raíña, sobre todo ao aparecer un cadáver nun lugar de difícil acceso e atópase fronte a fronte con Iolanda, no intre en que ela, Lucrecia e Fabián dan con el.
Iolanda é unha muller con coraxe que fai dos sentimentos case bandeira.
Ela comenzará a derruír o sistema superando moitas dificultades, entre a cautela e a decisión.

     É Be water unha novela de loita, de desexo de liberdade, de torpedear un sistema tan inxusto ou máis que o que foi destruído.

     Escrita cun rítmo áxil (algo que se agradece), cunha linguaxe ben coidada, non leva o lector ou lectora, a confusión pois está tecida con naturalidade, cunha certa maneira de narrar que amosa que Antía Yañez é a dona do relato. Cunhas pasaxes eróticas moi ben contadas, cunha pugna entre o ben e o mal, entre un sistema amputado e xélido e a felicidade que provocan os sentimentos, o lectorado vai saborear as virtudes da boa literatura. Esa que, pola súa calidade, non precisa de adxectivos.

      Unha novela da conciencia que rexeita a explotación da muller (e do ser humano en xeral) sen dicir máis do que debe (apálpase), que afronta o prexuízo da escaseza de auga, das ditaduras, dos privilexios das clases dominantes sobre seres humanos que viven soterrados e aos que lles custa liberarse.

Pero ten tamén trazos de aventura, de amor maternal e, mesmo, de amor sen adxectivos. Unha novela de rebeldía, de loitas persoais, de camiños a percorrer, coma o de Iolanda, que loita por salvarse (e salvar) e que, malia certa axuda, sabe moi ben que certas vitorias só dependen dun mesmo.

     Os paratextos que encabezan os capítulos non poden ser máis atinados. Palabras moi acaídas de El Perich, Paul R. Ehrlich, Banki-moon ou Jacques Cousteau sobre a importancia da auga, como dixen, un personaxe esencial neste novela.
      Parabéns a autora e a Cuarto de inverno, unha editorial que dá os seus primeiros pasos con solvencia e boa dirección.