Coñecina tras ler o
magnífico libro O álbum de Garrincha,
publicado pola editorial Galaxia na
colección “Árbore”.
Fútbol e, sobre todo, unha sensibilidade especial para tratar o tema da inmigración atopamos nas súas páxinas. O valor do ser humano como tal, e a necesidade de integración na sociedade tan diversa que nos toca vivir están ben presentes na historia. Literatura e valores da man.
Beatriz Maceda Abeleira |
E, coma min, a música forma parte da súa
vida dun xeito intenso.
Beatriz tiña que espallar a súa voz, a súa
luz en Versos e aloumiños.
Aceptou encantada a nosa petición. Beatriz Maceda Abeleira é xenerosa e escribiunos un texto
fermoso. Un texto evocador, persoal con pingas de tenrura e jazz.
Gozade del, como merece.
A man de Miles Davis |
“Non toques o que está, toca o que
non está” (Miles Davis)
As estalactitas de xeo colgaban dos
tellados das casas. A Terra Chá era así en inverno. Miña nai metíame a cabeza
nun gorro de lá que se chamaba “verdugo”,
nome ben feo para un gorro de nena.
Eu, iniciaba a viaxe diaria cara ao colexio cada día, como se fora o
primeiro, e acostumaba a inventar o camiño. Cheguei a facelo montada nun
unicornio que levaba unha estalagmita de xeo en forma de corno na cabeza.
No medio do camiño estaba “el
chalet”, o único en toda a vila, de aí que o chamara todo o mundo así. Sempre pasaba por diante del apurando o paso.
Unha tarde,volvín do colexio pola rúa que daba á parte de atrás da casa.
No balcón, estaba sentado un home cun chapeu branco e da súa boca,saía fume
como da cheminea dun tren. Quedei parada observándoo e foi cando escoitei aquela música.
Anos mais tarde, merquei o meu primeiro disco de jazz, “Kind of blue” de
Miles Davis.
Blue and Green, era a peza que soaba nunha casa imaxinada para darlle máis emoción ao camiño.
BEATRIZ MACEDA ABELEIRA