jueves, 31 de julio de 2014

NA FARÁNDULA ESTIVAL DA MAN DE AN ALFAYA





An Alfaya
       Que An Alfaya, como escritora, é unha debilidade miña resulta moi claro, pois o manifesto decontino.
       Que compartimos bastantes cousas (as cancións e mais a figura de Luis Eduardo Aute, por exemplo) é ben sabido e, se non se sabe, dígoo eu.
        Que me parece unha persoa sensible e entrañable e iso reflíctese na súa obra, afírmoo rotundamente. Esa é unha das razóns pola que a sinto preto.

        Tampouco non vou se eu quen descubra a esta narradora cun universo literario orixinal e profundo.Ela non o precisa. Está, por méritos propios, moi valorada. É unha magnífica escritora.

        Pero, talvez, moitas persoas non saiban que é unha autora de teatro brillante. Que ten escrito obras para que os seus lectores e lectoras gocen dese xénero tan esquecido como é o teatro. Obras que se len de marabilla e que representalas fan as delicias de quen desenvolve algún papel nelas, e daqueles que asisten ás representacións.

       Eu mesmo, hai uns anos, puxen de lectura na miña aula de 6º de Primaria o seu estupendo libro O maquinista Antón.

       Precisamente este libro é un dos protagonistas do texto que An escribiu para Versos e aloumiños. Tardou en facelo, pero cumpriu.

       Estamos moi satisfeitos, os que lle damos forma a este blog-revista, de recibir un artigo como o que podedes ler deseguido. Teatro en estado puro. Un percorrido ben interesante polas experincias teatrais desta autora "neste mes de xulo que esmorece, nas súas propias palabras".

       Grazas, outra vez, polo teu agarimo e a túa xenerosidade.

       Que o teatro chegue aos recónditos recunchos deste mundo tan necesitado desa farándula da que nos fala An!!!


Unha representación da Escola Municipal de Teatro de Vigo





                                                VERÁN DE FARÁNDULA





       Abrir as xanelas ao verán supón descorrer un pano imaxinario e deixarnos levar polo que nos ofrece o espazo escénico da vida... Quizais a frase resulte un chisco relambida,  daquela vou contar en prosa as miñas experiencias teatrais neste verán onde xullo xa esmorece.
      
CEIP Sárdoma-Moledo
        Todo comezou a finais de maio e principios de xuño. Alumnos do colexio Sárdoma Moledo de Vigo puxeron en pé a peza “O maquinista Antón” como actividade de fin de curso. Unha oferta artesanal, falta de medios, mais feita con agarimo. As faíscas que brillaban nos ollos dalgúns rapaces buscando a miña aprobación abondaron para que pagase a pena acompañalos.

Ilustración de Santy Gutiérrez

       Poucos días despois acudín ao centro Eusebio da Garda de A Coruña, onde volveu ser protagonista o mesmo texto, neste caso nun encontro literario, onde  puiden intercambiar co alumnado e o profesorado enriquecedoras impresións sobre o libro e as posibilidades do teatro como actividade lúdica, chegando á conclusión de que nos permite expresar as nosas emocións, potenciar a creatividade, liberar tensións e gozar como lectores, dinamizadores, creadores ou espectadores.

       E como espectadora, convidada por Eva Vila, profesora da Escola Municipal de Teatro de Vigo, polas mesmas datas achegueime ao Auditorio do Concello, onde asistín á mostra dalgúns dos espectáculos teatrais que alí se presentaron, tres deles coordinados por esta docente: “A estrela Volarina na torre Coralina”, da miña autoría, “A Cea”  de Els Joglars, e “O embruxado” de Valle Inclán, levadas á escena por intérpretes de diferentes idades, abarcando a infancia, a adolescencia e os adultos. Tres propostas dignas que encheron de ledicia aos asistentes. A imaxinación, o traballo e a entrega de cantos participaron nas propostas, que fago extensivas  a Yerma de F. G. Lorca,  baixo a dirección de Leonel G.Laborde, tamén profesor da Escola, reconcilioume cun tempo que xa cría esquecido da miña mocidade.
   
Federico García Lorca
       E seguindo esta crónica teatral debo engadir que, un café e unha conversación agradable na cafetería “La Negrita” con Ricardo Solveira, profesor da ESAD, Escola Superior de Arte Dramático de Vigo, propiciou que recibise una nova invitación, e tivese a fortuna de ser unha das  privilexiadas asistentes á función-proba final de fin de curso dun grupo de alumnos de primeiro de carreira. 
ESAD (Vigo)
       Meus ollos gozaron cunha amálgama de imaxes  de gran plasticidade que agromaron dun texto tan poético como rico en matices, escrito por una exalumna, onde se conciliaban con harmonía a interpretación corporal coa textual. Os meus parabéns a todo o equipo.

       Chegado a este punto, e tendo coñecemento de que na rúa Colombia de Vigo, da man dos nomeados Eva Vila e Leonel, baixo o amparo da asociación cultural Teatro Aforo, nacía un espazo teatral con vocación de obradoiro, sen renunciar á presentación de mostras teatrais esporádicas, e con aspiración de continuidade, achegueime durante dúas fins de semana consecutivas ao local.   
Arte Pingüe Teatro
Presentábanse catro microescenas, Caricia (Sergi Bebel), Anticorversas de Kareto Teatro (Patricia Meira), 36m3 de Arte Pingüe Teatro (José Mejuto), e  Peseta, Cabalo, Mazá (Aurel e Dafne Míguez), así como o espectáculo Microvidas, tamén de Arte Pingüe (José Mejuto), onde fun espectadora da diversidade interpretativa de alumnos mesturados con mestres,  propoñendo  pezas de corte dramático, a meirande parte de creación propia, e ofrecendo micromomentos de gran intensidade emocional.

       Para completar o círculo deste verán onde brilla a dramaturxia, tiven o atrevemento de regresar ás miñas orixes, naqueles tempos da xuventude onde gocei dabondo formando parte de Teatro Avento, agrupación que afortunadamente aínda hoxe sigue rulando e ofrecendo bos momentos de entretemento.

Teatro Avento
       
Daquela, sabendo que o espazo recén inaugurado na rúa Colombia de Vigo baixo os auspicios de Teatro Aforo ofrecía varios obradoiros de interpretación durante o mes de xullo, enfocados tanto ao alumnado infantil como ao adulto (teatro de monicreques, interpretación ante a cámara, commedia dell´Arte, expresión corporal, iniciación á interpretación, e interpretación segundo a técnica de Chejov), decidín esquecer vellos prexuízos e participar nun deles. 
Mikhail Chejov
   

        A miña elección foi Chejov. Da man habelenciosa de María Francelina, profesora da ESAD, durante vinte horas concentradas nunha semana, mergulleime na ousada tentativa de recrear durante uns minutos unha secuencia da vida da incombustible Bernarda de F.G.Lorca, onde a importancia da creación no residiu no texto, senón nas distintas atmosferas exploradas, e onde a máxima do obradoiro partía do concepto de totalidade. Xunto con A casa de Bernarda Alba, o resto do participantes achegáronse baixo a mesma premisa ao desconcertante mundo shakesperiano de Macbeth e Hamlet, así como a Esperando a Godot de Samuel Becket. Un gozoso atrevemento onde vibrou o traballo, o entusiasmo e as ganas de participar nunha actividade cargada de enerxía positiva, baseada fundamentalmente na exploración de distintas atmosferas para conseguir a creación dun personaxe. Un traxe á medida que, máis aló do ámbito teatral, transportoume e reconcilioume cunha etapa adormecida da miña vida.




       E non se me ocorre mellor xeito para  rematar este periplo estival que  propoñendo tres libros de teatro; recomendo vivamente a súa lectura, quizais máis doada nestes días, para moitos de lecer; un destinado aos lectores adultos, Chegamos a unha terra gris de Raúl Dans,  outro enfocado cara á infancia, Os reloxos preguiceiros de Néboa de Xabier Lama, ambos editados en Xerais, e o terceiro de monicreques, O punto da escarola  de X.A.Neira Cruz, editado en Baía Edicións; tres premios Barriga Verde de xa hai uns anos. Calidade dramática e bo verán de farándula!

                                                                                           AN ALFAYA