sábado, 19 de julio de 2014

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (XLI) Helena Villar Janeiro (2)





HELENA  VILLAR  JANEIRO  (Becerreá, 1940)




POEMA DELGADO

Helena Villar Janeiro
A neve é
fría,
branca,
lene,
auga,
nada.


A
neve
é
e
non
é.




O CASTELO  DA CHUVIA

A chuvia está escondida
nun castelo encantado
que fixeron as nubes
alto, moi alto.

A chuvia ten a auga
gardada en tinas
redondas, pequerrechas
igual que pingas.

Cando lle peta,
ponse a tiralas todas
desde as ameas..




O TALLER DAS ARAÑAS

Nun taller que puxeron
dúas arañas
tecen mantas e colchas,
manteis e sabas.

Tan pronto chega a noite
gardan os fíos
e marchan en silencio
para os seus niños.
Ilustración  de Mª Fe Quesada

E cando chove
fan un cordel
para secaren roupa
tendida nel.






MAMBRÚ NON VAI  Á GUERRA

Mambrú non vai á guerra
¿e que fará agora?

Cultivará oliveiras
que dean moitas pólas
e sementará millo
para manter as pombas.


                                                                                                                (Do libro As señoras cousas. Editorial Galaxia. 2014)