O sol anda ás agachadas e a auga do mar
posúe unha temperatura agradable pouco común nestas paraxes.
Un baño, un libro, unha canción. Camiñar,
conversar, andar en bicicleta, visitar lugares que sabemos nos gustan… son
actividades pracenteiras que equilibran
a nosa hixiene mental.
E, claro, segue a ser tempo de ler. Sempre
é tempo de ler.
Tamén, de lectura en voz alta, de contar
contos, de deterse en álbums
cativadores, de aprender poemas…
Pois Versos
e aloumiños presenta deseguido unhas
lecturas agradables e de calidade escritas ou traducidas á lingua galega, para que nenos e
nenas, mozos e mozas poidan elixir se,
por casualidade (ou milagre?) entran nunha libraría.
Fagamos que proben.
Non lles vai facer mal.
Fragmentos,
fragmentos, fragment… fragm…
Un libro de tapas duras para os máis pequenos.
…O mar ten cabeleira
e tráea á praia
para lavarlle as ondas
e mais secala.
Coloca o pelo
sobre o areal
e faille rizos
de azul cristal.
O mar é presumido
e adorna as ondas
con nácaras e perlas
e caracolas.
(As señoras cousas. Helena Villar Janeiro. Ed. Galaxia).
… Pero o que Chispo non se podía imaxinar era a sorpresa que o agardaba. E… con razón! Resulta que, mentres el fora dar o paseo tranquilamente, viñeran uns homes coas súas …
( De
cómo Chispo, o esquío, puido co frío. Toño
Núñez. Ed. Galaxia).
… De feito, un deles andaba cun chándal gris, e parecía o da primeira persecución. Outro tiña o chándal negro, e o terceiro azul mariño. Todos tiñan aspecto de matóns que acababan de saír d…
(O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas. Ramón Caride. Ed. Xerais)
Non quero ser nunca tinta
imborrable.
Non quero converterme en
cicatriz.
Só quero os nosos nomes
sobre a area.
Algo que nos una ata a
seguinte onda …
( Penúltimas tendencias. Carlos Negro. Ed. Xerais).
… Esa noite procurou a Antonio Fuster en internet. En efecto, non había moitos máis datos sobre a súa vida que os que lle contara Vicent. Mais si atopou unha vella foto en branco e negro, onde aparecía…
(Debuxos no muro. Aurora Ruá.
Ed. Galaxia).
… O avó tiña un plan. Un plan sinxelo e sen fisuras. Talvez con moito risco, pero iso era inevitable. Vivían nun recinto, escravizados por un exército de lobos armados. O risco formaba parte das ….
(Recinto gris. Ledicia Costas. Ed. Xerais).
á beira de Inés
para ver a danza,
o alegre mexer
das redes, os paus,
os dedos de Inés
facendo piruetas
ao son do nordés.
Ela, cun sorriso,
sorriso de …
(As
redes de Inés. Elvira Riveiro. Ed.
Xerais).
… Se Carlo coñecese a sorte que correra o irmán, sentiríase ferido e traizoado, porque dende cativo lle tiña medo a calquera tipo de guerra. A avoa Natividade, malia o seu carácter algareiro…