sábado, 5 de julio de 2014

A LUZ DAS PALABRAS ( 42 ) Xavier Senín



Xavier Senín Fernández

            Dezanove anos como Subdirector Xeral do Libro en diversos gobernos da Xunta de Galicia. Moitos máis (e segue), acompañando os escritores e escritoras nas súas andainas literarias. Impulsor de magníficas campañas de animación á lectura en Galicia anos atrás. Tradutor ao galego dun bo número de libros, na meirande parte deles procedentes do francés, pois foi a rama elixida por el cando cursou a carreira de Filoloxía moderna.


       Amigo dos seus amigos, aberto a calquera proxecto innovador, agarimoso con todos os  que se achegan a el, Xavier Senín Fernández é un exemplo de intelixencia e de afectividade neste mundo da literatura onde existen demasiados egos.
 
Sempre cos creadores e creadoras.
       Admiro e quero a Xavier. Dende que o coñecín persoalmente, decateime da súa bondade, do seu amor polo libro, pola boa literatura e polo respecto que sempre amosou  (e amosa) polas persoas que tiña preto.
       Xavier é unha deses seres que che deixan unha marca para toda a vida. Isto acontece polo seu  carácter afable, pola súa honestidade. E porque é xeneroso, próximo, dinámico e sempre estende unha man que acariña a quen a precisa.
        

       E, por riba, escribe e faino moi ben. Dende 1995 colaborou co Correo Galego e El Correo Gallego cunhas columnas deliciosas.
      Co gallo dun acontecemento familiar, Xavier Senín fixo unha escolma deses textos, co nome que xa tiñan nos xornais, Devagar, e  deu vida a un libro delicioso. Un libro que me chegou por correo e me encheu de ledicia. Traía, ademais, unha moi agarimosa dedicatoria para Susi e para min.
       Lin o libro cun pracer enorme. Textos que rabuñan no cotián das nosas vidas. Anécdotas que sinalan os diferentes comportamentos de personaxes que son ou poden ser calquera de nós ou xente que coñecemos. Textos cheos de humor, de crítica a aquelas actitudes que se dan a miúdo e non lle gustan. Liñas tenras ou irónicas, segundo a intención de quen as escribe, que se len con gusto.
Antonio e Xavier na Illa de San Simón
       No medio destes textos, un recorda conversas, anécdotas, situacións que, sen ser as mesmas, parecen vividas na voz de Xavier nos distintos momentos con el (e con Mari Carme, marabillosa) compartidos.

       Xa está avisado o autor de que algún destes textos ía ver a luz neste blog-revista. Versos e aloumiños non pode deixar pasar a oportunidade de que se escoite ou se lea unha voz tan auténtica. E así é.
Susi e Mari Carme.

       Deseguido, podedes ler un deses textos. Escollino porque me encanta o chocolate con churros e porque me fai lembrar un tempo que, sendo miserable, forma xa parte da nosa memoria colectiva.
       Gozade con el.

                      
                     CHOCOLATE  CON CHURROS
       
       Acaban de entregarlles na man un sobre moi retorneado. Non lles dixeron de que se trataba, pero ela intuíu decontado cal era o contido. Ao abrir tirou unha tarxeta co texto escrito en letras douradas. Era, xaora, un convite para asistir a unha primeira comuñón. 

       Como é lóxico, mencionábase a igrexa onde tería lugar a cerimonia e o restaurante onde celebrarían a festa. Tendo en conta que eles non son familia directa do rapaz e que tampouco teñen relación de amizade moi íntima, é de supoñer que a cousa se vai acabar por converter nunha voda en pequeno. Iso é o que falaron ela e o seu home cando chegaron á casa. Agora vénlles o problema de escoller un agasallo para o cativo, pois non poderán contar coa socorrida lista de vodas nun centro comercial ou un sobre con cartos. Matinaban niso cando ambos dous se puxeron a rememorar aquel momento tan especial para un rapaz do seu tempo. A muller lémbrao como un día extraordinario no que se sentiu protagonista.


       O caso del foi moi distinto. Eran tempos duros na casa, onde non era raro o día en que a comida escaseaba. Os pais traballaban noite e día, el de operario nunha fábrica e ela a coser polas casas. Como seus irmáns foi á catequese e recibiu a primeira comuñón. A nai fíxolle uns pantalóns e unha camisa branca á que logo lle deu moito uso. Despois, os rapaces que fixeran a comuñón foran invitados pola parroquia a un almorzo de chocolate con churros. Era a primeira vez que comían aquela exquisitez. Ao día seguinte, elo e mais un amigo decidiron que aquele festa tiña que repetirse e para o ano seguinte foron á catequese a outra parroquia. Chegado o momento volveu vestir coa mesma roupa e fixo outra primeira comuñón e, xaora, un novo e marabilloso chocolate con churros.     Pero algunhas cousas nunca acaban ben e fóronlle co conto á avoa que axiña puxo o grito no ceo. Agarrouno por unha orella e levouno perante o cura. Ao que quedaron a soas, o crego preguntoulle cal dos dous almorzos lle soubera máis. E coa mesma, mandouno marchar coa encarga de que non contase nada.

                                                                                 XAVIER  SENÍN