Foi un pracer
participar nestas III Xornadas de
Literatura e Ensino, “Versos pintados no pupitre”,
organizadas pola AELGA e a AS-PG, o mes de decembro pasado en
Compostela.
Fran Alonso |
E foi un pracer
compartir mesa redonda con tres persoas, moi queridas por min, como Carlos Negro, presentador do acto, que
fixo unha das súas orixinais e agarimosas presentacións, con Elvira Riveiro e con Fran Alonso, quen este ano estivo máis
vencellado a min, se cadra, debido á edición da miña antoloxía de poesía, Un rato díxolle á lúa.
As intervencións foron
distintas e complementarias. Eu aprendín moito das palabras dos tres compañeiros de
mesa. Dende as intelixentes definicións que de nós fixo Carlos Negro, (de quen se anuncia un poemario “xuvenil” moi potente
para este ano 2014) a partir de acrósticos cos nosos nomes, ata a luz que
acenderon Elvira e Fran, nas súas magníficas
intervencións.
Por iso, abusando da
confianza, pedinlle a Fran Alonso
que me enviase o seu texto para que os lectores e lectoras de Versos
e aloumiños puidesen gozar coa súa palabra.
E Fran, todo xenerosidade, non o dubidou e, atento sempre, puxo á
nosa disposición as súas liñas tan esclarecedoras como cheas de contido poético.
Isto é o que, amigos e
amigas, podedes ler deseguido.
Non convén perder
detalle. Nada sobra e nada falta.
Grazas, Fran, unha vez máis polo teu agarimo.
A
transmisión da poesía para a infancia e adolescencia
Cando visito una librería por primeira
vez, o primeiro que investigo é se ten algún pequeno e esquecido andel dedicado
á poesía infantil. Poesía xuvenil (se é que tal cousa existe), xa nin me
molesto en buscar. Case nunca o atopo. Nin en Galicia, nin fóra dela. Nin en
Portugal, nin en Francia, nin en Alemaña, nin en Italia. Ese encontro pode
producirse, se a fortuna acompaña, nalgunhas librarías británicas. Xa que logo,
Galicia non é unha excepción, só confirma a regra.
Pero,
evidentemente, tampouco resulta demasiado doado atopar editoriais ou coleccións
de literatura infantil que acepten poesía entre os seus títulos.
Hai máis de
dez anos eu escribía na revista Fada
Morgana o seguinte: «O desenvolvemento da literatura xuvenil ata o de agora
produciuse case exclusivamente no terreo da narrativa. E se ben existen
algunhas trincheiras tras as que é posible atopar poesía infantil, en cambio,
hoxe por hoxe é practicamente imposible dar con poesía para adolescentes».
En calquera
caso, permítome a indiscreción de anunciar que para o mes de febreiro teremos
un libro que creará canon na poesía xuvenil en Galicia: Penúltimas tendencias, de Carlos Negro.
Fagamos un
pouco de memoria. Hai 40 anos en Galicia a literatura infantil era
practicamente inexistente. Eu teño a intuición de que hoxe por hoxe estamos a
vivir o comezo dunha tradición poética (e do seu desenvolvemento creativo)
destinada aos lectores e lectoras máis novos, e albisco que probablemente
dentro de, poñamos por caso, outros 40 anos, esa tradición estará plenamente
asentada. Lamentablemente, será difícil que eu poida comprobalo.
Ora, se
teño que ser franco, hoxe por hoxe interésame moi pouco entrar nun debate para
determinar as fronteiras entre a poesía infantil e xuvenil. Mellor dito, non me
parece, neste estado primario dunha incipiente tradición, nin relevante, nin
atractivo, debater sobre a natureza da poesía que se publica como xuvenil ou
infantil. O que me parece moito máis importante, en cambio, é poñer o punto de
mira nos seus destinatarios/as.
Expresareime
mellor: para min, a estas alturas da situación e seguindo unha corrente crítica
ben asentada, un libro é de poesía xuvenil se os seus receptores o aceptan e
acollen como tal. E non hai máis. Nese sentido, Poetízate é un libro de poesía xuvenil.
Permitídeme
que bote man tamén do meu libro O meu
gato é un poeta, publicado na colección Sopa de Libros na franxa de idade
de «a partir de 8 anos». Debo confesar que nunca antes publicara un libro que,
na práctica, cubrise unha franxa de lectores tan tremendamente elástica. Este
poemario funciona en escolas de Educación Infantil (nalgunhas delas mesmo
fixeron vídeos con poemas como «Miau») e, ao tempo, tamén está sendo empregado
en Institutos de Educación Secundaria, en 1º e 2º da ESO (onde os rapaces e rapazas
sinten como propio poemas como o titulado «O amor»). A verdade é que este
poemario botoume abaixo as poucas fronteiras que me quedaban na cabeza.
En fin,
deixemos o debate das porosas fronteiras e asentémonos no que é verdadeiramente
importante neste momento: a creación poética e a súa difusión. Porque creo que
non estamos ante un problema menor. Máis ben estamos ante o maior reto que
temos para que a poesía arraigue nese futuro que comeza a desenvolverse.
En boa
medida, o reto conduce ás aulas, pero tamén ás familias; ao fomento da lectura,
que debe converter a poesía en bandeira; e aos propios creadores, obrigados a
revisar o xeito en como transmitimos a nosa obra.
Para que a
poesía infantil e xuvenil guste e conecte cos seus lectores e lectoras, os
contidos e o tratamento poético deben ser de calidade, sen dúbida, pero,
ademais, debemos saber transmitila axeitadamente. Pensemos que non hai lectores
máis esixentes, sinceros e menos compracentes que os nenos, nenas e adolescentes.
Venme agora
á memoria a imaxe dun escritor nunha situación que presenciei hai anos. Ao
escritor convidárano a un encontro cos seus lectores cativos arredor dun
poemario infantil da súa autoría. Aquel era o primeiro libro de literatura
infantil que o escritor (que ademais non tiña fillos) publicaba. Ao entrar no
lugar onde ía ter o encontro observou, aterrado, que o seu público pertencía a
unha franxa indeterminada de idades na que sobre todo dominaban os moi
pequenos, e o seu libro, en cambio, estaba recomendado a partir dos 11 anos.
El, que xa aceptara aquel encontro temeroso do difícil que lle ía resultar,
sentíase agora como se o acabasen de botar á area do circo romano, entre leóns.
Ese escritor era eu e pasaron xa máis de 17 anos desde aquel día. Sobrevivín
como puiden e, sen dubida naquel intre, decateime da importancia de saber
mos
transmitir o que escribimos ou o que lemos.
Hai once ou
doce anos, nese mesmo artigo da revista Fada
Morgana anteriormente aludido eu escribía: «o verdadeiramente importante é
que se deixen seducir polas palabras, polos sonidos, polos ritmos, pola
musicalidade e que constrúan a súa propia interpretación a partir do que todo
iso lles suxire, se é que queren construíla; senón, que disfruten, simplemente.
Todo o demais xa virá logo, co hábito. Ese é o auténtico pracer de gozar coa
poesía».
Poetízate
naceu en 2006 desa preocupación. E, once edicións despois, creo podo
certificarme no acertado da idea.
Poetízate
trouxome tamén a necesidade de medirme cos auditorios adolescentes, recitando e
provocando a reflexión sobre a poesía. As miñas intervencións son, basicamente,
recitais poéticos, nos que emprego distintos recursos, e neles falo de amor, de
reivindicación, de música, e tamén de novas tecnoloxías, de erotismo, de
informática, de publicidade.
Se lle
lemos a un auditorio de adolescentes, por exemplo, o poema «Honrados e duros»,
de Pondal, probablemente non lles dirá nada e considerarano moi afastado das
súas sensibilidades. Pero se lles contamos que a publicidade que ven na
televisión emprega recursos que proceden da poesía e para demostrallo lles
recitamos o poema enfáticamente e a continuación lles preguntamos a que anuncio
de televisión lles lembra, todos, inmediatamente, se apresuran a dicir que aos
de Gadis. Nese momento aprecian na poesía algo que, realmente, lles resulta
molón.
Nada é
imposible. Un día, hai xa anos, a profesora de infantil da miña filla cando eu
xa levaba algún tempo animándome a facer recitais poéticos en Primaria,
solicitoume que fose visitar os seus cativísimos das aulas de Infantil.
Sinceramente, confeso que aceptei por compromiso, porque aquel me parecía un
reto demasiado complexo para abordar sen medos. O meu público serían nenos de
tres, catro e cinco anos, que nin sequera sabían ler. Como tranmitirlles os
poemas e que os entendesen? Aquilo obrigoume a esforzarme na selección e a
crear unha serie de estratexias e recursos que hoxe son a base de varios
espectáculos poéticos que xa levo varios anos facendo en centros de ensino e
bibliotecas. O máis difundido chámase «A poesía é un globo» e, por certo,
emprega este obxecto tan infantil como metáfora da función poética das
palabras.
Afortunadamente,
saín victorioso daquel reto ao que me convocara a profesora da miña filla, pero
a miña maior victoria foi, sobre todo, aprender dela que na trasmisión da
poesía todo é posible. A profesora (o seu nome é Bea Pereiro) emprega cos
cativos de tres, catro e cinco anos poemas de autores que eu nunca me atrevera
a usar: Álvaro Cunqueiro, Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra, Luís Amado Carballo,
etc. A partir dese día, eu mesmo decidín incorporalos ao meu repertorio con
absoluta normalidade.
O meu libro
de poemas infantil Un gato é un poeta,
que publiquei en 2001, constitúe un intento de transmitir plástica e
ludicamente a poesía e a reflexión que esta conleva arredor da palabra. A
través dos poemas convídase aos lectores e lectoras a pensar sobre o valor das
palabras e o seu uso, sobre as súas potencialidades, sobre a natureza da poesía
e sobre a nosa disposición a deixarnos levar polos seus xogos.
En fin,
existen moitos recursos e estratexias posibles para transmitir a poesía e
cadaquén, desde a creación literaria, desde a familia, desde as aulas ou desde
a biblioteca, debe atopar o seu propio camiño. Non vou agora facer un listado
posible de recursos, pero si me gustaría dicir algo que sempre considerei
importante. Ao meu ver, non se debe insistir tanto na idea de importancia,
centralidade ou utilidade da poesía como máis ben na súa carencia; é dicir,
debemos facer visible todo o que están a perder os que non teñen acceso a ela.
Noutras palabras: debemos insistir no pracer que produce a súa dimensión
lúdica, rebelde, clandestina e subvertible.
E, remato
respondendo a unha cuestión sobre a que nos interrogou o moderador. Xa apuntei
que, desde o meu punto de vista, estamos no incio do desenvolvemento dun xénero
(o da poesía infantil e xuvenil) que no futuro será moito máis vivo e
fortalecido. E, en todo caso, teñámolo claro: a poesía é poesía á marxe dos
formatos ou dos soportes a través dos que se exprese. A poesía no ámbito
dixital non só pervivirá senón que revivirá e conlevará cambios na concepción
do proceso creativo e na relación entre autores/as e lectores/as. Só mudan as
formas. Os contidos permanecen.
FRAN
ALONSO