Que Milladoiro supuxo na
música galega un antes e un despois, penso que ninguén pode negalo. Que Antón Seoane, peza fundamental deste
grupo, é un dos nosos músicos máis importantes, penso que non resulta una
afirmación gratuíta, nin moito menos. Pero que houbo antes desta formación?
Isto cóntanolo Antón no volume De Voces Ceibes a Milladoiro (Unha memoria
do movimento popular da canción galega, 1973 – 1978).
Maxistral cos múltiples
instrumentos que domina, tamén o é coa prosa empregada neste libro-disco que
todos deberiamos ler polo seu significado na historia socio-musical deste noso
país. Un documento de primeira man, a través da escrita, dunha persoa decidida
a contar os trazos dunha traxectoria musical de gran magnitude.
De Voces Ceibes a Milladoiro
é un libro pracenteiro. Un libro escrito cunha prosa dinámica, espida de
floreos, que fai as delicias do lector.
Por medio dese pulso narrativo,
achegámonos a un período fundamental da sociedade e da música galegas, cos
intentos de reivindicación social, da evolución a partir duns cantautores
comprometidos (Voces Ceibes) ata que
apareceu o primeiro disco de Milladoiro.
Revisión dunha época convulsa e tamén dunha épica, resultante de ir salvando
todos os atrancos que a ditadura impuña.
Tempo no que o ditador daba as
últimas sacudidas (sempre terribles) e en Galicia, tamén epicamente, botaba a
andar un proxecto definitivo pola consolidación dunha música propia.
Antón Seoane |
Polas páxinas do libro circulan una
chea de nomes que nos emocionan. Referencias esenciais aos tres grandes (Perfecto Feijóo, Avelino Cachafeiro e
Faustino Santalices), ao “Festival de Folk galego”, que reuniu a máis de
cinco mil persoas e foi un reto nas infaestruturas de son e luces, ao estilo de
Dylan cos americanos universitarios, dos irlandeses con Chieftains, dos
occitanos con Mont Joia, dos portugueses con músicos tan importantes como o
Zeca Afonso, Fausto, Cilia…etc. Xa o di Antón
Seoane: “aquel encontro quería ser a
representación do novo tempo”.
E non faltan na obra as referencias
a Rodrigo Romaní, persoa básica no
percorrido musical de Seoane, a
Batallán, ás Pandeireteiras de Mens, a Miro
Casabella, Benedicto, Pepe Ferreirós, Bibiano, Pilocha, Emilio Cao,
Fuxan os Ventos e aos poemas de Celso
Emilio Ferreiro. Tampouco esquece o autor, outras referencias que poden
sorprender a moitos coma os Beatles,
Jimi Hendrix, Eric Clapton, Traffic,
Bob Dylan,os Kinks ou Leonard Cohen. E, tamén, nos fala dos músicos da
Provenza, de Faíscas do Xiabre; narra a viaxe a Bretaña para falar con Alan
Stivell e fálanos de Roi Xordo (primeiro
grupo galego de canción social), entre tantas outras curiosidades de enorme
interese. Os músicos desta época bebían de todas as fontes posibles. Unha
maneira de enriquecemento, que permitiría atopar as canles precisas para que o
seu talento chegase ao público coa paixón e as forza necesarias.
Neste coidado volume podemos gozar
con fotografías moi significativas,
retallos dos xornais, discos como “Fonte do araño” ou “Ti,
Galiza”, listaxes das cancións aceptadas e denegadas pola censura da época,
instrumentos como a cítara, a zanfona, a ocarina ou o requinto, o primeiro
disco de Vicente Araguas que abría a década dos setenta, o Festival de
Ortigueira… Un ve as fotos de Santa Margarida e evoca, salvando as distancias,
o ambiente do Festival de Woodstock. Aparecen os primeiros discos de Milladoiro
e aquí deixa Antón Seoane tan
interesantísima viaxe.
Si, unha viaxe que o lector realiza
interesado e feliz. Unha viaxe visual e narrativa que amosa situacións
impensables hoxe en día. Excelente o ton
empregado polo autor. Un ton próximo, cun discurso moi ben fiado, tendo en
conta que é un exercicio de memoria persoal. A memoria dun home intelixente,
cheo de inquedanzas e que tanto leva aportado (e segue a aportar) á cultura
galega. Unha memoria que, aínda persoal, chega a se converter na memoria
colectiva dun pobo que procuraba a identidade de seu, nunhas circunstancias
hostís.
Un libro que todos aos que nos preocupa o
país deberiamos ler. Lelo foi para min un acto pracenteiro. E o disco, que acompaña o libro, significa
recuperar a banda sonora daquela
mocidade que loitaba por unha Galicia libre de cadeas . Ten o CD cancións
fermosas e representativas, auténticos emblemas do período 1973-1978, algunhas
delas rexistradas para este ambicioso proxecto por vez primeira. Temas como “Tecín soa” co texto de Rosalía ou “Espranza” de Celso Emilio,
cantadas por Pilocha, a “Cantiga do
amante preso” de Méndez Ferrín,
na voz de Romaní, “O meu país”, á que considero unha das
cancións máis emocionantes da música
galega, cun texto de Xoan M. Casado e
que canta, como no disco “Ti, Galicia”,
o gran Miro Casabella, compositor da
música . Un total de 18 cancións cuns músicos de enorme categoría como Antón Seoane, Pilocha e Rodrigo Romaní, e a
participación de Nando Casal, Bibiano, Miro, Quintas Canella, Roi Casal, Manu
Conde, Anxo Pintos, Laura Amado, Quico de Cariño e algúns máis.
Unha alfaia, este proxecto.
Necesario, imprescindible. Importante coñecer a viaxe musical e vital que magníficos artistas realizaron nunha
Galicia que os necesitaba. Aquí non houbo “nova
cançó catalana”, pero si, as mesmas inquedanzas para reivindicar unha
lingua e unha cultura maltratadas dende sempre. Música e literatura, da man, para
facer visibles as pulsacións dun pobo que latexaba con forza e que estaba
disposto a facerse oír.
Antón Seoane revélase como un narrador solvente, ameno e claro,que nos permite entrar
nun proxecto que debemos agradecer á Editorial Galaxia e a PAI
Edicións, S.L., auténticos impulsores do mesmo.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO