lunes, 20 de enero de 2014

DESCUBERTAS FONOGRÁFICAS ( VI ) . BOBBY “BLUE” BLAND



Nunha terra musicalmente tan fértil como é Memphis, sobre todo cando falamos de blues, rhythm and blues e soul, o nome de Bobby “Blue” Bland é absolutamente único. Bland non sabía tocar instrumento ningún (por non saber, nin sequera sabía ler, tan pouca fora a educación formal que recibira de neno) pero tiña unha voz sublime na que, ademais de blues, escoitamos ecos de soul, gospel, country ou mesmo o pop de Perry Como, un dos seus vocalistas favoritos. Se algo caracteriza a este home é o seu eclecticismo, e a partir desta mestura de influencias diversas, Bland creou un estilo único e á súa vez moi influínte, modernizando ese blues de Memphis do que falaba Bob Dylan e converténdose nun dos pioneiros do soul que tanto éxito acadou nos anos sesenta.

Nado nunha moi pequena vila de Tennessee, Bland non tivo unha infancia doada, pois seu pai deixou a familia abandonada sendo el ben neno, polo que se viu na obriga de adoptar o apelido do seu padrastro. Xa dixemos que non pasou moito tempo na escola, pero amosou sempre un profundo interese pola música, que representaría unha especie de salvación para el, ademais de asegurarlle o seu lugar no panteón dos grandes do século XX. Memphis sería sempre o fogar de Bland, tanto no eido persoal coma no musical, e alí non lle levou moito tempo converterse nun dos nomes máis populares de Beale Street, a lexendaria rúa dos clubs de blues, onde entraría en contacto con outros músicos importantes coma B.B. King, Johnny Ace ou o trompetista Joe Scott, este último chamado a xogar un papel importante na súa carreira.

Os seus primeiros singles non chegaron a ningures, se ben ninguén dubida agora da súa calidade, pero é que Bland estaba aínda tentando atopar o seu estilo. Sen embargo, en 1957 gravou “Farther Up the Road”, o seu primeiro éxito, marcado pola guitarra de Pat Hare, no que escoitamos xa elementos dese son tan persoal que non tardaría moito en desenvolver ata a súa plenitude. En temas posteriores, coma “Little Boy Blue”, “I Pity the Fool” e “Two Steps from the Blues”, emerxe xa un Bland máis maduro, creador dunha música que exercería unha profunda influencia en vocalistas contemporáneos seus coma Sam Cooke, Brook Benton e calquera outro cantante de soul da época ou posterior. Xunto á súa voz incomparable, dous elementos son imprescindibles para o son anovador de Bland: o virtuosismo á guitarra de Wayne Bennett e os magníficos arranxos de Joe Scott, quen comprendía a arte de Bland coma ninguén. Pero a verdade é que, con esa voz, o noso home podía cantar o dicionario dende o A ata o Z, unha palabra tras outra, e eu mercaría o disco ou iría ao concerto.

Bland en Memphis xunto a (de dereita a esquerda) Elvis e Little Junior Parker
Así, Bland tivo éxito con temas a ritmo rápido (“Turn On Your Love Light”) e con baladas e blues máis clásicos (“That’s the Way Love Is”, “Stormy Monday Blues”), imprimindo sempre ás súas gravacións o seu selo inconfundible, a medio camiño entre o blues e o soul pero con potencial para entrar tamén nas listas de pop. A súa popularidade, iso si, decaeu un pouco nos anos 70, aínda que seguiu a editar álbums de verdadeira calidade e actuando case ata os seus derradeiros días. No momento da súa morte, preto de Memphis e non hai moito, en 2013, Bland había xa tempo que adquirira o estatus de lenda, aínda que non gozaba da solvencia económica que tería merecido, especialmente debido á nefasta influencia de personaxes coma o empresario Don Robey, un home que tivo unha capital importancia na historia de Bland pero que tamén se aproveitou da súa confianza e da súa escasa educación para enganalo e sacarlle a maior cantidade posible de cartos.

Varias son as compilacións que un pode atopar cos éxitos de Bobby “Blue” Bland, e practicamente todas son recomendables, pero o disco que debe figurar nos andeis de todo melómano é Two Steps from the Blues (MCA), un álbum que semella case conceptual. Pero é realmente unha colección de singles que amosa mellor ca ningún outro traballo de Bland o irresistible son que o caracteriza. Publicado polo selo Duke, propiedade de Robey, en 1961, non hai entre as doce cancións que o compoñen nin unha soa que non sexa unha pequena obra mestra. En temas coma “Cry Cry Cry”, “Lead Me On” ou o xa mencionado “I Pity the Fool”, queda claro o talento compositivo de Deadric Malone, e Bland mesmo interpreta dúas pezas escritas por Brook Benton: a que dá título ao disco e “I’ll Take Care of You”. A súa fermosa voz arrecende a blues en cada nota, e Bland exprime a tristura das letras todo o que lle é posible, axudado por uns arranxos de Scott que non poden ser máis apropiados. Se queredes descubrir unha das fontes primordiais do soul, só tedes que achegarvos a dous pasos do blues, da man dun home que modernizou o xénero e o adaptou aos novos tempos.


E, para rematar, déixovos cun vídeo no que Bland interpreta o clásico “The Thrill Is Gone” na compañía de outra lenda da música de Memphis, o seu bo amigo B.B. King. Unha pura delicia!



                                                       ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ