viernes, 3 de enero de 2014

SESIÓN CONTINUA PARA COMEZAR 2014



Existen moitas maneiras de pasar o primeiro día do ano.
Cando era mozo, tras a cea de Noitevella, perdíame en ben diferentes diversións ou conversas na casa dos amigos, deitábame tarde e adoitaba dicir que o 1 de xaneiro só existía nos almanaques.
Agora, será sen dúbida pola idade, os hábitos cambian.

Hai quen dorme case ata a noite, despois dunha longa festa. Hai quen mantén a súa fidelidade ao Concerto de Aninovo (este ano vouno mercar para saborear o programa que propuxo o meu admirado Barenboim) e plántase diante do televisor para gozar da música dos Strauss (non Richard, por suposto) ou quen queda fascinado cos tradicionais saltos de trampolín sobre a neve.
Neste primeiro día de xaneiro, nós decidimos facer unha macrosesión cinematográfica na casa para comezar 2014. Unha especie de sesión continua á vella usanza. Si, tres películas ao longo da tarde, que nos levaron directamente ata a noite. Apetecíanos e así foi.Eliximos, das catro escollidas para a ocasión (quedou fóra, que rabia!, volver a ver O Vampiro de Düsseldorf do gran Fritz Lang) tres filmes ben distintos: unha comedia musical de culto, un documental e unha de corte dramático-romántico.

Comezamos a longa sesión coa película The Blues Brohers Band (Pícaros a todo ritmo). Había ben tempo que tiña ganas de vela. Os Blues Brothers son xeniais cantando e bailando. Para os melómanos coma min, ver a participación no filme de músicos tan grandes coma James Brown, Cab Calloway, Aretha Franklin, Ray Charles, Steve Cropper ou John Lee Hooker, supón todo un acontecemento.
Pícaros a todo ritmo é unha comedia aceda e irreverente. Frenética, sen límites, con moita acción, cun humor intelixente que a un lle permite gozar. Nela, atopas planos moi conseguidos, grandes doses de ironía, sarcasmos, loucuras, crítica e brillantes coreografías cunha BSO de moi alto nivel. O rythm & blues está presente durane toda a fita, algo que agradecemos os que amamos a boa música.
John Belushi e Dan Aykroyd, dirixidos por John Landis, están espléndidos e desenvolven o seu papel con graza e convicción. Non me defraudou esta comedia.

Tras uns quince ou vinte minutos de descanso, continuamos coa velada.
O espírito do ´ 45, do controvertido Ken Loach comezou a xirar no lector. Houbo que abandonar as risas do filme precedente. É este documental, moi aplaudido na Berlinale, un ataque feroz contra o capitalismo e unha reivindicación das políticas sociais levadas a cabo en Gran Bretaña despois da Segunda Guerra Mundial. Ken Loach reivindícaas e é, neste terreo, onde se atopa a gusto porque sabe do que fala. Un documental con enorme vixencia na actualidade, no que, cunhas imaxes memorables, vai narrando en boca dalgúns dos seus protagonistas os logros do goberno laborista dos anos corenta no eido do transporte, da minería, do plan de vivendas, da electricidade, na educación, do ferrocarril e a creación do Servicio Nacional de Sanidade que garantía unha cobertura aos traballadores descoñecida ata ese momento.

Pero as poutas do capitalismo atroz, que representa – como non!- a figura de Margaret Thatcher, acabará desmantelando un estado de benestar que tanto costou artellar tanto no social como no económico. Nacionalización dos servicios básicos fronte á privatización capitalista.
Imposible non ter presente a situación que estamos a vivir, ateigada de políticos corruptos, mentirosos, incapaces e insensibles ao empobrecemento real da poboación que está a provocar feitos lamentables.
Cando rematou este filme rodado en branco e negro, agás os fotogramas finais, poucas ganas tiñamos de falar. É moi san ver estes documentais para reflexionar sobre a cruel actitude dos dirixentes, das entidades financeiras, da industria farmacéutica e demais, que afogan sen escrúpulos aos cidadáns no seu propio beneficio.

A terceira película, Unha mente marabillosa, dirixida por Ron Howard, foi unha fita que deixei pasar no seu momento nos cines. Non me seducía. Doce anos máis tarde, merqueina en blu-ray a un prezo axeitado e decidimos vela.
Pechou a macrosesión este filme de máis de dúas horas de duración. Un filme eficaz no que destaca a enorme interpretación de Russell Crowe. O seu papel, para min nada doado, compensa calquera posible deficiencia que ao longo desta fita alguén poida observar. Contido, expresivo sen alardes, moi metido no seu personaxe, dominando as diferentes situacións interpretativas, Crowe dá vida maxistralmente a John Nash, un matemático excéntrico e moi brillante con enormes problemas de personalidade. Debo salientar aquí que as escenas dos ataques de esquizofrenia que sofre o protagonista están interpretadas marabillosamente polo actor australiano.
Unha película, talvez con trampas; talvez cunha historia do prestixioso matemático algo deformada tendo en conta a complexidade da súa vida; talvez  bastante previsible, epidérmica; ambiciosa, brillante no seu conxunto, pero un filme para cerrar esta longa sesión que gozamos intimamente.




Como podedes comprender, unha forma encantadora de comezar o novo ano.
Feliz 2014, amigos!!!
E bo cine!!!