Recibir
cartas, agora que case xa non se escriben, resúltame un pracer.
Un
costume excitante que tantas páxinas literarias deu en todas as literaturas do
mundo.
Cunqueiro,
Seoane, Del Riego, Neira Vilas, Piñeiro, Núñez
Seixas, Díaz Pardo, Raúl Sotelo, Marino Dónega… son algúns dos
intelectuais galegos cos que eu gocei do xénero epistolar, moi próximo a
desaparecer. Entendín moitos dos seus comportamentos, a través das cartas que
eles cruzaban. Auténticos tesouros.
Teño
un apartado na miña biblioteca, dedicado unicamente a epistolarios de
escritores de todas as épocas, ademais de músicos e pintores, como Van Gogh,
por exemplo.
Fascíname
este xénero e volvo a el decontino.
Pero
déixome levar e vexo que me afasto do motivo real destas liñas.
Un
motivo que non é outro que expresar a maneira coa que un home, a quen admiro
fondamente, me felicitou o ano 2014: Miguel Vázquez Freire.
Antes
direi que falar de Miguel é falar de Filosofía, de teatro, de monicreques, de
cine, de literatura sen idades, de estética, de materiais didácticos
filosóficos, da codirección de coleccións de LIX, de televisión, de preocupación
polos hábitos dos rapaces e rapazas, de pedagoxía, de traducións, de banda
deseñada, de renovación pedagóxica (Nova Escola Galega), de ensaio, de medios audiovisuais … Sigo?
Miguel
Vázquez Freire é, para min, un auténtico intelectual. Moi vivo, ademais.
Miguel
dirixiu a revista Golfiño (fermoso
proxecto). Lembro as súas colaboracións
na Revista Galega de Educación, La Voz de Galicia, A Pizarra, suplemento
educativo do Faro de Vigo, Cuadernos de
Pedagogía, CLIJ etc.
A Miguel dediqueille, de maneira especial, o meu libro A Poesía
necesaria, editado por Galaxia, hai un tempo. E fíxeno porque sentía que eu
lle debo moito do que son, no eido pedagóxico, a este home xeneroso, que sempre
abriu as portas dos seus coñecementos aos demais. Eu aprendín moito del, nuns
momentos nos que se precisaba do seu saber. Eu sería moito menos eficiente no
campo educativo, sen as imprescindibles aportacións de Miguel Vázquez Freire.
E
Miguel é, ademais, un magnífico narrador. Lembro o ano 1987, cando lera a súa
intelixente novela, Proxecto Pomba
Dourada (Editorial Vía Láctea, actualmente en Edicións Xerais).
Impactárame. E, dez anos máis tarde,
emocioneime con Anxos en tempo de chuvia
(na devandita editorial, na súa colección Fóra
de Xogo).
Intentei
facerme cos seus libros e lelos. Pode que algún escapase, pero a maioría están
lidos. Ai, o gato Bogart e a malvada María Xosé e os contos de Reis e Nadal!
Hoxe,
de todos os xeitos, vou referirme ao Vázquez Freire poeta. Por iso lanzo este novo dardo poético. Porque recibín no
mes de decembro un libriño marabilloso. O seu nome: FOLLAS
ACAÍDAS. Versos de ocasión. Fíxome moi feliz o feito de recibilo. E,
ademais, encantáronme os poemas de Miguel, cuns gravados moi interesantes de
José Valentín. Poesía espida, con referencias filosóficas e cinematográficas;
poesía que sinala, poesía que conmove, poesía crítica e intimista. Poesía para
gozar da palabra literaria.
Vexamos
algúns exemplos:
5 MINUTOS
Gravado de José Valentín |
canta o paxaro
flúe o río
que é canto tamén
quen dixo un minuto?
máis tempo hai na música
que tempo hai no tempo
CLEPSIDRA
Gravado de José Valentín. |
u-lo tempo?
dispersión
caos, abandono
laio
desencontro
melancólica escoita
dos silencios
agardanza inútil
do agrado fácil
ata un final
que ben podería ser eterno
u-lo tempo?
E
remato cun poema acompañado dun dos magníficos gravados de José Valentín.
Grazas,
Miguel, por todo.
Con Miguel, en Santiago. |