sábado, 11 de enero de 2014

"LA MONTONERA" , UNHA ALFAIA MALDITA, DE JOAN MANUEL SERRAT.



Joan Manuel Serrat en Vigo.
Que Joan Manuel Serrat é unha desas persoas que, paseniñamente, se foi filtrando na vida sentimental de toda unha xeración, non ofrece ningún tipo de dúbida.

Que nos deu dous álbums extraordinarios que achegaron aos seus seguidores a Antonio Machado e a Miguel Hernández, tampouco se debe discutir.

Que as súas cancións emocionaron (e seguen a emocionar) a unha boa parte da sociedade  deste país, é un feito comprobado.

Mediterráneo, o seu disco máis coñecido, figura no máis alto das listaxes dos mellores traballos da música española.

A min gústame Serrat moito (aínda que estou máis preto do universo de Aute), pero a Susi, a miña compañeira de toda a vida, gústalle moito máis que a min aínda.
Susi e Serrat en Vigo.

Aínda lembro as miñas viaxes balonmanísticas a Barcelona co Teucro, nas que me ía facendo coa obra do cantautor en catalán. Aquí, daquela, era misión imposible mercala.

Al noi del Poble Sec, o seu barrio natal, vímolo en directo ben veces. A verdade é que nunca defrauda. Próximo, faladeiro, profesional, dá todo no escenario para alegría dos seus seguidores. É un pracer velo/escoitalo en vivo.

Máis adiante, terá outra entrada en Versos e aloumiños.

Hoxe está aquí por dous motivos.

O primeiro, porque hai un tempo que saíu a noticia dunha canción maldita de Joan Manuel Serrat: La montonera. Descoñécese, de certo, a quen ía dirixida. Quen foi a muller referida polo cantante. Existen varias suposicións. A min tanto me ten.

Coméntase, ademais, a relación do autor catalán cos montoneros, as súas axudas aos presos políticos arxentinos… Tampouco non vou entrar niso. Non me gustan as suposicións; prefiro feitos comprobados.

O que si queda claro é que Serrat nunca gravou nos seus discos este tema. Podemos afirmar que mira para outro lado se se lle amenta a canción. É, dende logo, unha canción politicamente incorrecta. Mais tamén hai que dicir que é moi fermosa. Segue a liña serratiana dos anos setenta. E circulan por aí versións clandestinas da mesma.

Encantoume.
Así que lla quería dedicar a Susi, que mañá domingo día 12, está de aniversario (non digo o número deste aniversario, pois se enfadaría seguro). Este é o segundo motivo deses dous dos que falaba antes.

Os lectores e lectoras deste blog podedes gozar desta canción comprometida e fermosa. Con todos vós quero compartila. Ben o merecedes por permitir que Versos e aloumiños superase , días atrás, as cincuenta mil entradas.
Escoitade este vídeo e despois podedes xulgar.




E, deseguido, a mesma canción cantada en vivo.




Emocionante. Por se alguén non o comprendera aínda, este é un reflexo da admiración como cantante, como referencia ideolóxica para o pobo arxentino, ademais do agarimo que lle profesan nese país. Como ben se ve, o agarimo é mutuo.