jueves, 2 de enero de 2014

DESCUBERTAS FONOGRÁFICAS ( V ) . ARTHUR ALEXANDER




A primeira vez que fun consciente do nome de Arthur Alexander foi escoitando o primeiro disco dos Beatles, Please Please Me, ese elepé que, segundo parece, gravaron nun só día para Parlophone. “Alexander”, dicía debaixo do título da canción “Anna (Go to Him)” que tanto me gustaba. E o mesmo apelido aparecería pouco despois nos créditos de “Soldier of Love” e “AShot of Rhythm and Blues” que os de Liverpool incluíron nas súas sesións para a BBC. Como tamén me atraeron eses dous temas, axiña procurei unha compilación coas mellores gravacións de Alexander (que non foi nada doada de atopar, por certo), e entón descubrín que o intérprete e compositor desas tres pezas nacera en 1940 en Florence, no estado de Alabama, unha terra fértil no eido musical na que o noso home absorbeu influencias tanto da música negra como da branca, sons que canalizou para a creación dun estilo moi persoal que ás veces era soul e ás veces country e ás veces rhythm and blues sen ser en realidade ningún dos tres ao cen por cento. De feito, o único xeito de clasificar a música de Arthur Alexander sen resultar excesivamente teórico (o que é o mesmo que dicir pesado) é afirmar que é simplemente inclasificable.


A música corríalle ao mozo Arthur polo sangue, pois o seu pai era guitarrista de blues, pero a el non lle interesaba cinguirse só a un estilo. Gustáballe, ademais, compoñer as súas propias melodías, algunhas delas cun son tan preto do country que chegaron a ser rexistradas por cantantes de música vaqueira, aínda que polo momento ningún destes temas chegaría moi lonxe. Alexander tería que agardar ata o ano 1962 para acadar o seu primeiro éxito, “You Better Move On”, unha canción que é boa proba desa música xeneticamente mestiza, a metade de camiño entre o branco e o negro, que para sempre o caracterizaría. Editada polo selo Dot, foi tamén unha das primeiras producións saídas do estudio de Rick Hall na vila de Muscle Shoals, que pronto se convertería nunha das mecas do soul. Pero como moitos dos protagonistas das nosas descubertas fonográficas, Alexander era un adiantado ao seu tempo, creador dunha música idiosincrática cuxa calidade, por desgraza, non sempre quedaba reflectida nas listas. Así, tralo lanzamento de “You Better Move On”, a Alexander levoulle un tempo voltar a situarse entre os máis vendidos, algo que ocorreu cando gravou a devandita “Anna (Go to Him)”. Afortunadamente, aqueles que teñen talento adoitan recoñecer o que é bo cando o escoitan, e non só os Beatles tomaron nota das cancións de Alexander, senón que tamén os Rolling Stones fixeron unha moi meritoria versión de “You Better Move On”, amosando dese xeito a súa débeda co de Alabama.


A devoción que outros grupos máis populares sentían pola música de Alexander, porén, non se traduciría en éxito comercial para el, e despois de varios singles de enorme calidade que non venderon o que se agardaba, Dot deixouno marchar. Fichou entón por Monument e por outras compañías, pero endexamais conseguiría repetir os seus breves intres de gloria, nin sequera a principios dos anos setenta cun excelente disco para Warner Bros. que contiña unha versión de “Burning Love”, que pouco tempo despois ficaría identificada para sempre con Elvis Presley (cuxa morte, por certo, Alexander lembraría nunha canción en 1977). Canso e frustrado polas escasas vendas do elepé, Alexander decidiu retirarse do mundo da música e aceptar un traballo como condutor de autobús, un emprego moi por debaixo do seu talento artístico pero sen dúbida moito máis estable. Aínda que pisaría os estudios ocasionalmente, gravando algunha pequena marabilla coma “Every Day I Have to Cry” (interpretada tamén, entre outros, por Jerry Lee Lewis), terían que pasar case dúas décadas para que publicase un novo disco. Isto ocorreu en 1993, e o seu derradeiro álbum, Lonely Just Like Me (Elektra / Nonesuch) é moi recomendable. Pero a sorte tampouco o acompañaría nesta ocasión, xa que faleceu ese mesmo ano en Nashville sen ter a oportunidade de promocionar o seu traballo final.


Na miña opinión, Alexander é un deses artistas que realmente nunca escribiron ou escolleron unha mala canción, e por iso todos os seus discos poden mercarse con total confianza. Pero un bo lugar para comezar a nosa exploración do seu legado musical é The Greatest Arthur Alexander (Ace), que presenta as súas mellores gravacións para Dot, o período máis representativo da súa carreira. Ademais das catro pezas xa mencionadas que gravaron os Beatles e os Rolling Stones, atopamos aquí temas imprescindibles da súa discografía, coma “You’re the Reason”, “You Don’t Care”, “Dream Girl”, “Go Home Girl” ou “Black Night”, todos eles magníficos exemplos da súa voz cálida e acariñadora e dese estilo tan de seu que ás veces os críticos definen como country-soul, unha etiqueta bastante adecuada pero non totalmente satisfactoria, porque xa dixemos que a música de Arthur Alexander é inclasificable. Quen goce con esta compilación, debe facerse asimesmo con outra que a complementa, The Monument Years (Ace), que contén todos os singles que gravou para Monument e Sound Stage 7, ademais de con Rainbow Road (Warner Bros.), o seu inxustamente infravalorado álbum de 1972. Estes tres CDs, xunto co seu canto do cisne nos anos noventa, son testemuña evidente do xenio creativo dun home único e anovador que, aínda que foi admirado por algúns dos nomes máis importantes do rock, resultou incomprendido pola meirande parte do público. Unha desas pequenas traxedias das que, por desgraza, está chea a historia da música popular.


Coma no caso de Johnny Kidd, desta volta tampouco conseguín atopar vídeos de Arthur Alexander, e por iso déixovos con “Rainbow Road”, unha das mellores cancións do elepé que rexistrou para Warner Bros. a comezos dos anos setenta. Que un tema coma este non acadase éxito ningún faime dubidar ás veces do bo xuízo do xénero humano. Escoitádea e xa me diredes se non estades de acordo.



                                                ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ